quarta-feira, janeiro 04, 2006

Noel Blanco Mourelle said...

Dun Blanco pasamos a outro Blanco, sempre dando no idem da diana. Ámbolos dous comparten bonhomía, intelixencia estremada e imensa capacidade poética. Eu conto coa sorte das súas amizades.
Velaiquí tedes unha reflexión que me mandou Noel dende a Cautividade Babilónica do Comparatismo en Bologna. Anque isto non é de todo certo: onte estiven con el en Santiago -pequeno paréntese antes de que o vaia visitar ao norte de Italia, quizaves en Marzal-.
Estou seguro de que as atoparedes tan interesantes como as topei eu.

MEMORIAL

(para X.L.M.C.)

Se se pretende contar unha vida son necesarias poucas palabras, máis se se trata da vida dun escritor: naceu, escribíu e despois morreu. Deste ou doutro xeito semellante llo explicaba Heidegger a alumnos que pensaban atopar quizais certa iluminación na entidade casual dun discorrer de vivencias. Ver non é todo; a atmosfera en suspensión entre os corpos representa un nivel primeiro porque do seu rexistro parte a máis enganosa e sibilina das representacións falsas do obxecto: ubicación histórica da alegoría do espello. Cando o conto trata do suxeito non paciente o diálogo sobrevén a si mesmo amplificándose e convertindo a súa comparecencia en xustificación, o seu motor externo en necesidade.
Constatación lectora – a cada suxeito correspóndelle unha dramática posición que a separa doutro calquera por un salto cualitativo (fundamento aritmético da teoría da cultura). Non debe ser tido por casualidade que as palabras que eleximos asociar como signo histórico a esa inestable unidade de medida que a socioloxía decidíu denominar como masa sexan (tamén): Ich bin die Revolution! [Je suis la revolution!].
Tamén a provocación é unha unidade de medida derivada de dimensións retóricas específicas.
Hai na escolla un valor afirmativo (inalienable) da categoría institucional que debe ser abordado no senso de acción-cara-o-enfrontamento. No momento en que a entidade consumidora devén, analizada, espectro, desdobramento en imaxes de procesos sucesivas que encerran dentro de si as posibilidades alternativas encontro/desactivación, a ubicación de carácter xenérico, ubicación a priori, e a máscara das regras que esta ubicación comporta dispoñen a favor dun funcionamento do texto en tanto entidade material (le texte n’existe pas) e alén da súa condición de percorrido temporal como virus inoculado nun sistema. É posible que o texto enfronte a natureza do mercado con ela mesma e, así, a ubicación deba ser necesariamente incerta. A infección e as consecuencias que comporta son de todos intuídas aínda que o seu ataque sexa diferente dos movementos frontais. Que unha afirmación de orixe deveña movemento da maquinaria non ten, polo demais, nada de particular. O consumidor, a pesares disto, pode estar en disposición de advertir matices que non revelen un senso positivo, senón que leven a cabo a descrición parcial dunha imprevisibilidade.
O lugar do consumo será o da inquietude. Non tendo rexistradas variacións categoriais o suficientemente precisas, o suxeito poderá repensar percorridos e abrazar a un tempo hipóteses excluíntes. Tal é o carácter necesario desa variación, tal a posibilidade de terrorismo de desestabilización das correntes de producción/consumo.
Dedúcese que o límite do fenómeno literario está sempre en continua expansión, reorientando a dialéctica centro-periferia e planificando os mecanismos de asunción por parte do mercado. A lóxica da expresión estará sempre por tanto fóra de si mesma, a arquitectura interna incluirá elementos perturbadores e a ubicación xenérica será sempre difícil.

O espazo entre suxeito e multitude é un salto cualitativo da capacidade de acción. Ubicar novamente calquera debate en torno a unha antinomia entre “acceso” ou “non-acceso” ó texto por parte do consumidor, entre non-elitarismo e elitarismo comunicativo, resulta banal. Tales posicións proxectan sombras alongadas. Afirmar por tanto a farsa do monumental cadáver exquisito que a historia da literatura devén hoxe en tanto conto da experiencia da sucesividade leva a pronunciar un non ó igualitarismo estético (considerando que a estética si é necesaria como sismógrafo das posibilidades de subversión). O xesto da periferia será fundamental: a súa lectura vai ligada a un perfil de formación específico do consumo. ¿Intelligentsia?, ¿elitismo? En realidade nada que se pareza a etiquetas xa gastadas. Deberá entenderse un lugar de consumo fundamentado pola opción dramática da desalienación permanente: do recoñecemento do non-obvio como categoría productora de discurso.

12 comentários:

Anónimo disse...

Pois mañá espero que me toque a min diván con estoutro Blanco, o chegado de Bologna. Como diría o outro, por alusións (e por ilusións tamén).

p.s.: supoño, Fra, que nin vostede (retórica) reprimiu a curiosidade, nin el (El) fixo esforzo algún por manter silencio. En fin, eu xa advertira sobre o sabor acedo do desencanto.

FraVernero disse...

