sábado, agosto 13, 2022

Sweet and Sour

Xa vos falara nunha ocasión dos meus gustos frugívoros, mais dado que estamos de vacacións, permítome outra volta cunha pequena e frívola entrada estival, reflexionando sobre gustos alimentarios, e non estéticos. Dende uns anos atrás, e nun esforzo por mellorar os meus hábitos, obrígome a almorzar só froita. Un pensaría que o padal acabaría adaptándose, pero sigo sendo un adicto terminal do doce, e botando de menos o par de torradas con manteiga e mermelada de amorodos que foron durante moitas décadas a miña primeira comida da mañá.

Como suporedes, o meu gusto en froitas, en consecuencia, vai en orde descendente dende as máis ás menos doces. No podio están non só aquelas con moita fructosa, senón as que amais teñen moi pouca acidez de acompañamento: figos, peras, melóns, cherimoias, plátanos ou dátiles (os تمر المجهول son a comida dos deuses; penso que podería sobrevivir permanentemente cunha dieta de éstes e leite fresco).

Porén, tamén se da un feito paradóxico: hai algunhas froitas nas que aprezo, dentro duns límites, a presenza de acidez. O caso paradigmático son os cítricos: goréntame os pomelos incluso sen ningún azucre engadido, ou os zume de lima e limón co mínimo edulcorante e algo de diluimento en auga. Este verán, que foi moi xeneroso en limóns, permitiume calcular as proporcións perfeitas de limonada: unha parte de zume recén exprimido da árbore da horta (variedade Eureka), outra parte de auga e de 4 a 5 dunha gaseosa neutra, con ou sen zucre. Tamén están ben os tamarindos (sen pasarse, que a variedade non doce é coma lamber limóns!), as milgrandas, as mazás ou as arandeiras vermellas (necesariamente, secas). E logo hai froitas onde ata o menor indicio de presenza do agre me provoca un case total rexeitamento, coma nos pexegos, ameixas, amorodos, cereixas ou arandos. Finalmente, tamén cabe mencionar as que mellorar moito coa cocción (anque isto realmente vale para todas, aos liberárense e caramelizar os azucres e reducirse a auga e as sustancias acedas): feixoas, goaiabas, roibarbo, marmelos... Como me repite a miña dona en moitas ocasións, teño o padal dun neno pequeno...

Sem comentários: