domingo, janeiro 29, 2006

Íntimo e indiscreto (II)

Unha pantasma percorre Europa -non, dende logo, a do Comunismo; ben sabemos xa do naufraxio dos metarrelatos, e de como a escuma dos días conversa en praias remotas con taboas apodrecentes-.
É o frío.
O bafo dun espírito maligno sopra dende Siberia, e as súas verbas tecen un manto de neve. Branca, fermosa, hipnótica.
Rescato a emoción dunha tarde, xa fan moitos anos: nevaba en Compostela. Durante horas contemplo a caída das folerpas detrás dos vidros do meu antergo piso.
Desconfío da brancura. Ben o sabía Melville, e deixouno cifrado no capítulo 42: "Da branqueza da Balea".
Tamén desconfío de tí.
En xeral, os meus soños, por interesantes que sexan, non teñen tendencia a repetirse. E menos aínda a repetirse contigo ocupando o espazo da Amante. Anque tamén é certo que antes non che coñecía, o que dificultaba notoriamente a túa invasión.
Estabamos nun xardín frondoso. Árbores e cursos de auga. Dalgún xeito, percibo uns muros e paseos na lonxanía (estamos, logo, no paraíso - avéstico pairidaeza, xardín pechado).
No primeiro plano, un banco de pedra. E a catedral de Santiago.
Convén aclarar ese estraño ser-e-non-ser das cousas do mundo onírico. Porque o pequeno edificio que tiñamos diante -anque fose unha igrexa minúscula, de portada románica- era a catedral de Santiago.
Xogueteamos no banco. Mancábache lixeiramente. Por uns instantes, souben que o desexo fora arrebatado en carro de lume. E ti con el.
Polo que entrei no templo. Por suposto, o interior era moito máis grande que o exterior, e dunha decoración ao estilo do barroco brasileiro: neno Xesús de Praga, abundancia de estucos, dourados e florituras; flores reais e de escaiola. A igrexa está ateigada. Fabrico unha máscara de sorriso sardónico e ton enfermizo; converso animadamente co público na hora da comunión.
E como no soño previo, a igrexa vaise tornando paseniñamente nunha biblioteca. Anaqueis de libros correndo daquí para alá.
Non me malinterpretes. O meu concepto do paradisíaco certamente inclúe libros. Sería algo así como os fondos de Historia ou Filoloxía: olor a rancio, ringleira tras ringleira de volumes, pouca xente e todo o tempo do mundo. Como un é carnal despois de todo, tamén farían falta discretos cubículos apartados por veos de muselina onde disfrutar de huríes e ríos de mel e opio.
Nembargantes, desacóugame o lugar que últimamente ocupan as Igrexas/Librerías nos meus soños: estraño interludio entre momentos de erotismo.
Xa me explicarás o que quere dicir...
Despois camiñábamos xuntos. O resto é indiscreto. Digamos tan só, coma Othello que

"She gave me for my pains a world of kisses"(I.iii.157–158)

Agora, agardo unha explicación. Despois de todo, algúns pobos consideran o Mundo dos Soños tan real coma o Mundo da Vixilia. E teño dereito a esixirche que expliques esta entrada de cazadora furtiva.
E como mínimo, unha de dúas: ou unha disculpa ou unha declaración de amor. Coma o Desexo e máis eu somos persoas moi mal avenidas, sospeito que será o primeiro. Mais a esperanza é o último que se perde, ¿non?.
Mentres agardo, pérdome. No Labirinto da Espiral de Tinta que Tan Ben Coñeces poderás atoparme cando queiras...
Pero non tardes moito. A paciencia e unha das numerosísimas virtudes das que carezo.

Bicos

Eu.