Podes contemplar, relaxado, a pelíxula de Chávarri, tio Pepín. Mourelle non soltou prenda, e un acepta algúns segredos, anque só sexa porque fan a existencia unha experiencia curiosa (quizaves o escasísimo estímulo que lle atopo ao ser-no-mundo).
Vas ver en persoa ao Blanco Bolognese? Entón terás que ser ferrolán... xD

Anónimo disse...

Non chegue tan lonxe nas conclusións, Fra, non teño nada que ver coa saga dos Franco nin co barbicano Pablo Iglesias. Eu sonlle do rural (¿non se nota?, palleirán auténtico, mais eso si, con coche, o que soluciona en parte os problemas de intendencia espacio/tempo. Ou sexa, de Ferrol,este "nacho", nin un "chisco".

SurOeste disse...

Consello ao tío Pepín: non fagas gasolina nas Pías, ten unha saída perigosa.

Anónimo disse...

... ou Sir Gawain melancólico...

GRAZAS POR COLGAR O TEXTO, ZACHARIAS. E GRAZAS POR ESES DELICIOSOS MOMENTOS NUNHA COMPOSTELA QUE DE TAN REVISITADA SABÍA A IRREAL.

Espero que quen se achegue ó texto o disfrute e o discuta, o que a todos enriquecerá.

(como dicía certa ópera que Manolo recordará):

Auf wiedersehen...

Auf wiedersehen...

Anónimo disse...

Boas FraVernero!

Son o Moncho de Viceso. Quero desexarche un bo ano 2006, a ver que nos agasalla, se comedia ou traxedia. Con certeza que comedia abondo. Finalmente vou traballar en Monterroso. Xa sabes que aí tés unha segunda (ou terceira) casa.

A ver se ficamos un día destes.

Unha aperta do teu vello compañeiro.


Moncho Pais

Anónimo disse...

Immer wieder kehrst du Melancholie... estás seguro de que revisitabamos algo?

FraVernero disse...

Querid@s:
desculpade a lixeira ausencia, pero á Rede de Redes doulle por deixar de funcionar na miña caso (algo arredor dun erro 721).
Digamos que os reis traen algo para cada un...
pra SUROESTE un bo turrón de orellas, a ver se actualiza algo a súa bitácora e nos cola un relato novo.
pra Sir Gawain-Egermann as melodías dunha frauta -máxica- danzando nunha tarde de verán.
para a Flor de Lis, o mapa rachado de Borges, adoptado por Baudrillard, que cubría exactamente a topografía dun Imperio.
para o Moncho unha aperta garimosa, e a recomendación a todos os presentes a que se pasen pola súa magnífica páxina de língua, cousas.tk
para o señor do Loira, o deber de traducirnos un poema de Rilke para esta bitácora.
Last not least, para tio pepín o disfraz do Riddler, un dos archiinimigos de Batman; o traxe será o do difunto Frank Gorshin, que encarnaba á personaxe na horterísima serie dos 60.

Laurindinha disse...

Aproveito este post para mandarlle un saúdo a Noel!!

Anónimo disse...

... ou Sir Gawain mesturado coa infancia do id. de Tarkovski...

Bicos para todos outra vez no exilio con chocolate de Palazzo Paleotti. Dou fe de que tio Pepin non ten a inmensa fortuna de ser ferrolan, a pesares disto é escritor intelixente e bo amigo. Tamén a ti che mando recordos, meu Papami... digo Zacharias... (e verra?).

Con isto da identidade de tio Pepin sintome coma se fose o unico conhecedor da identidade do asasino de Laura Palmer o dia da emision do primeiro capitulo.

Bicos para Lauridinha (es quen eu penso?) e para Flor de Lis a quen aproveito para advertir un nivel de lectura do meu texto e é que dado que non son psicologo ou antropologo (nin sequera sociologo) falo de suxeito en termos figurais: metatexto. Non me sinto capacitado para trazar pautas de comportamento noutros ambitos.

Espero que a aclaracion aclare algo a hora de dialogar co texto. Eu nestas lides, parafraseando as palabras de Jameson sobre Adorno, non son mais ca un melomano metido a comentador do producto literario.

(Mourelle writes back?)

Laurindinha disse...

Ivan: Laurindinha somos dúas persoas nunha... Quizais unha delas sexa quen ti pensas... Tan só tes que investigar un pouco...

Anónimo disse...

Un poema de Rilke? Hònrame a confianza, pero è como se a alguèn que leva aprendendo inglès desde hai catro meses lle pides unha traducciòn do Tristram Shandy hahaha... Dirìache que me deixases uns meses, pero non quero pecar de optimista e presuntuoso màis do habitual. Todo se verà, ou non, pero se traduzo outra cousa de interese xa cha pasarei.
Aproveito para agradecerche o post seguinte sobre os Konzentrationslaeger, disfrutei moito cos links e introduciume no corpo unha estranha curiosidade por saber màis que estou tentando cubrir. Unha aperta desde o exilio compartido de Palazzo Paleotti