domingo, junho 01, 2008

Marc Chagall



Dende que teño memoria, é un pintor que sempre me gorentou moito. E cando era máis novo, non é só que me gustase: é que representaba para mín o modelo ideal do artista. Daquela estaba moi influído polas ideas sobre arte da Xeración Nós, e Chagall encarnaba físicamente para mín o proxecto, a ansiada fusión, da que sempre andan a parolar Castelao, Otero e Risco entre o raibosamente nacional (no seu caso, a cultura yiddish do leste de Europa, que para mín colleu corpo e vida a través dos seus cadros e das novelas e relatos de Bashevis Singer) e o cosmopolitismo e a vangarda (Chagall foi dos inquilinos de Montparnasse e dos cafés parisiéns, amigo e co-artista de xente coma Apollinaire, Léger e Delaunay). Xa sabedes, 'Galicia, célula de universalidade'...

Visto en perspectiva, o artista de Vitebsk tiña moitos outros tesouros e xoguetiños cos que engaiolarme. A intensísima e atraínte cor das súas pinturas resultábame moi seductora (niso non sei se o inflúe máis o fauvismo ou a tradición dos lubok e dos iconos). As súas composicións soen ter un forte compoñente narrativo (coma 'o soldado bebe'), simbólico e lírico, o que fai que resulten máis atractivas para un lector impenitente e textocéntrico coma mín (cos tics que iso xenera e que transladamos ao consumo das outras artes). Poderíase dicir que fai poemas con imaxes (ao revés que os imagists anglosaxóns, que facían imaxes con poemas), nas que sobre o telón de fondo dunha cidade rusa nevada aparecen violinistas de cara verde, vacas voadoras en vermello ou violeta, reloxos, candeeiros para Hannukah ou o Sabbat, galos e noivas, a torre Eiffel...

Do mesmo xeito que outro dos meus ídolos artisticos primeirizos (Kandinsky), Chagall colaborou por pouco tempo cos bolcheviques. O goberno nomeárao comisario de arte para a súa rexión natal, onde fundou escola e decorou os tellados das casas coas súas vacas e violinistas de múltiples cores. Moi cedo chocou coa hostilidade dos novos vangardistas (Malevich, Lissitsky) do UNOVIS ('Campións do Arte Novo') e marchou para Francia, onde densenrolaría boa parte da súa producción serodia, entre a que destacar os frescos na Ópera, en París, ou certas vidreiras para a ONU e para a Sinagoga do centro médico Hassadah, en Xerusalén. Estas últimas lémbrame moito a algunhas das cartas do Tarot de Aleister Crowley...

7 comentários:

A Raíña Vermella disse...

Esa conexión Chagall-Crowley, que medo! A miña relación con Chagall é irregular, hai cadros que me encantan, como este que puxeches, e outros que se me fan un chisco demasiado chillóns e naïf. Non me sorprende que chocara coa sobriedade da arte soviética.

Anónimo disse...

EI , CASTRÓN

ALGÚN DÍA TEÑO QUE DEVOLVERCHE O LIBRO DE CHAGALL

QUÉROTE

FraVernero disse...

Bon, non é que teña demasiada prisa, Ramao... anque xa vexo que te adicas a ler o meu blog de cando en vez, cousa que se agradece...

Maxestá, a túa analoxía chillono-näif faime lembrar noutro pintor que me gorenta moito e ao que lle terei que adicar entrada tamén: Paul Klee. Castelao non apostaba moito por el cando veu os seus cadros por Europa adiante ('como os debuxos dun neno pequeno').

amigo disse...

Non é por baixarte a terra, pero... como levas as opos?

FraVernero disse...

buff...

amauta castro disse...

Vaia, Chagall tamén é un dos meus amores. Recomendo unha boa visita pola Costa Azul (en Niza hai un bo museu), e tamén unha pequena postal chagalliana d'A Habana (supoño que intues a razon).
Alén diso, se realmente desfrutas dele eu atopei unha galeria de arte en Basilea que vendia un Chagall por uns 18.000 euros (ao cambio).
Xa sabes, é pedir un préstamo...e gozar co fetiche.
Saudos!

Lázaro disse...

Olá, a diferença entre nossas línguas, creio que não será um problema e fiquei atraído para ler seu perfil e algo mais, estou fascinado. Conheci "Marc Chagall" através desta crônica: "Das vantagens de ser bobo - Clarice Lispector", musa da literatura brasileira. A vaca voadora nos leva a grandes reflexões... A arte nos faz sonhar e nos leva a outras dimensões.
Grande abraço, saudações!