sábado, fevereiro 25, 2006

Carlo Ginzburg - O queixo e os vermes

61
[CULTURA DOMINANTE E CULTURA SUBALTERNA]

En varias ocasións vimos abrollar, por debaixo da profunda diferenza de linguaxe, sorprendentes analoxías entre as tendencias de fondo da cultura labrega que tentamos reconstruir e as dos sectores máis avanzados da alta cultura do século XVI. Explicar estas analoxías mediante a simple difusión de arriba a abaixo, significa aceptar sen máis a tese, insostíbel, segundo a cal as ideas nacen exclusivamente no seo das clases dominantes. O rexeitamento desta explicación simplista implica, por outra banda, unha hipótese moito máis complexa sobre as relacións que se producen neste periodo entre cultura das clases dominantes e cultura das clases subalternas.
Mais complexa e, en parte, indemostrábel. O estado da documentación reflicte, como é lóxico, o estado das relacións de forza entre clases. Unha cultura casi exclusivamente oral como é a das clases subalternas da Europa preindustrial tende a non deixar pegadas, ou a deixalas deformadas por inherencia. Daí o valor sintomático dun caso límite coma o de Menocchio, que replantexa con forza un problema do que tan só agora se comeza a ver a envergadura: o das raíces populares de boa parte da alta cultura europea, medieval e posmedieval. Figuras coma Rabelais ou Brueghel non foron probábelmente espléndidas excepcións. Nembargantes, poñen punto e final a unha época caracterizada pola presenza de profundos cambios soterrados, en ámbalas dúas direccións, entre alta cultura e cultura popular. Pola contra, o seguinte periodo está marcado por unha distinción cada vez máis delimitada entre cultura das clases dominantes e cultura artesá e labrega, así como polo adoutrinamento en senso único das clases populares. Podemos situar a cesura cronolóxica destes dous periodos cara a metade do século XVI, en non menos significativa coincidencia coa acentuación das diferenzas sociais impulsadas pola revolución dos prezos. Mais a crise definitiva teríase dado unhas décadas atrás coas revoltas campesiñas e o reino anabaptista de Münster. Foi entón cando se lles platexa dramáticamente ás clases dominantes o imperativo de recuperar, tamén no ideolóxico, ás masas populares que ameazaban con sustraerse a calquera forma de control dende arriba, pero mantendo, incluso acentuando as distancias sociais.
Este renovado esforzo hexemónico adopta diversas formas nos distintos países de Europa, pero a evanxelización do agro por obra dos xesuítas, e a organización relixiosa capilar, sobor do núcleo familiar, realizada polas igrexas protestantes, poden conciliarse dentro dunha tendencia única. A ésta corresponden, no plano represivo, a intensificación dos procesos de bruxería e o ríxido control de grupos marxinais coma vagabundos e xitanos. Sobre este fonde de represión e de aniquilamento da cultura popular inscríbese precisamente o caso de Menocchio.

4 comentários:

FraVernero disse...

Ante as preguntas e dúbidas de Sir Gawain, informo de que este libro é atopábel nas librerías da península a aproximadamente 10.22 € de prezo (Península, Barcelona, 2001). Sorpréndeme que sexa tan caro en Italia, xa que é un libro 'de masas' (tanto como pode selo un libro dun historiador serio, claro), e hai varias traduccións ao inglés. De feito, a calquera licenciado (ou coñecedor) de historia que lle preguntes por un título de Microhistoria, responderáche con esta obra (bueno, iso se non son franceses; nese caso mencionarán antes con toda probabilidade o 'Montaillou, village occitan', de Emmanuel Le Roy Ladurie (unha obra que, inexplicábelmente, se converteu nun bestseller alá, igual que lle acontecera á foucaultiana 'Arqueoloxía do saber').

torredebabel disse...

Na Arxentina, fai uns poucos anos, o libro non só non era barato senón que era imposible de atopar. Podía un, claro, fotocopiar algún dos tomos que teñen as bibliotecas das universidades, pero se a idea era mercalo, entón só tiñase a alternativa de facelo por internet nalgunha tenda virtual de España. Eu, direi que case máxicamente, atopei un exemplar que estaba perdido entre os estantes dunha tenda ante a mirada incrédula do vendedor que non entendía cómo non o tiña visto antes. Agora, xa fai dou anos que pódese mercar pero so nalgunhas librerías. Mágoa, porque se fose máis doado, eu regalaríao a moitas persoas.
Apertas!!

FraVernero disse...

Es un encanto...
xD
En todo caso, o avance na Rede de Redes está a propiciar progresos desa índole. Moitos libros antes inatopábeis pódelos descubrir en amazon, en abebooks ou noutros lados, e a prezos moi asequibles (aínda incluíndo os custes dos gastos de envío, moitas veces superiores aos do libro en sí).
A verdade é que me estrañan as dificultades do libriño na Arxentina, sendo ela como foi lugar de editoriais sen conto e de traduccións temperás (nos 50, 60...) de libros que só así chegaban de contrabando á peninsula...

torredebabel disse...

ah Fravernero! eses tempos fóronse fai tantos anos... coido que marcharan cos galegos que foron os que empurraron a industria editorial (entre outros emigrantes). Arxentina é un lugar de pobreza, hoxe, e os únicos libros que se venden moito son os de "autoayuda" (non sei decir iso en galego, por sorte!). Pero se ves de visita, xa sabes que con euros poderás mercar moitísimos dos que sobreviven!!!!!!!!!!