quinta-feira, outubro 04, 2007

El Lissitsky

Entre os libros que estou a ler últimamente está un monumental tomo cheo de láminas sobre a vida e obra de Lazar ('El') Lissitsky. O meu interese apaixonado pola Vangarda Soviética atopa as súas maiores lagoas precisamente na arquitectura, e anque fixera cadros (coma os seus Prouns ou a súa famosa 'Cuña vermella fendendo o círculo branco') e moito deseño gráfico, Lissitsky era ante todo un arquitecto (frustrado, iso sí; ao revés, Tatlin, tan coñecido polo proxecto da torre-homenaxe á Terceira Internacional era, pola contra, pintor por riba de todo). Con este libro e outra cousiña que saque de historia sobre o Constructivismo creo que ei quedar satisfeito por unha tempada.

[o volume, por certo, está tirado da biblioteca de Xornalismo, onde gardan moito deste material. A sombra de Margarita Ledo é alongada...]

Da man non das formas xeométricas e revolucionarias que disfruto, senón dos seus primeiros debuxos, que recenden fortemente á comunidade xudea asquenazí da Rusia Tsarista, lembro outro artista que foi o meu modelo durante moitos anos e brevemente mestre de Lazar na Bielorrusia dos primeiros anos 20: Marc Chagall. E non deixa de resultar paradoxal ver a evolución tan distinta dos dous xenios de entorno tan semellante (ámbolos dous xudeus de Vitebsk e artistas). Chagall, digo, era o meu modelo pola súa capacidade de xuntar unha obra ao tempo localísima (ese mundo lírico de xudeus violinistas e imaxería bíblica, espello da shetl que noutro medio pintou con palabras Isaac Bashevis Singer) e universal (o espresivo colorismo á fauve e os distintos ismos parisiéns polos que pasou o autor e que reflexan na súa obra). Chagall, como Kandinsky, escolleu o exilio e pechou na súa liña particular. Lissitsky seguiu comprometido coa revolución que lle ía cortando as ás á Vangarda pouquiño a pouco.

O de abaixo é dun libro de poemas de Mayakovsky que ilustrou o noso autor. Só unha imaxe que vos preste e vos abra o apetito diante da feliz maridaxe entre as artes, que había seguir na revista LEF.

2 comentários:

Anónimo disse...

El Lissitsky mantén unha tendencia á orde excesivamente ríxida para os meus gustos. Eu decántome dun xeito natural por esa outra vía da vangarda rusa (e logo tamén soviética) que pode moi ben definirse con eso que eles chamaban 'zaum'.
Polo demais, que 'neno' de provincias non acabou vivindo nun Chagall?

E agora que lembro, hai uns anos (quince, vinte?) o Reina Sofía montou unha exposición confrontando ou encaixando (pode verse dos dous xeitos) Constructivismo e Dadaísmo. O catálogo era moi bo.

FraVernero disse...

Vaia... xa me ensinará unha mostra cando nos vexamos, Uncle Joe...

Nestes intres estou a maldicir an Arameo aos bastardos de Gmail, ao que lles deu o día tonto, e non me deixan andar ben no correo (e como está conectado coa bitácora, impídenme meter entrada nova...). Tede paciencia...