sábado, abril 04, 2020

"Cando Zhu Di, entón príncipe de Yan, accedeu ao trono imperial pola forza co título de Yongle en 1402, pediulle persoalmente ao eminente mandarín Fang Xiaoru e ao vicecensor da capital Lian Zining que o servisen (...). Cando Lian se negou, e rifou co príncipe pola súa usurpación, Zhi Di fixo que lle cortaran a língua para calalo. O príncipe de Yan logo xustificou a súa ocupación da capital imperial e o ascenso ao trono do emperador Jianwen dicindo que 'o meu único desexo era o de emular ao duque de Zhou, que acudiu en apoio do mozo rei Cheng*. Dise que Lian meteu entón un dedo na boca e empregando o seu sangue escribiu no chan a frase 'Onde está o rei Cheng?'.

No caso de Fang Xiaoru, a confrontación coa súa maxestade imperial foi igualmente aterradora. O príncipe de Yan, educadamente nun principio, esixiulle a Fang, que fora confidente do emperador Jianwen e seguramente o último oficial en velo con vida, que redactase o anuncio coa sucesión do príncipe ao trono. Cando Fang se negou e alcumou a Zhu Di de criminal, os dous enleáronse nunha acalorada discusión:

Príncipe: Sigo o modelo do duque de Zhou, que serviu ao rei Cheng; non hai máis.
Fang Xiaoru: Onde está o rei Cheng?
Príncipe: Queimouse a sí mesmo no pazo.
Fang Xiaoru: Porqué non nomeas ao seu fillo emperador?
Príncipe: A nación require dun líder maduro.
Fang Xiaoru: Entón porqué non pos no trono ao irmán menor do rei Cheng?
Príncipe: Estes son asuntos da miña familia; non hai máis que dicir.

O príncipe, axitado, pasoulle un pincel a Fang Xiaoru para que escribise o anuncio da ascensión. Fang guindou co pincel no chan, e chorando e chego de carraxe, continuou coa discusión:

Fang Xiaoru: Se teño que morrer, que así sexa. Non penso escribir o borrador do anuncio da ascensión.
Príncipe (en alto): Como podes agardar que a morte veña tan súpeto? Non che preocupa que vaian morrer contigo os teus familiares ata o noveno grado**?
Fang Xiaoru: Como se o fas cos familiares de ata o décimo grado!

O príncipe de Yan, dándose conta de que Fang Xiaoru -que sabía o que lle acontecera ao emperador Jianwen- nunca o recoñecería coma o novo emperador ordeou aos seus lacaios que lle abrisen con coitelos as comisuras dos beizos de Fang ata as orellas. Logo pecharon a Fang nunha prisión, a onde lle traeron aos seus amigos e seguidores un a un. Cando Fang se negou a velos, matáronos. Dise que Fang agoniou por sete días, e que ata que morreu continuou a burlarse das pretensións de Zhu Di, legando un famoso poema á posteridade".

En A Cultural History of Civil Examinations in Late Imperial China, de  Benjamin A. Elman

*O duque de Zhou fixera de desinteresado rexente para o seu sobriño, o rei Cheng, e abdicara das súas funcións coa maioría de idade deste. Zhu Di era tamén tío do emperador Jianwen, mais o que fixo foi rebelarse contra él e, á cabeza do exercito, conquistar a capital e prenderlle lume ao pazo imperial, onde morreu o seu sobriño.
**Para certos crimes, era habitual na China Imperial estender o castigo (neste caso a pena de morte) ás nove relacións do criminal (pais, avós, irmáns, primos, fillos, netos, etc...).



1 comentário:

EOI Noia disse...

E cóntase que cando o estaban a executar, cortándoo pola cintura cunha serra, aínda deu escrito o carácter 'usurpador' no chan co seu propio sangue.