sábado, outubro 13, 2007

Macedonia (2)

Seguimos na lareira destes días preguizosos, como aqueles de dispersión de ideas que me deron pau para unha entrada dispersa que agora mimetizo...

No eido das lecturas, estou a atacar os últimos compases de 'Los Indoeuropeos y los orígenes de Europa', de Francisco Villar. Era un libraco que durante o curso, nesas horas libres demasiado curtas para facer algo productivo e demasiado longas para só vexetar (sobretodo se non hai alguén con quen cafetear...), ía lendo por entregas. Os capítulos eran breves, e o tema sempre me ten fascinado moito. Xa vos colara, daquelas incursións no pasado lingüístico pechado no libro, unha entrada sobre a etimoloxía indoeuropea do *oso*. Agora que remato, língua por língua, pode que vos aburra un día destes con outro anaco sobre os latinos, os hititas ou os tocarios...

Malia tocar a Roma un chisco a desmán, tamén a afecta a afición rediviva (zombi sacado das catacumbas da Rede e da Memoria) o primitivísmo xogo 'Centurion, Defender of Rome'. Reliquia pixelada do ano 90, foi un dos xogos ictiosáuricos que, co KGB, nos mantiveron a mín e a Javier Rodríguez 'Panero' ata altas horas da madrugada pegados á pantalla (incluso perto da época dos exames), e que contribuiu alén a unha pequena mitoloxía de chistes endogámicos e jerga especializada ('Tu no eres Rukov'. 'Joder con el Tío Vanya!'. 'Si tu eres Comprador 2 you soy la abuelita de Stalin'.'Ostia, Gorbachov!!'. 'Non fagas chistes con Degollador!'. 'Árabes non, que son weak'. 'Hai que estrenzear esas lexións'. 'Merda, os Partos outra vez non!!'). O piso-tugurio de Panero estaba a carón do meu, nas Camelias, ao pé das cataratas do Niágara que lle deu ao Concello por poñer no sitio, polo que moitas noites tamén pasaba por aí, alén de para atacar co 'Cenutrio' ou levar á praxe virtual as miñas fantasías Chequistas, co gallo de continuar o noso Ciclo Terence Hill e Bud Spencer ('Isto dá para un traballo clarísimo sobre o carnavalesco Bakhtiniano!'), ou para falar de Xadrez e poesía de calidade (os estantes de 'Panero' agochaban unha boa colección de hiperións e outros libros, e algunhas ranciadas marxistizantes do seu pai).



Ah, sí. Tamén pelexo con Klimt. Na nosa caixa máxica das sorpresas (ou sexa, a biblioteca municipal de Outes) sempre atopas cousas curiosas se buscas un pouco entre os estantes. O que me ten gañado o corazón son uns libros de filosofía en Inglés que sacou a Encyclopedia Brittanica e que arrecenden a plastilina (o tema da plastilina déixoo para unha entrada futura e proustiana...), as obras de Racine ou o Romanceiro Chinés. Tamén se agochan bestas negras e infames, claro: unha longa xeira de paperbacks de Pérez y Pérez (novelas históricas e malísimas do franquismo)e a 'Poesía Heroica del Imperio' con xugo e frechas estampadas. Fai anos había un libro de Demonoloxía estremadamente popular que acabou desaparecendo, deixando quizais certo recendo a xofre e un Corán de tapas amarelas (ou son verdes?) santiguándose repetidas veces. O caso é que xa me escapei do tema, que era un libriño encantador de Klimt que amais está en galego.

Trala fogueira da miña cotidianeidade, só fica recoller as ascuas dunha comida copiosa (outra máis) na que a celada agochouse como reunión cultural da asociación 'Terra de Outes', que en breve vai sacar unha revista. Comezo a sospeitar (se non o sabía xa...) que en realidade, somos un grupo gastrónomico encuberto...


P.S.: Incríbel pero certo. A Rede de Redes permíteche atopar frikis do 'Cenutrio'. Nada menos que toda unha páxina web con consellos para gañar o xogo, e en tres idiomas...
P.P.S.: Non pensedes que vos libráchedes do espectro do Indoeuropeo, anque ben pensado, estou por reconvertilo nunha entrada peñazo sobre mitos e construcción nacional a partir do caso dos búlgaros, tan parecido (incríbel...) ao noso en varios aspectos...

2 comentários:

Sir Gawain disse...

Musica nocturna das rúas parisinas:

1) a disparidade das túas aficións, o teu "eclecticismo metodolóxico nunca deixan de sorprender;

2) lembro cando para saber de ti había que baixar ata os altos de Follas Novas e estaba con Panero metido ata as cellas no KGB con aqueles malos soviéticos (o último era un trasunto de Gorbie, non era?);

3)a Biblioteca da Serra de Outes é a biblioteca de Babel... seguro que incluso tedes exemplares inéditos de Herbert Quain!!!

Bicos, ouh esforzado opositor,

Sir Gawain

FraVernero disse...

Bueno, ti xas as coñeces, Noel... e tamén a ludopatía intensa, como cando chegabas ao piso e nos pescabas en plena partida de rol, música ambiente incluída...

O último era unha copia de Gorbie que empregaban os golpistas no 91... sempre segundo a ficción do xogo, claro.

A biblioteca da Serra é firme opositora (como eu vou ser, agora), anque no seu caso, xa é funcionaria pública. Oposita máis ben á Torre de Babel borgesca...

Pásao ben en Lutecia...