quarta-feira, setembro 26, 2007

Retorno

Vaia, isto sí que é un descanso. Téñovos de todo punto abandonados...

Quizaves sexa lóxico. Tedes que engadirlle á habitual preguiza do mantedor as satisfaccións domésticas e os xogos adictivos nos que, ludópata confeso, se mergulla cando ten a rede a man e grandes doses de tempo libre. Ata a lectura padece neses ataques...
De tódolos xeitos, imos ir reanudando a emisión. E para comezar, antes de dar paso a unha presada máis de crónicas livonias (xa o dícía o amigo maré aberta: 'se non viaxo, non teño cousas que contar') ou a algún fragmento das lecturas recentes, paso a unha louvanza dun pequeno, entretido libriño que caeu nas miñas mans e que, polo que me contan, tivo vida previa nesta Rede de Redes: 'O Home Inédito', de Carlos G. Meixide.

O resumo sería inapropiado, mais para os despistados, a lapela informa do seguinte: "Un galego da Coruña, resultón, deportivista e sentimental, dúas coreanas que falan portugués e un profesor universitario brasileiro no Nova York post 11-S protagonizan unha historia de amor, humor e sexo.

Alén diso, e a xeito de flash-back, un galego da Coruña con ínfulas literarias que se emperra en publicar os seus poemas en Positivas e en namorar dunha rapaza que bebe os ventos polo Anxo Quintela de finais dos 90".

O libro ten, en efecto, amor, humor e sexo a raudais. A única pega que lle poñería para coroalo como 'libro do verán' de divertidísimo consumo é que o humor e a parodia poden ser ás veces moi endogámicas, e alleas ao lector (o caso que me ven á mente é o evidente espello-deformante dun dos profesores de Xornalismo), mais non pasa demasiadas veces. E ao contrario, iniciado no esperpéntico mundo da edición e escrita nacional, outras resultan dobremente gaxas. Moito máis do que Yoli (cuxos últimos versos na Radio Galega pregoan a cantilena xudaica de manía persecutoria ('todos contra min!'), cando precisamente acada máximas cotas de canonización, publicación e seguidismo; basta mirar os xurados e gañadoras de tódolos certames literarios, grandes e pequenos, e inzados de pequenas Yolandiñas), é Anxo Quintela, o poeta sobrio, maduriño atraínte, o que suscitaba as iras e envexas (tamén Rivas) dos literatos cando as rapaciñas que cortexaban se voltaban mel e manteiga fundida pensando neles. Aliás, e alén da ficción narrativa, o romanticismo Quintelián resulta moi críbel para aqueles que o vimos namoradiño coma un adolescente agardando á moza no hall de Filoloxía... Só lle faltaba a Harley e a súa propia voz en off recitando versos de propia colleita pare encetá-lo cadro do asasino estrábico...

O dito: mirade o libro se queredes botar un serán agradábel. E xa me informaredes da bitácora deste home, que creo non ter visitado...

11 comentários:

SurOeste disse...

Fravernero rexurdiu: volve o revolucionario ou xa se nos aburguesou con tanta "satisfacción doméstica?

Laurindinha disse...

Agora si que xa pode comezar o outono...! Fra Vernero, botámoste en falta!

E por certo, moi entretida crónica. Apunto ese libriño do verán, que de seguro que me ha gustar.

Ah! ... e eses cotilleos de filoloxía... pena non ter estudado alí a carreira, ou que o primeiro ano do doutoramento durase moito máis tempo...

Bicos e apertas das Laurindinhas.

FraVernero disse...

Se o mellor de botar tempo fóra é precisamente isto: o de verse botado de menos... xD Non me afagedes tanto, Lauridinhas, ou terei que marchar de novo unha temporada...

Sul, xa deberías saber que un é un burgués de sentimento culpábel, que suma entre as súas frustracións (e non é a menor) o horizonte lonxano da Revolta... neste caso, tan só re-volta das miñas liñas, re-torno da arxila a xirar na máquina do alfareiro...

Unknown disse...

Choraba polas esquinas pola túa ausencia!!!! E máis dende que o outro día batín na rúa con Sir Gawain (que está máis delgado o homiño e andaba despistado cal sabio sen calcetíns...) e me contou que este ano non has vivir na porta do lado, aínda que has pasar por Compostela por mor dos estudos... Bótaseche de menos Fra!! Cando pases pola cidade, non deixes de chamar, terei sempre un cafeíño ready for you, ou ate algunha infusión desas malevas que tanto lle gustan a vostede!
"O home inédito" é un dos "teño que" da miña lista de lecturas, pero caerá, algún día caerá...

Mario disse...

Pois non tiña pensado ler "O home inédito" (por falta de tempo), pero creo que me acaba de seducir a túa crítica. Eu do Quintela namorado non me lembro, debeu ser cousa de verse!!!

Unknown disse...

Todos temos que desaperecer un tempo. Ademasi no perdeches o tempo.

O Breogán de Gáidil disse...

Pois benvido de novo, maese Fra. As crónicas das súas viaxes foron moi enriquecedoras.
Saúdos.

Anónimo disse...

Fra, vostede xa sabe que, como moi ben apuntou o bate de Taramancos, o que regresa non é o mesmo (a pesar do can de Ulises).

Anónimo disse...

Xa sei, copiarei cen veces vate para que non se repita. Cada día son máis os lapsus e de máis fondo calado (eso, calado, así debería seguir).

torredebabel disse...

que ben que estea de volta por estes ciber-recantos! que bon!!

Anónimo disse...

Estou completamente de acordo. Estamos completamente fartos do enchufismo e o tongo nos certames literarios galegos, onde ano tras ano, certame tras certame os Yolandos Castañas, digoooo; Yolanda Castaño, apoiada (entre outras poucas) por Teresa Seara e o seu grupusculo de amigas, salen premiadas.

Que grande sorpresa cando no certame Espiral Maior (outra vez) Yolanda Castaño volve a sair gañadora. Estou a falar dun certame ao que se presentaron 150 obras aproximadamente dos países de lingua galego e portuguesa.

Parece que aquí un texto que non reproduza a palabra "cunnilingus", cando menos unha vez no libro, non pode ser premiado.

A todo isto; non quero falar da calidade dos premiados (as), pero di moito dos xurados que os premian. Velaí os temos; "postos en fila para a vergoña da literatura galega"