sábado, janeiro 27, 2007

Shoah



"Nach Auschwitz noch ein Gedicht zu schreiben ist barbarisch" é unha das citas máis famosas de Theodor W. Adorno. En román paladino: "escribir poesía despois de Auschwitz é unha mostra de barbarie". E nembargantes, o mesmo sabio se desdicía pouco tempo despois: "O eterno sufrimento ten tanto dereito de expresión coma o que teñen os torturados para berrar... e quizaves foi errado dicir que non se podía facer poesía despois de Auschwitz".
Unha boa mostra (anque sexa tópico e reduccionista) é a vida e obra de Paul Celan, seguramente un dos mellores poetas que nos deixou o século pasado. Alén dos seus dos coñecidos poemas Todesfuge e Engführung, que poderedes topar con facilidade na rede se non os tedes en libro, tamén deixou dito o seguinte:

"Só unha cousa permanece ao alcance, cercana e segura no medio de tódalas perdas: a linguaxe. Sí, a linguaxe. Malia todo, permaneceu segura contra o perigo de perda. Mais agora tiña que pasar pola súa propia carencia de respostas, a través dun silencio terrorífico, a través das mil escuridades do discurso asasino. Atravesouno. Non me dou palabras para o que estaba a acontecer, pero atravesouno. Atravesouno e puido rexurdir, 'enriquecido' por todo isto"

Eis unha pequena chama e acordanza na noite do Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Tanto máis necesario hoxe cando a xusta carraxe contra o abuso aos palestinos e o emprego xustificatorio da Shoah como carta branca por parte do estado de Israel se equilibra co inaceptábel rexurdimento dos 'revisionistas' e as negacións da Traxedia.

4 comentários:

Mario disse...

De todos xeitos a noción de barbarie que se tivo é que se seguirá tendo é porque, apesar das formulacións hitlerianas, o mundo europeu percibía ao xudeus como europeus (de feito era un momento moi álxido da súa integración como tales). Sen desmerecer a súa dor nen querer minimizar traxedias incontestábeis a min sempre me faltan os xenocidios contra as tribos indíxenas polos USA ou os dos europeus contra os africanos. Iso por non falar de como camboianos e ruandeses sempre parecen outros mortos ou, como ben apuntas, do que están facendo os propios xudeus cos palestinos.
Tamén vimos como na rede de atentados de Al-Qaeda o de Bombay pasaba practicamente desapercibido en comparación con NY, Madrid ou Londres.
E aquí seguimos, escribindo poemas como se nada.

Arale Norimaki disse...

Cruda e fermosa a achega de Celan, e moi axeitado post nunha conmemoración coma a do sábado. Concordo con Mario que se bota en falta esa mesma unanimidade para criticar os xenocidios coloniais (e os actuais) amais da vergoña de ter que aturar cousas como o "día da hispanidade".
Supoño que é un factor destacable o poder que acumula o lobby pro-israelí aló polos eeuu, a mágoa é que incurran nesa sistemática caza de bruxas contra todo aquel que ouse ser crítico coa política sionista...
Por certo, onde está o monumento da foto? é ben fermoso malia a atrocidade que evoca.

FraVernero disse...

Demo de exames... apenas lle queda a un tempo para antender ao blog propio e aos dos amigos/as...

Prometo enmenda a partires do xoves pola tarde...

A estatuíña procede do Yad Vashem, en Xerusalém, é unha pequena mostra das súas estatuas e instalacións.

Certo é que os occidentais (e fravernero non é unha excepción ao respeito, como poden testemuñar a maioría das súas entradas) tendemos a mirar demasiado para nós mesmos e as nosas catástrofes particulares... Dun libro sobre os crimes horrendos do Rei Leopoldo no Congo teríamos moito que comentar, cun xenocidio de proporcións inauditas... Xa dixeron moitos tamén que o máis particular dalgunhas das medidas nazis foi simplesmentes o de aplicar os métodos que os países civilizados empregaban cos colonizados dentro do propio territorio europeo...

Dentro dos horrores numerosos do século XX, nembargantes, a Shoah garda certo valor especial do que poderíamos discutir... anque agora teño que saír do computador. Xa meterei unhas liñas pasado.

torredebabel disse...

nada aprendemos. É cruel, pero é asi. E non hai pior triunfo do mal que ese qe fai que a víctima se transforme en victimario.