segunda-feira, outubro 22, 2007

Lamento de Xob

Por fín Xob abriu a boca e maldeciu o día do seu nacemento. Comezou a falar así:

Pereza o día en que nacín
e a noite na que se dixo: 'Foi concebido un home!'
Aquel día fágase tebras,
non se lembre del Deus dende o alto,
nen resplandeza sobor del a luz.
Reclámeno a tebra e a sombra mortal,
caian as nubes sobre el,
invádano súbito coma un eclipse.
A escuridade apodere del,
non se conte entre os días do ano
nen entre a conta dos meses.
E aquela noite sexa estéril,
ignore os clamores de xúbilo.
Maldígana os que maldín o día,
os que soen espertar a Leviatán.
Escurezan as estrelas da súa aurora,
agarde a luz, e non chegue;
e non vexa as pálpebras da alba
por non terme pechado a porta do ventre de miña nai
para ocultar aos meus ollos a dor.
Por qué non fiquei morto dende o seo materno?
Por qué non expirei á saída do ventre?
Por qué dous xeonllos me acolleron
e dous peitos me deron de mamar?
Agora xacería, tranquilo;
dormiría xa e tería repouso
cos reises e os magnates da terra
que edificaron mausoleos,
ou cos príncipes que posúen ouro
e teñen cheas de prata as súas moradas.
Ou ben, coma un aborto que non conta,
sería coma os nenos que non viron a luz.
Alí remata o furor dos malvados,
alí repousan os exaustos de forzas,
fican tranquilos os cautivos
sen ouvir máis os brados do tirano.
Alí mestúranse grandes e pequenos,
o escravo vese libre do seu amo.
Porqué da el a luz a un desgraciado,
a vida aos que teñen amargada a alma;
aos que desexan a morte que non chega,
e a buscan máis do que se busca un tesouro;
aos que se aledarían perante a tumba
e gozarían se atoparan un sepulcro...,
a un home cuxo camiño esluiu
e a quen Deus asedia por todas partes?
Sí, diante da miña comida rompo a chorar,
como auga desbordan os meus lamentos,
porque me sobrevén todo o que temo,
e o que recelo, sucede.
Non teño calma, non teño paz,
non atopo descanso, só a turbación que me invade.

2 comentários:

Mararía disse...

Hai momentos nos que un diría o mesmo que Xob. Eu hoxe o gritaría ben alto.

FraVernero disse...

Vaia... síntocho ben. Creo que é no Fausto de Marlowe que a personaxe ven a dicir algo así como 'no medio dos tormentos, é un consolo ter compañeiros de penas'. Mais (quitando, cecais, almas verdadeiramente mezquinas), non é certo.

Sorte e Mellora, oh!