P.S.: Caso de que necesitaras algunha outra pista para auto-recoñecerche, recoméndoche que a busques no poema 'Concerto Barroco' de Ramón; daraste conta que o cadro lírico que describe non era moi desemellante ao que nós mesmos trazamos.

terça-feira, janeiro 24, 2006

Orfeu en Compostela

Brevemente, aproveito este espazo virtual para facer saber a tódolos lectores e lectoras desta bitácora que o XOVES, 26 de Xaneiro terá lugar a presentación do poemario 'Orfeu en Soños', de Ramón Blanco Fernández, en Santiago de Compostela. O acto desenvolveráse na Galería Sargadelos a partir das 8 da tarde, e estará presentado por David Pérez Iglesias e Paulino Vázquez.

Se podedes, non deixedes de acudir.


"Esperta este Orfeu en soños de vedraia tumba de marbre, nun illote fronte ás costas de Tracia, erguendo a fonte limpa do seu canto e a súa profética sombra (Pantasma de dubidoso aspecto) dende as primeiras páxinas do libro. Mais non recalará a súa lira nas costas mediterráneas –homérico mar, escuro coma o viño–. Na súa singradura escorregan ronseis e hexámetros clásicos sobor das ondas, e os timoneis –de Ulises a Derek Walcott e Manuel Antonio– sucan por mares nunca de antes navegados. O obxetivo son as Illas Afortunadas, metáfora ou paráfrase incompleta da Arte e da Poesía Boa. Cada poema é arquipélago de seu; os versos, as imaxes corren en carreira desbocada, iluminan uns instres antes de apagarse –como chama– e seren sobrepasadas na carreira. Recalada nunha illa: rubimos entre o recendo de rústicas flores a tortuosa xeografía da sintaxe".

segunda-feira, janeiro 23, 2006

Intimo e Indiscreto

Baixo un titular tan á maneira de Jane Austen quería fiar hoxe algunhas reflexións arredor da chegada ao vixesimo-sexto Inverno do meu Descontento.
Parece mentira que unha persoa aínda nova lle dé tantas voltas ao problema de envellecer. Non ha de ser inocente quizaves o influxo zodiacal: os Capricornio temos sona de Saturninos (é o noso planeta rexente; e as túnicas longas, reloxos de area, fouces e carros tirados por dragóns non son símbolos que animen precisamente á xovialidade e esperanza...).
Maiores culpas acugulan as miñas tendencias enfermizas cara a nostalxia e a autocompaixón. E nembargantes, as nosas virtudes e defectos soen ser as dúas caras da mesma moeda: a fronteira entre a nostalxia aguda e o amor paixonal polo coñecemento do pasado (persoal ou non) ven a ser, no fondo, difícil de trazar. Ámbalas dúas funcionan ben como fontes de inspiración (estou pensando en textos melancólico-críticos, como as excelentes novelas de Mervyn Peake e o castelo de Gormenghast).
A sensación de vivir sobre tempo prestado, e o cambio inminente e non desexado... Ou o recoñecemento de que xa é hora de resolver os flecos pendentes, e o temor paralizante...
A miña traxicómica vida sentimental, por exemplo. Hai coma un frío de pedra que nos vai invadindo polos pes, insensibilizándonos pouco a pouco. Se deixamos que a rixidez da cicuta se apodere dos nosos membros, acabamos cedendo ao Tempo e deixándonos apreixar na comodidade das nosas vidas de ámbar e as súas pequenas ledicias rutinarias.
Os soños...
Os soños, por exemplo. No meu caso, soen ser agradables e creativos, e máis pracenteiros que a vida-de-día. Son serios competidores dos libros, da música, das películas. E o seu consumo dá moitísimo menos traballo.
Misturando un pouco de todo: o outro día soñei coa miña primeira moza: unha rapaza encantadora, comunista, intelixente, do 'Arrabaldo do Norde', San Sebastián de los Reyes. Como en tódolos soños que se precen, o seu remate viña dado por un bico, co subseguinte espertar...
Mais abonda de lavar a colada. Para os curiosos da miña vida persoal, esta pequena dose de indiscreción terá que chegar por un tempo. Para os demais, paciencia con esta pequena auto-indulxencia...
E para Tania, onde queira que estexas, ti que nunca lerás estas liñas, os mellores desexos de felicidade.
E un bico.

