segunda-feira, fevereiro 06, 2006

Do Escuro Pensamento dos Reptís

A Vida, esa enorme Universidade de Perversidade Lúcida. E non me refiro aos significados máis toscos da metáfora, ou ás imaxes que é doado fiar arredor dela, con mestres impartindo aulas en auditorios de cadáveres momificados; ou a eterna repetición do panóptico taboleiro de Xadrez na Trinidade Laica de Colexio-Cárcere-Empresa...
As dispersas hebras do coñecemento -Cabezas Agresivas de Hidra- devorándose con tenrura, amor e un apetito insaciábel. O coñecemento desfaise en fíos cada vez máis finos; miopía da hiperespecialización: materias tan absurdas e baleiras de contido como a mesma existencia.
Nunha aula sen xanelas, paredes de negro e crocodilos disecados flotando do teito, un profesor cego, tolo e mudo explícalle animadamente aos rapaces o tópico semanal: o escuro pensamento dos reptís.
O docente desenpoa vellas xenealoxías, restos fosilizados e tratados de bioloxía. Entre os nosos antergos non ten que remontarse moi atrás para atopar no periodo Pérmico (fai 299 millóns de anos) a estraños mamíferos-reptís, tíos lonxanos nosos: os Terápsidos. Algúns parecíanse a ratas grandes; outros (entre eles o famoso Dimetrodon, do que adxunto esquelete) pasan por dinosauros a simple vista.



Polo que o tema do pensamento reptílico transmuta en asunto de familia. Anque a verdade, non tiñamos que remontarnos máis alá das nosas propias cabezas.
O sistema límbico é a parte máis anterga e pequena do cerebro humano. Formouse fai centos de millóns de anos, e ten moitas semellanzas co cerebro actual dos reptís.
As funcións deste pequeno bulto, situado xusto no comezo da espiña dorsal, céntranse nas emocións básicas -amor, odio, medo, desexo- e nos procesos inconscientes -respiración, autoxestión cerebral, ritmo cardíaco estábel, mecanismos de loita/fuxida-.
Carece de linguaxe. Os seus impulsos son instintivos e rituais.
Poderíamos dicir, xa que logo, que séculos de Complexo Pensamento Racional e Sofisticado limítanse a capas algo máis sofisticadas coas que se foi cubrindo o froito orixinario -o noso Universo nunha cáscara de Noz; e a Razón sobre e arredor dela, flotando coma aceite ou reviravoltas de xelado de vainilla.
Curioso...
Rematou a clase. E o alumno aquel que adora ás serpes (e que cando se pon nervioso pasea instintivamente a língua polos beizos) vai meditando nas súas afinidades con Miña Señora Cobra.
O alumno era eu.
Mais os detalles da miña ofiolatría deberán quedar para outra xornada.

8 comentários:

Anónimo disse...

¡¡Novamente accesible!!

As serpes, sempre as serpes. ¿E que me di logo desa sutileza chamada pecado orixinal e da iconografía posterior presentando a muller/lagarta/víbora, ancorada aínda no imaxinario popular?
Xa sei que é un tema trillado, pero non menor para un ofiólogo que se precie.

p.s.: por momentos pensei seriamente que os nosos lazos quedaran para sempre rachados por unha insensata pandilla de moteiros. Marlon Brando again.

FraVernero disse...

Vaia, ou...
Como diría a presidenta 'estas cousas só me poden pasar a mín'.
Témome, río pepin, que os moteiros non descansan nos seus ataques, polo que a bitácora terá que quedar restrinxida a blogueiros de forma indefinida.
A mesma metodoloxía dos feixistas no meu vello blog. Non me sorprendería que algunha das mesmas persoas...
Terá que facerse vostede un rexistro en blogger, cousa que non dá demasiado traballo.
Saúdos.

FraVernero disse...

Certamente, anque eu e tio pepín non teñamos trato persoal, de seguro que é quen de ler na miña psyche coma nun libro aberto...
Tampouco estou escrito en hebreu. Considérome (nalgúns aspectos) bastante claro e cristalino.
Como alguén me dicía onte: aire de diccionario. Iso sí, sen tapas duras e non me soban a miúdo.
O das lagartas daría para moito que falar, anque non quero arruinar a miña imaxe expoñendo malévolos comentarios na liña de Schopenhauer.
Só queda aclarar a referencia de musgallo, para os malintencionados: ben coñeze a miña temperá afición á serie 'V' (algún día escribiremos quizaves sobor dela, e o seu tratamento a nivel popular de temas interesantes, referencias a Brecht e outras cousas...). A actriz Jane Badler, 'Diana' (léase 'Daiana') resultábame na miña xuventude (6-7 aniños) irresistíbel; témome que era novo demais, nenbargantes, para soños húmidos...

FraVernero disse...

Voilá!
Xa descubrín unha faceta que, de coñecela de antemán, tería salvado á miña vella bitácora de spam e feixistas. Tío pepín e os tímidos anónimos poderán voltar a deixar as súas notas.
Hai unha cousa curiosa que se chama 'moderación de comentarios'. Unha vez activada, tódolos idems teñen que pasar antes pola ollada de fravernero antes de facerse visibles...
As marabillas da técnica...
Terei que pedirvos, xa que logo, aos comentaristas un chisco de paciencia, xa que as vosas reflexións tardarán quizais un día ou dous en aparecer...
Unha aperta

Anónimo disse...

Congratulome de que volvamos a ter comercio entre nous...

Polo demais deséxolle a Papagino que o pase ben esta noite con Raul, David e a nova incorporacion estranxeira do comparatismo. Espero novas (algun correo ou asin, como din as folcloricas e alguns escritores galegos).

Quen che dixo o do aire de diccionario?

Debes escribir sobre a serie V, efectivamente. (Quizais traducir algun poema.)

N. (again!)

FraVernero disse...

...e seguen as visitas da Ladrona de Soños...
Confeso a miña inxenuidade. Agardar que unha muller (aínda onírica) pase polas horcas caudinas da non-ambigüidade sempre leva ao engano.
Anque tamén é certo que non preguntei no soño de hoxe, e algunhas cousas sí me dixeches.
Así que che gustan as maquetas. Curioso...

Anónimo disse...

Enviei o que pedias...

a ver se contestas algun correo...

volver a contemplarnos no espello das polémicas do veran foi divertido e encantador...

N.


P.S.: cando venhas: Venezia, Ravenna... e un par de xeladerias que xa temos no mais alto do top 20 das xeladerias bolognesas...

P.P.S.: un post sobre o pastafarismo xa...

Laurindinha disse...

A min encántanme os réptiles... Supoño que é porque os relaciono coas tardes de calor, co verán, coa praia...
O da muller-réptil supoño que vén do machismo máis terrible e máis ligado á relixión xudeo-cristiá: serpe=Demo=muller.
P.D.: Está visto que V marcou a nosa infancia!