sábado, julho 14, 2007

Dende Riga

Ben, estou canso como un burro, física e mentalmente, ou sexa que non agardades ningunha floritura...

Hoxe fan xa tres días que levo en Riga, a capital de Letonia, e pequena pausa turística denantes de que comece o curso de estonio que é a excusa que me trouxo eiquí. A viaxe en Ryanair foi, como de costume, un intercambio tedioso no mercado voador do gando. A breve pausa en Stansted aproveitada para facé-la compra ritual do libro de Pratchett e dunhas chocolatinas (non habí­a tempo nen para xantar ou mercar algo un chisco m­áis consistente). Despois chegar á casa de Ric e Diga, nas aforas arboradas de cidade (o arrabalde chámase de feito Meža Parks, 'Parque do Bosque'. Antes da Guerra era a zona señoritil, polo que o Glorioso Exército Vermello os enviou a todos, do primeiro ao último, a Siberia. Segundo Ric, malevo, en realidade só foi para quedarse coas casas...). Está un chisco lonxe do Casco Vello, mais por 30 céntimos de Lat (o equivalente aos vellos vinte pesos) un tranvía ponche no centro en media hora...

A primeira noite foi mesa redonda (en realidade, cadrada) cos donos do hostal e varios inquilinos, entre eles un matrimonio afro-americano/alemán moi simpático. Iso sí, baleiraríamos unhas seis botellas grandes da cervexa local, Lacplesis, para lubricar tanta parola...

Ao día seguinte (propiamente, 'o primeiro') visito con Rodney e Claudia o Museo da Ocupación, un edificio achaparrado e soviético, con aires de porcoespiño chantado no medio da Vella Riga (a min non me pareceu antiestético, pero son o único). O museo, como podedes imaxinar, é unha longa serie de artefactos, fotos e textos sobre o malísimos que foron os Rusos e Papá Stalin con eles. Os nazis tamén, pero menos. Diante do edificio resiste un dos escasos monumentos do Ancien Regime, unha estatua rosada adicada aos Fusileiros Letóns, gardacostas de Lenin e salvadores da Revolución nos duros primeiros días despois de Outubro...

O resto do tempo foi pasear pola vida medieval, as rúas e as Igrexas. Arquitectura hanseática do tixolo, por veces colorista. A Catedral, San Pedro e a Igrexa (a única das grandes que segue sendo católica) de Santiago. Austeridade luterana e sinxela nos interiores, e torres altísimas deixando impronta na liña urbana. As vellas sedes dos gremios (a grande e a pequena) parecen tartas de pastelería nas que metese a man un amante do kitch gótico...

Hoxe tocou o Museo da historia da cidade e da navegación (dúas horas de percorrido por salas ateigadas de obxectos), a igrexiña dos Anglicanos, que só se enchía cando chegaban os mariñeiros ingleses), a fantasía teutona do Gremio dos Mouros (derrubado polos rusos, que o consideraban exemplo de 'arte alemá decadente') e as rúas mais destacadas polo estilo Modernista Local, cheo de caras berreantes e formas retorcidas, horror vacui de xeso e cemento e tódolos recursos habidos e por haber...

Mañá toca a Torre da Polvora, a solitaria que fica en pé, e irse despedindo da cidade, camiño de Tartu...

O truco mnemoténico é nesta ocasión 'besbella', que así me sonaba a parada de tranvía que collo polas mañás. O nome real é Visbija (pola illa de Visby)...

8 comentários:

Anónimo disse...

Oiiiii!! ^^ Que bonito que é Riga meu!! Tráime un edificio ou algo!! Unha casiña desas dos asiberiados, que acó hai moito problema de vivenda!! Espero que o pases ben, que volvas con ben (pese a Ryanair) e que non te demores no norte para volver canda os que estamos menos ao norte (pero norte á fin e ao cabo) a tempo para visitar LaCoruNeno en Agosto e deixar todo canto aforres por aí...
Bicos que xa están comezando a saber a homaxes apostólicos!!!

Anónimo disse...

Caralho, rapaz, andas no cu do mundo. Por certo, poderias traer-me umha ediçom do Lacplesis em letom e umha do Kalevipoeg em estónio? Eu tenho ambos poemas em finês e em inglês, de quando fixem aquel TAD sobre épicas fino-bálticas comparadas, mas gostava dos textos originais.
Tu passa-o bem e coidado cos nativos, que se som igual de revirados que os fineses mal vamos XD.
Lembra que quando voltes temos umha conta pendiente, que che tenho que pagar favores de tradutor polo de Aarhus.
Venha, apertas e a vivir, que som dous dias!!

torredebabel disse...

non deixes de mandar crónicas para os que viaxamos nelas...

Anónimo disse...

Vexo que non estás a perder o tempo de ver a fondo as cidades do Báltico. Pero sei que che gustaría máis telo feito hai vinte anos, rodeado do ceremonial socialista jajaja.
Acordeime de ti, amante da pintura flamenca, porque veño de ver unha fermosa exposición no Prado con case toda a obra de Patinir.
Unha aperta e segue a informarnos cando che sexa posible

FraVernero disse...

A verdade é que tenho serias dificultades para acceder ´a rede polo momento... estou a escribir isto dende o centro comercial local nunha pausa de 15 minutos...

Creo que manhä podemos usar computadores na facultade. A ver se meto unha entrada xa sobre Tartu (o mantedor resérvase amais o dereito a publicar outra entrada sobre os praceres da Carne e o Espirito en Riga...).

Tommasius, Pris, buscareivos as pezas que me pedides (anque xa non en Latvia, terei que limitarme ao estonio...). Xa pillei al´a unha traduccõn libre do Lacplesis para min...

A ver manhä meto entrada! A lingua e infernal, pero bonita. Hoxe visitamos a tumba de Kreutzwald...

fucafuca disse...

Boas Manolo:

Que envexa para todos nós. É de aguardar que o pases bem. Saúdos de Manuel e Moncho (os venres sem tinom som o mesmo). Por certo; o Ramao nom sabía nada de que marchavas. Umha forte aperta e até o regresso à terra patria.

paideleo disse...

Gústame viaxar lendo.
Que desfrutes e fagas desfrutar ós demáis.

Anónimo disse...

Jojojo, a tumba de Kreutzwald. É complicado atopar um autor mais falto de imaginaçom para escrever épica. A verdade é que o Lacplesis é um verdadeiro descojone do tristemente básico que é. Ainda assim é sumamente interessante ver como acusam a Dietrich, o bispo teutom, de ter tratos com o dianho, moi simpático.