terça-feira, agosto 23, 2005

Mythos

Hai dúas aficións que levan moito tempo comigo: unha sorprenderá aos meus amigos; a outra non. Son a Microbioloxía e a Mitoloxía respectivamente.
Eu tamén fun un rapaz pequeno (parece mentira). Sempre fun un lector precoz, pero con 6 anos literatura non lía moita (os meus pais estimulábanme a ler, pero eles mesmos non é que tocasen os libros de cando en cando, polo que difícilmente podían recomendar e dirixir lecturas). O da microbioloxía debeu ter orixe con aquela serie, 'Erase unha vez... o corpo humano'. Resultábame fascinante como esas criaturas microscópicas, os virus e bacterias, nos podían facer tanto mal. Nos libros de medicina tomaban formas xeométricas e fermosas, e presentaban síntomas e efectos do máis variado sobor de nós. Daquela foi doado aprender o mecanismo básico dos virus bacteriófagos (é o esquema que sempre aparece nos libros sobre como actúan os virus); nembargantes, aínda a día de hoxe ignoro a relación entre uns bichiños matando células e o xurdimento de pústulas por todo o corpo (varicela, sarampelo), as febres (rubeola, febre amarela), aparición de bubóns (peste) ou cavidades pulmonares (tuberculose)... Quizaves fagan falla datos demasiado técnicos para explicalo...
Pero voltando aos Mitos... Éstes constitúen unha continuación lóxica e entretida dos contos para rapaces (noutro lugar explicaremos as coincidencias e separacións do mítico e o folklórico). Lembro o percorrido polas páxinas da 'Crónica da Humanidade' parándome nas entradas con debuxos-fotos do Libro dos Mortos exipcio e dos Deuses gregos-romanos esculpidos en mármore.





Anos máis tarde (cando estaba en Inglaterra) mercara un libro fascinante, que aínda conservo comigo: "Classic Ancient Mythology". Era un percorrido a través de fotos e textos breves das crenzas exipcias, gregas e romanas. A súa lectura está detrás dun textiño vello que escribira na (por fortuna) case desaparecida Caramuxa nº1: 'Dialéctica da Mitoloxía'.
Lembro tamén uns libros que sacaba Xerais, moi ben ilustrados, e que foron unha primeira aproximación a lendas vikingas, africanas, rusas e xudeas. E moitos máis libros despois...
No instituto, o fascinio pola Guerra de Troia. A lectura emocionada da Ilíada e a Odisea, viaxando con Odiseo, 'fecundo en ardides' por terras ignotas, chorando a morte de Héctor e a excidio Troiae..., buscando con sede insaciábel os episodios que se lle esquenceran a Homero...
Hoxe quero lembrar simplemente a lenda de Gaio Mucio Scaevola. Este nobre romano teríase prestado voluntario para asasinar ao caudillo Etrusco Lars Porsenna, inimigo da nacente república. Infiltrouse no campamento rival mais, por erro, asasinou ao secretario do rei en vez de ao seu obxetivo. Despois disto, e para demostrar que os romanos eran homes destemidos, meteu a man dereita no lume, deixando impávido que se consumise.



¿E porqué Scaevola? En latín, a palabriña significa 'zurdo', e levábaa como apelido unha gens famosa, presunta descendente do heroe mítico. Eu tamén son zurdo, anque non queimase a man dereita nun acto glorioso: M. Scaevola tamén me acae como nome (non Mucius; Manuelus, supoño, da 2ª declinación). Manolo o Zurdo, vamos.
¿E qué diredes dunha persoa tan racional coma min enguedellado nas redes de bronce* do mítico? ¿Evasión?¿Dialéctica negativa?
O mundo está cheo de sorpresas.
*En redes de bronce conta tamén o mito que foron atrapados Ares e Afrodita polo marido celoso, e suxeitos despois a público escarnio nos cumios do Olimpo.

7 comentários:

Anónimo disse...