segunda-feira, janeiro 16, 2006

Encantada Indignación

É a que me produce a lectura do libro de Zygmunt Bauman "Lexisladores e Intérpretes", unha serie de lúcidas reflexións sobor da modernidade, postmodernidade e as funcións dos intelectuais.
O libro está marabillosamente ben escrito. Agradécese no traballo deste sociólogo a claridade expositiva, a gran calidade da súa prosa, a fermosura das metáforas e símbolos expositivos. En contra do que soe suceder cos teóricos do postmodernismo, o retorcimento e a escuridade deliberadas brillan pola súa ausencia.
Nembargantes, a tese é a clásica na liña foucaultiana de saber/poder. Para os profanos, un pequerrecho resumo:

Coa chegada do Renacemento e os seus cambios (explosión demográfica, crise dos modelos tradicionais de control social, ruptura da unidade relixiosa e dos discursos medievais de verdade), as élites dirixentes atópanse en dificultades. A saída virá da man dun proxecto de reordenación e control da realidade moito máis metódico do que se estilaba antes, a través de figuras de control e de saber: os gobernantes pasan de coidadores de reservas naturais ('gamekeepers') a xardineiros (´gardeners').
Sobretodo no século XVIII é cando se produce a fusión entre uns discursos de verdade e razón creados polos filósofos en Francia e un poder político que pretende disciplinar e racionalizar aos cidadáns. É a ecuación poder/saber, e o modelo panóptico de encadramento: escola, exército, cárcere. Os intelectuais pretenden actuar como 'lexisladores' da realidade.
Nembargantes, a consolidación dos gobernantes no poder rápido aílla aos intelectuais, e a evolución histórica acentuará isto, ata a chegada da postmodernidade: coa crise dos discursos de verdade da Modernidade, os intelectuais xa non son requeridos como ´lexisladores', anque a eles lles custe abandoar aquilo para o que foron preparados. Nunha era que desconfía das verdades absolutas, só lles queda o reducido papel de Intérpretes entre as súas comunidades histórico-culturais e as demais.


Por suposto, cada parágrafo do libro implica para min unha cómica discusión en voz alta co autor -discusión bastante indignada, amais. Tento evitar que me persuadan os cantos de serea de Zygmunt (premio Adorno no 98, por certo).


Terei que botar man das ferramentas de sempre: Terry (un repasiño na biblioteca a 'The Illusions of Postmodernism'), e agora Christopher Norris, un dos maiores especialistas en Derrida e filosofía da ciencia, e ácedamente crítico co pensamento 'feble'.

¿Rescataranme da Seducción? Agardemos que sí...

segunda-feira, janeiro 09, 2006

Xeografías Crueis e Inusuais



Os que me coñezan saberán da miña paixón e horror pola xeografía dos Campos de Concentración e de Exterminio dos Nazis.
A estampa navideña converte a Auschwitz nunha postal onde os horrores están agochados, por uns segundos tan só, nos límites da percepción.
Son os pequenos detalles os que máis horrorizan. A porta forxada con esmero e artesanía, as letras grabadas na porta de Sachsenhausen...



E os mapas dunha xeometría pervertida: Sachenhausen, Treblinka, Sobibor, Mauthausen...

quarta-feira, janeiro 04, 2006

Noel Blanco Mourelle said...

Dun Blanco pasamos a outro Blanco, sempre dando no idem da diana. Ámbolos dous comparten bonhomía, intelixencia estremada e imensa capacidade poética. Eu conto coa sorte das súas amizades.
Velaiquí tedes unha reflexión que me mandou Noel dende a Cautividade Babilónica do Comparatismo en Bologna. Anque isto non é de todo certo: onte estiven con el en Santiago -pequeno paréntese antes de que o vaia visitar ao norte de Italia, quizaves en Marzal-.
Estou seguro de que as atoparedes tan interesantes como as topei eu.

