Hoxe chegamos ao punto medio no verán do meu descontento. O primeiro curso rematou, e a case totalidade da xente (quitando a sueca, a americana, a búlgara e eu mesmo) lisca para as súas casas. Tivemos unha empalagosa cerimonia co terríbel beberaxe local que se atreven a chamar "viño" (imaxinade un mal Porto mesturado con toneladas de zucre...). Tamén nos agasallaron cunhas medallas olímpicas de chocolate. Como ao mantedor se lle dá mal a hipocresía (non é un dos meus múltiples defectos), a súa pasou da forma circular á romboidal e dentada. Na cerimonia xa non estaban o polaco e o sueco (co cal sempre era posíbel botar unhas risas), polo que se me fixo especialmente interminábel...
A despedida informal tivo lugar onte, cando boa parte dos membros máis novos fomos en autobús a unha lagoa nas aforas de Tartu. O tépedo clima e a máis tépeda auga (malia estarmos no estremo norde, moito máis quente que a galega...), coa paisaxe, relaxaron un tanto da tensión alienante e cara, misturado con soidade aguda, na que convertín as miñas vacacións. O polaco contaba chistes e cantaba cancións polacas, ucraínas e cosacas. O sueco facíame rir cos seus "Ay carramba" e "No me gusta!", xunto cos puteos habituais polo traballo que me dá o idioma. Anton (así se chama o sueco, se non volo dixen antes) ten viaxado por España, Sudáfrica, Australia e unha manchea de lugares máis. Demasiado guapo e simpático para ser médico...
Xa que estamos nesas, a praia tamén contiña á sueca en bikini, a cal é unha visión incapaz de expresarse en palabras (rápido! Que alguén exorcize o espectro do landismo!).
Despois da lagoa íamos ter unha sesión de despedida etílico-nocturna, á que por suposto só remataron por apuntarse os angry young men: eu, o polaco (Andrzej) e un checo apaixonado das línguas fino-ugrias. O vodka correu coma se fose auga (de lonxe, semellaba, xa que estes tolos eslavos gulapean o veleno "a palo seco", con grolos de auga ou comida graxenta entre copa e copa). O alcool, como de costume, aguza ata estremos insoportabeis a miña misantropía en xeral ja minu vihkamine tudruku* eriti.
O derradeiro freo frente ao cinismo amarge acubilla nos alcooles de alta graduación, no Paradise Lost de Milton e na cantidade de horas que lle vou adicar hoxe á tarde e a maioría do fín de semana a aumentar o vocabulario e a aclarar as construccións. Unha nova fornada (anque menor, despois de ter probado o ano pasado a dose letal de Eesti keel...) vai unirse aos catro que quedamos, anque non creo que cheguemos aos dez ou doce. Un xa agarda o peor dos que están por vir...
Prometera algunha cousa boa, anque sexan escasas (e o divertido sempre son as calamidades alleas, e non o happily ever after). O bo redúcese a unha noite con Jaak, un dos rapaces máis intelixentes, sabios e etílicos que coñezo) e a unha tarde-xantar con Jüri Talvet, ao que probábelmente volte a visitar mañá en Pärnu. A frase do día (malia estar xa un chisco resesa...) é cousa súa: "Por fín consiguió su ansiado coito". O contexto é o equivalente local e non-estalinista de "No ventre do Silencio", unha novela do escritor Jaan Kaplinski na que narra as súas apenas veladas experiencias universitarias con profesores, rapasitas e axentes da KGB...
Por certo, que non todo o mundo é de estrema dereita, o que me tranquiliza un chisco, anque me resulte lóxico que despois da experiencia soviética, falar aquí de Comunismo e Socialismo rima con sintagmas do tipo "mal absoluto" e "Gran Satán". No medio da mutua embriaguez, Jaak recoñécese, coma min, un "marxista confuso". E Jüri estivo entre os asinantes en contra da retirada do Soldado de Bronce que provocou tanta polémica en Tallinn...