Son unha gran admiradora túa, os teus artigos son unhas xoias de gran calado intelectual, inapreciables nestes duros tempos de menosprezo a cultura. Xa que falamos da infancia, moi remota no teu caso,gustariame coñecer a túa opinión sobre a serie Los Aurones, e ó mítico Galloza, Maestro de maestro na comicidade. O outro día discutía cunha boa amiga miña quen era mellor se Epi ou Monstro das galletas. E que me dis de Muzzy. I´m Muzzy big Muzzy.

FraVernero disse...

Bon, xa que nos pomos nostálxicos, será bo aclarar dúas ou tres cousas, logo.
Para o sulcador dos océanos: eu tamén era moi aficionado de rapaz aos libro-xogos (quizaves faga un artigo sobre eles; moi de moda agora cos cultural studies), anque os que hai por aquí son bastante malos. Lembro uns de D&D regulares, e uns boísimos (que sí entraban na categoría 'xogo de rol', con tiradas de dados e pelexas) que topara na biblioteca da escola, en Inglaterra. Terei que buscar por eles...
Para a anónima, dicir que as aventuras dos Potty-potty, se ben non chegaban ás delicias proporcionadas pola 'Bola de Cristal' (¡¡un programa comunista para rapaces pequenos!! qué nostalxias dos electroduendes, a Bruxa Avería e os Monster en branco e negro...), tamén tiña o seu aquel. Os bonecos estaban bastante ben para a época (era de grandes programas; tamén lembro a serie 'V', auténtica metáfora a nivel de cultura popular do Holocausto Nazi.
Muzzy era gracioso. Daquela eu non tiña nen idea de inglés, e o que aprendía viña en parte dese monstro ridículo berrando I´M MUZZY... BIG MUZZY! Parecía que ía liarse a leches con todo deus... Logo o rei e a raíña... e o malo, que dicía 'I´m clever', que daquela eu pensaba que debía significar 'son malísimo'...
Se é que 'buscando no baúl dos recordos... Wuuu... calquera tempo pasado nos parece mellor'.
En realidade, non tal.

Anónimo disse...

¿A microbioloxía? Es unha caixa de sorpresas... Estou fascinado. Celebro a apertura deste blog, que vexo que coma sempre comeza a encherse con artigos moi interesantes. Unha aperta

Anónimo disse...

Saudos Seneschal:
Eso dos mitos e da microbioloxía está moi ben home, pero metete máis no tema.... unha das miñas pasións é o Antigo Exipto fasciname enormente a súa civilización, unha cultura abanzadísima para unha época onde non se coñecía a roda nin a polea pero que levantaban enormes monumentos cunha exactitude que nin se acadaría hoxe en día cos mellores arquitectos.
Nin qué contar das Pirámides de Gizeh, representación da constelación de Orión na propia terra, que para os antigos exipcios representaba ó Deus Osiris (Deus dos mortos), construccións feitas co obxetivo de crear unha porta que mostraba o camiño ó máis alá...
Espero que teñas en conta a miña petición e me sorprendas un día destos.

Saudos a todos.

Anónimo disse...

aaaaahhhhh...

seneschal,

A amplitude das túas miras nunca deixará de sorprenderme, monsieur.

Coma sempre fascinante...

Solicito desde a posición de privilexio que a amizade, a admiración e o comparatismo me conceden unha próxima entrada sobre Savonarola...

(Quizais en relación con Barthes e a súa análise trifurcada de Sade, Loyola e Fourier.)

FraVernero disse...

Canta petición...
Pero como son de meu benévolo, farase un esforzo. Ao seren dúas suxerencias tan só (alomenos por agora...), segue sendo un proxecto moi asequíbel... Tanto, ou máis, que o Proxecto Ilustrado...
xD

Anónimo disse...

gostei do teu blog
entrei buscando imagens de familias romanas e dei com este blog
gostei do q escreveste