Nos dous primeiros meses da canícula do 2009 só conseguín escribir unha soa entrada -ningunha en xullo-. Imaxino que xa rematara os traballos do máster, co que a explicación debe de ser que naquel tempo adicábame a disfrutar ao máximo da compaña da miña wife-to-be, que en setembro tiña que retornar ao Xapón ata que conseguísemos arranxar temas de visado/estudos. A entrada que sí conseguira redactar ía sobre lecturas pendentes, moitas das cales seguen agardando a día de hoxe.
Usando precisamente esa entrada de punto de partida, podo facer un pequeno percorrido sobre prioridades e intereses de lectura e as súas mudanzas en diferentes periodos na vida de FraVernero. Porque tempora mutantur, nos et mutamur in illis.
Nesa entrada retraíame a outra anterior, do 2006, e da miña bitácora anterior, A Corte de Camelot. A listaxe nese caso é de volumes que quería mercar, máis que de volumes que estaba a ler. Dos once títulos que apuntaba, nove eran de historia (predominando Annales e Marxista); o peso dos meus vellos estudos aínda pairaba recente sobre mín; dos restantes, un era de teoría política posmarxista, e outro de temática clásica.
O contraste coa listaxe do 2009 é moi notorio: os eidos de Clío ficaron case baleiros, con só dous exemplares (e un de historia da arte). A grande maioría (oito) eran lecturas utilitarias para a miña tese nos eidos das novas tecnoloxías, urbanismo e teoría posmoderna. Á marxe ficaban tres libros que lía por hobby e por vicio: literatura popular (Pratchett), Materialismo Cultural e Shakespeare e o tratado filosófico que escribira Bukharin no caldeiro antes de que o fusilaran.
O seguinte pinchacarneiro lévame ao presente. Nestes intres, as miñas lecturas repártense a partes case iguais entre a literatura chinesa e a clásica, cunha presenza menor pero significativa de cousas de matemáticas e ocasionalmente, algún libro para o traballo sobre a ensinanza da língua inglesa.
Unha diferenza de igual grado que a variación temática é a temporal: agora que non son un estudante, dispoño de moito menos tempo para ler, co que me vexo na obriga de ser máis selectivo e de escoller libros pequenos. Asemade, unha novidade considerábel dos tempos que corren é que a maioría dos libros que leo cada mes son en formato virtual.
Mudan os tempos, e nós mudamos con eles. Porén, as vellas temáticas seguen sendo do meu interese. Quizaves remate por impoñerme unha cuota temática de lecturas, reservando alomenos un dos exemplares do mes a aqueles eidos temáticos que teño algo descoidados...
Sem comentários:
Enviar um comentário