A facultade e a aula de informática están desertas, co que reflexan perfectamente o meu estado anímico. Déixovos xa cunha estampa da Ponte do Anxo, Inglisild, en Tartu, onde hai que formular un desexo ao cruzar (o nome orixinal facía referencia aos xardíns Ingleses no outeiro onde está a ponte, mais anxo e inglés tópanse perto na lingua estonia). A muller brasileira que facía o curso tamén nos dou unhas pulseiras "do bom senhor de Bahía" que hai que levar ata que caian, e que conceden desexos. O meu foi o mesmo nos dous casos, e malia o meu xeral escepticismo, os estadios depresivos fomentan a credulidade no sobrenatural e os seus remedios (marchando unha copia do Ciprianillo!).
*O Xenitivo plural debe ser inpensábelmente dificil de formular, e non apareceu no curso de iniciación, polo que isto ten que ir no singular... Eu penso que debe ser *tudrukusid, pero sabe Deus...
6 comentários:
FraVernero!
Botámoste de menos no Día da Patria Galega. A cousa foi frouxa debido á túa falta de presenza. Agardo que polo menos tomases unha aí á nosa saúde!
O estoniano (que así é o xentilicio correcto en galego, non "estonio") ten pinta de ser moi difícil. Eu estiven botándolle unha ollada fai un par de semanas e compliqueime moito. A ollada foi para facer o mapa da lingua estoniana, non para aprender a lingua XD. Agora ando facendo uns mapas das linguas da Rusia europea, o Cáucaso e a Europa do Leste. É para volverse tolo, asegúrovolo.
Saúdos desde Brión!
Moncho Pais
É o Nosso Senhor do Bom Fim da Bahia. Non me digas que as brasileiras xa ensinan o estónio en Tartu!
Se non fora por...volvías de volta para a casiña en autostop, para completar a experiencia europeísta que todo xove europeo debe ter. Para ver se chegabas ás sardiñas, polo menos.
Fra, lembra que na vida tudo remata, o bom e o mau, para bem ou para mal, e, como dizia o nosso amigo Federico o reblandezido mental "o que nom nos mata fai-nos mais fortes". Assim que tu fai o que poidas por nom morrer baixo esse velho ceo nórdico, que logo volverás um pouco mais sábio e com conhecimentos dumha língua que nom vale para nada XD. Home, se queres podemos fazer um intercámbio finês-estoniano, que já nos vejo preas por Compostela falando línguas finougras e atemorizando à gente.
Tu coida-te e fai por estar bem.
Saudos, meu.
O que máis me desconcerta de todo é que non sei cando me superaches como cronista humorístico (hai outro tipo de cronista?) por dereita e por esquerda. Paréceme un exercicio de humor intelixente ao que dificilmente chegarei algún día. Bravo de corazón. Algún día terei que pedirche a ti que me adiques un libro de humor e ti a min un ensaio tostón.
Sinto que o obxecto do teu humor sexas ti mesmo pero... hai outro tipo de humor?
Que sexa soportable o resto da túa experiencia na túa amada exCCCP.
Tamen eu xa estou fora do pais, e sen acentos neste teclado, pero eu non vou tomar a molestia de copiar e pegar jeje.
A tua cronica negra e inevitablemente divertida.
Moncho, botase de menos que non nos visemos o unico dia do ano en que sempre quedamos... avante con ese libro, necesaria e digna continuacion do Atlas das linguas europeas que xa publicara Positivas...
Sul, volveria correndo, si, pero os cartos xa estan pagos, polo que terei que soportar a tortuga da auga duas semanas mais... A brasileira aprendia -non ensinaba- Eesti keel...
Tom, o pouco que aprenda rentabilizareino dalgun xeito, agardo... anque sexa para ceibar interxeccions nouturnas en borracheras compostelas...
The Swimmer (conheces o relato homonimo de john Cheever?), aledome de que disfrutes coas cronicas e que intercambiemos roles... he, he he...
Senhor do loyre, non rira tanto cando lle caia a lingua estranxeira enriba... anque non sexa un pesadelo, coma o estoniano...
Enviar um comentário