MEMORIAL

(para X.L.M.C.)

Se se pretende contar unha vida son necesarias poucas palabras, máis se se trata da vida dun escritor: naceu, escribíu e despois morreu. Deste ou doutro xeito semellante llo explicaba Heidegger a alumnos que pensaban atopar quizais certa iluminación na entidade casual dun discorrer de vivencias. Ver non é todo; a atmosfera en suspensión entre os corpos representa un nivel primeiro porque do seu rexistro parte a máis enganosa e sibilina das representacións falsas do obxecto: ubicación histórica da alegoría do espello. Cando o conto trata do suxeito non paciente o diálogo sobrevén a si mesmo amplificándose e convertindo a súa comparecencia en xustificación, o seu motor externo en necesidade.
Constatación lectora – a cada suxeito correspóndelle unha dramática posición que a separa doutro calquera por un salto cualitativo (fundamento aritmético da teoría da cultura). Non debe ser tido por casualidade que as palabras que eleximos asociar como signo histórico a esa inestable unidade de medida que a socioloxía decidíu denominar como masa sexan (tamén): Ich bin die Revolution! [Je suis la revolution!].
Tamén a provocación é unha unidade de medida derivada de dimensións retóricas específicas.
Hai na escolla un valor afirmativo (inalienable) da categoría institucional que debe ser abordado no senso de acción-cara-o-enfrontamento. No momento en que a entidade consumidora devén, analizada, espectro, desdobramento en imaxes de procesos sucesivas que encerran dentro de si as posibilidades alternativas encontro/desactivación, a ubicación de carácter xenérico, ubicación a priori, e a máscara das regras que esta ubicación comporta dispoñen a favor dun funcionamento do texto en tanto entidade material (le texte n’existe pas) e alén da súa condición de percorrido temporal como virus inoculado nun sistema. É posible que o texto enfronte a natureza do mercado con ela mesma e, así, a ubicación deba ser necesariamente incerta. A infección e as consecuencias que comporta son de todos intuídas aínda que o seu ataque sexa diferente dos movementos frontais. Que unha afirmación de orixe deveña movemento da maquinaria non ten, polo demais, nada de particular. O consumidor, a pesares disto, pode estar en disposición de advertir matices que non revelen un senso positivo, senón que leven a cabo a descrición parcial dunha imprevisibilidade.
O lugar do consumo será o da inquietude. Non tendo rexistradas variacións categoriais o suficientemente precisas, o suxeito poderá repensar percorridos e abrazar a un tempo hipóteses excluíntes. Tal é o carácter necesario desa variación, tal a posibilidade de terrorismo de desestabilización das correntes de producción/consumo.
Dedúcese que o límite do fenómeno literario está sempre en continua expansión, reorientando a dialéctica centro-periferia e planificando os mecanismos de asunción por parte do mercado. A lóxica da expresión estará sempre por tanto fóra de si mesma, a arquitectura interna incluirá elementos perturbadores e a ubicación xenérica será sempre difícil.

O espazo entre suxeito e multitude é un salto cualitativo da capacidade de acción. Ubicar novamente calquera debate en torno a unha antinomia entre “acceso” ou “non-acceso” ó texto por parte do consumidor, entre non-elitarismo e elitarismo comunicativo, resulta banal. Tales posicións proxectan sombras alongadas. Afirmar por tanto a farsa do monumental cadáver exquisito que a historia da literatura devén hoxe en tanto conto da experiencia da sucesividade leva a pronunciar un non ó igualitarismo estético (considerando que a estética si é necesaria como sismógrafo das posibilidades de subversión). O xesto da periferia será fundamental: a súa lectura vai ligada a un perfil de formación específico do consumo. ¿Intelligentsia?, ¿elitismo? En realidade nada que se pareza a etiquetas xa gastadas. Deberá entenderse un lugar de consumo fundamentado pola opción dramática da desalienación permanente: do recoñecemento do non-obvio como categoría productora de discurso.