"¡Menudo Vilán Ilustrado! / Dádelle para que lea / a Política de Aristóteles"
Lope de Vega, 'Fuenteovejuna'
Fai moitos anos (nos primeiros exemplares da nosa 'caramuxa') adicábame a escribir sen ton nen son sobre calquera tema que me interesase. Era, amais, bastante prepotente daquela, e iso que non sabía moito dos eidos que comentaba.
Dende unha postura máis modesta, o formato blogueiro vaime permitir recuperar o pouco bo que podían ter aqueles artigos abertos. Nestas liñas, unha breve reflexión sobre a ideoloxía e os partidos políticos que os politólogos (se algún visita esta bitácora) poderán corrixir a pracer.
Imos aló.
O tema que traio a colación é o conflicto que todo partido político experimenta entre dous sectores estructurais da súa militancia e filiación: poderíamos chamalos o sector empírico-pragmático e o sector ideolóxico-idealista.
En teoría, todo partido político se constitúe arredor dunha determinada visión da realidade e dunha serie de obxetivos que pretende acadar por diversos medios. Este conxunto de teorías unifícanse nun corpus ideolóxico que, a priori, asúmese que todo membro do partido (incluídas incorporacións) aceptan con matices como 'a verdade'.
¿Pero qué pasa cando o conxunto teórico (como se dou o caso, por exemplo, nos partidos social-demócratas de finais do XIX) plantexa un modelo (neste caso, revolución social; destrucción da división clasista da sociedade) que está moi afastado da praxe cotiá á que esa organización se vé sometida?
Os partidos e as ideas non viven nun espazo sideral, senón nun mundo real con loitas e desequilibrios de poder. Rara vez contan cos medios para impoñer total e absolutamente as súas ideas. Este contacto coa realidade pode plantexar (e plantexa) oposicións con respecto ás ideas iniciais e ao 'programa ideolóxico'. Un programa que por natureza é difícil de modificar: é o motor inicial do partido e asúmese como un repertorio de 'verdades' non doadamente renunciábeis.
Un partido que conte cun desfase notable entre a súa teoría e a súa praxe política pode pasar por periodos máis ou menos longos de equilibrio inestábel (por exemplo, mantendo o discurso 'revolucionario' cara a galería ou cara un futuro considerado polo momento moi lonxano, namentras leva a cabo unha política 'real' de presencia nas institucións e de micropolítica -en concellos, asociacións veciñais, culturais, etc...); nembargantes, é previsíbel que a partir de certo momento, as novas inercias creadas, o peso cada vez maior de sectores 'empírico-pragmáticos' no partido (burócratas, novos afiliados) vaia desprazando os esquemas ideolóxicos, ata chegar á renuncia oficial e/ou adecuación ao marco político imperante (léase o revisionismo, Suresnes e os progresivos aggiornamentos polos que pasa o BNG). Unha tendencia que o desempeño de 'política real' (a chegada a cargos de poder) acelera aínda máis.
¿É acaso unha tendencia inevitábel?
Doutra banda, temos o exacto contrario. Neste caso, trátase dos pequenos partidos do extremo político. Carentes totalmente de poder político real, dos medios para transformar a sociedade segundo os seus desexos, tampouco necesitan adaptar os seus esquemas ideolóxicos á realidade. Poden sentirse 'xustos' e 'puros', e captan á súa militancia polo método inverso que os grandes partidos: neste caso, os sectores ideolóxico-idealistas son os que pesan no partido.
Mais iso ten pinta, claro, dun autoengano sectario, un consolo que se plasma na imposibilidade de facer algo máis que 'xogar a revolucionarios'.
¿Qué vos parece?