sexta-feira, maio 13, 2022

O Vernero que foi - Marzo/Abril/Maio 11

Botando a ollada atrás, pouco que reseñar topo na escuma dos días dos comezos daquela primavera, agás quizaves a impresión de que os ciclos nos que estou iserto nas rutinas da primavera actual son máis ou menos os daquela, na primeira estación florida en que traballaba coma docente de EEOOII. Algo máis interesante foi a pequena visita a Madrid que debín facer aproveitando unha ponte como a deste ano entre fín de semana e Día das Letras Galegas, co gallo de asistir a unhas aulas da cerimonia xaponesa do té.

Na Vila e Corte, en efecto, está o único profesor da escola Urasenke que hai en España, Javier Soei Martínez Gil, e polo tanto, é o único sitio onde se pode un familiarizar con esta arte performativa xaponesa que estetiza de xeito requintado actos tan cotiáns coma os de xuntarse, comer e beber. Coma nunha peza de teatro semi-improvisado, o sadō (茶道) ten os seus actos e esceas, roles e posicións nun taboleiro de catro tatamis e medio mais, parcialmente, o xardín adxacente, xunto con guións máis amplo que mudan paseniñamente co paso das estacións, cos artefactos dispoñíbeis e cos convidados que veñen de visita. Aquí tedes, por exemplo, unha desas esceas: o anfitrión traendo os implementos. Parte disto (dobrar o pano, limpar a culler de madeira) é o que practiquei neses días.

Alén da distancia, outro obstáculo que me dificulta acudir a máis aulas é o problema do xeito formal de sentarse: o seiza require botar longo tempo coas pernas dobradas e sentado sobre os muslos e os xoenllos, o que acaba provocando dor e perda de sensibilidade aos que non están acostumados; a maiores, no meu caso teño uns xoenllos moi sensíbeis: unha vez mesmo sufrín un esvaemento logo de botar uns dez minutos cos xeonllos apoiados nun chan de madeira.

Por eses meses andaba tamén atarefado 'on the side' coa tradución ao galego do TAZ de Hakim Bey que me solicitara Roberto Abuín e a editorial Axouxere, e que estaba a realizar a dúas mans co entrañábel Pablo Varela Pet. Un texto curioso e algo psicodélico, mais que recomendo encarecidamente pola súa exploración de 'espacios outros' de liberdade, fuxidíos pero indestructíbeis na súa pervivencia e migración. Saiu publicada en xuño e presentámola nun acto moi entretido na Gentalla do Pichel.




Sem comentários: