quarta-feira, março 23, 2022

Climbing a mountain

Entre os libros da biblioteca municipal de Outes hai unha presada en inglés que foron donados anos atrás, imaxino que por unha familia de británicos que asentaran na nosa terra, e dos que eu son o case único lector. A súa temática é bastante variada (historia de España e de Gran Bretaña, das exploracións oceánicas, textos literarios clásicos, algo de filosofía...), anque un certo predominio de volumes sobre barcos e episodios navais e algunhas cousas de ciencia fan pensar que o seu anterior dono seguramente cursou estudos técnicos, cicaves de enxeñería naval.

Un exemplar co que levaba pelexando longo tempo sen éxito é An Introduction to the Foundations and Fundamental Concepts of Mathematics, de Eves e Newson.


Fitando a folla de empréstitos na contracapa, constato que é un libro que saquei nas seguintes datas: 26-9-00, 17-2-01, 28-10-17 e 31-8-21. Como tal, é un testemuño mudo da miña curiosidade polas matemáticas que tanto debeu sorprender aos que me coñecen e que se manifestou de xeito máis público no último lustro. Xa no ano 2000, cando aínda estaba rematando os estudos de Historia, tentara sen éxito construír unha cimentación na disciplina que topaba coma obstáculos insalvábeis a miña escasa disciplina, as dificultades do autodidactismo, a miña temperá despedida da ciencia (antes do cálculo de 3º  de BUP e COU) e a escaseza de materiais amigábeis e non demasiado abstractos.

Onte conseguín rematar (e entender!) todo o volume, agás un par de apéndices enrevesados, e a satisfacción é a do acadamento do cumio nunha non pequena escalada; haberá montes moito máis altos aos que agatuñar, pero os pequenos éxitos no camiño teñen que ser celebrados como se merecen, e éste fica selado e carimbado en verbas dixitais semipermanentes, aere perennius, para lembrar nos días que están por vir.

Sem comentários: