segunda-feira, maio 25, 2020

O Vernero que foi - Abril-Maio '09


Do mesmo xeito que este ano andiven liadísimo coa conversión forzosa da docencia ao formato dixital e co homeschooling do meu pequeno, nos dous meses da primavera de 2009 tampouco é que me sobrara o tempo libre, e testemuño son as (para aquel tempo) escasas entradas que ornan a bitácora, as máis delas moi breves, imaxes ou vídeos. Aos derradeiros traballos do Máster do Universo nos seus respectivos módulos sumábaselles o de organización, xestión e participación no Urbes Europaeae -lamentábelmente, a súa derradeira edición-, que como era de agardar, resultou molto divertente, con excursións a Portugal e ponencias interesantes. Creo lembrar a Tina Bischoff falando da 'Cidade Apocalíptica' de Torrente Ballester, ou ás italianas da Università degli Studi di Napoli "L'Orientale" sobre o "Viaje de Turquía" de Cristóbal de Villalón que me levaría a mercar o libro.

Falando de libros, albisco que lía daquela os meus primeiros tomos de K. Dick, na eterna preparatoria da miña tese doutoral que durme o soño dos xustos nunha pirámide ata o día que teña tempos exploratorios de ocio; algunhas das outras lecturas riman de xeito non buscado con algunha inquedanzas e volumes do presente destas liñas - os Arabesques de Bukharin coa súas memorias que penso mercar un día próximo, o neoplatonismo de Grabar coa miña lectura actual dos Diálogos do Filósofo, o Roman Games de Auget co Spectacles of Death de Kyle que once anos despois por fín me decidín a mirar...

Porén, o máis importante é o que non se escrebe: neses dous meses tiveron lugar os comezos da miña relación coa que a día de hoxe é a miña dona, e nai de Mamoru pequeno, e de días e de lembranzas moi felices que preludiaban unha nova era nos estadios psicolóxicos e vivenciais de FraVernero: o tempo das tebras remataba, e no seu canto abríase un escenario de luz dourada e escintilante tal que o pan de ouro dos mosaicos e iconos bizantinos aos que tanto aprezo lle teño.

Sem comentários: