segunda-feira, setembro 29, 2008

La Cuestión Palpitante

Pois sí, miñas donas e meus señores. En vista da avalancha e dos ríos de tinta que fixo correr o fallo do Premio González Garcés (se algún lector estivo na estratosfera, nun búnker nuclear ou meditando á marxe das coordenadas do espazo-tempo, pode topar a noticia eiquí, e seguir doadamente as ampliacións, comunicados varios das partes e algunhas das bitácoras que deron a súa opinión sobre o asunto) un, que non é parte implicada (descoñecezo case totalmente a ámbolos dous participantes, Eduardo Estévez e Xavier Lama), tamén aportará os seus grans de area ao xigantesco reloxo-deserto do blogomillo...

O problema versa sobre unha cuestión de límites e de confianza. Ata qué punto os textos de Estévez podían ser considerados 'inéditos', visto que un bo feixe dos poemas premiados foran exibidos, discutidos e retocados -dentro e fora, suponse- por longo tempo nunha bitácora aberta? Ata qué punto tal publicación viola un principio de anonimato (que segundo lin non estaba presente nas bases, anque dende logo é de recibo nestes casos)? Ata qué punto é lícito leclamar ou incluso ameazar con levar o asunto aos tribunais? Lidas as argumentacións dunha e outra parte, atopo elementos insatisfactorios nos dous bandos, anque globalmente, paréceme que Xavier Lama ten máis razón nisto que Estévez. Vexamos...

Descoñezo o marco legal do asunto, e o que dirían os abogados (Deus nos libre deles! Aínda andarán os de Yoli buscando rastros virtuais dos Alfandegueiros...), pero persoalmente, non me parece ético enviar a un premio un poemario do que unha parte considerábel xa foi publicado e modificado na rede. É moi posíbel que non se violase a letra das bases ou da lexislación (algo que os editores, un chisco cínicos, coidaron de subliñar), pero sí o espírito.

Neste tipo de situacións, as fronteiras son sempre, claro é, porosas. Publicar dous ou tres poemas dun poemario de 30 nunha revista consideraríase vulneración do carácter inédito? Que pasa se son 5? E 10? E se son 7 pero considerábelmente modificados? Cada quen sabe o seu (e os xurados teñen cancha) pero algo máis do meramente marxinal (2, 3 textos) eu o consideraría 'publicado', e aproveitábel para moitas cousas, mais non para enviar a un premio.

Os editores, como dicía, insisten en que 'editado' é un termo moi preciso que esixe publicación con ánimo de lucro, ISBN mediante, ou formato descarga (pdf e similares). Sen dúbida. Mais con ese argumento, un podería autopublicar todo un libro, ou soltar todo un poemario por entregas en revistas como a finada 'Caramuxa' e dicir que, santas pascuas, o libriño segue inédito. O mesmo pasa cunha bitácora (máxime se tivo textos colgados durante anos, puidendo calquera descargar, ler e imprimir os textos en cuestión).

Algúns dos defensores de Estévez retrucan que resulta inevitábel e moi frecuente que algúns poemas dunha obra inédita circulen, xa sexa mediante recitais ou publicacións en revistas de poesía. Conforme. Mais tornamos ao mesmo: non é o mesmo publicar dous ou tres poemas en Dorna (ou se nos poñemos máis modestos, na 'Xanela') que publicar 12, ou 20. No caso da poesía recitada, o efémero do fenómeno (exceptuando fans moi entusiastas armados de gravadoras) e un número limitado de poemas debera levarnos de volta ao que xa dixemos para os textos vestidos de letra de molde.

Outra argumentación que lín versa sobre o 'conservadurismo' dos membros do xurado ou de non se sabe qué Cova Céltica de carcas carpetovetónicos e inimigos da poesía dos 90 e as súas formas populares -bares e Rede de Redes-. Un aplaude e valora con entusiasmo as iniciativas de creación nos novos medios (esta bitácora é testemuña), cousas coma o Proxecto Identidade, o fundido xeroglífico de imaxe/verso do cave canem, a propia idea e labor de Estévez con esta work in progress que facilita o intercambio co público e as flexibilidades da tecnoloxía blogueira... Mais non considero que asumir textos publicados neste medio como editados e invalidados sexa quitarlle importancia (antes ao revés: é darlle tanta importancia como unha publicación e libro!). Non é momento de iniciar, tampouco, un debate sobre as calidades ou problemas da publicación en Rede (incluíndo o necesaria anque incómoda aplicación de filtros e mecanismos de escolla ante a simplemente inabarcábel cantidade de material circulante), mais de todas maneiras, non vexo neste caso unha 'discriminación ignorante' contra os usuarios da nova tecnoloxía.

Tiña dereito (ou por mellor dicir, lexitimidade) Lama para reclamar? Non me cabe dúbida, dende o momento en que Lama considerase que o seu rival e gañador do Premio incumprira, ao seu parecer, coas bases deste (seguramente, pola forma en que o mesmo Estévez falou do proxecto, sen ter a sensación de estalas incumprindo, iso é verdade). Algúns falan de finezza e elegancia, e de saber perder (certamente, o xurado escolleu unha obra, a de Estévez, sobre a outra), mais se un cre que as bases se incumpriron, para mín está plenamente xustificado o inquirir e o insistir ao respecto. A penitencia xa se paga precisamente coa frustración de gañar ao final por un mero resquicio legal. Igualmente comenta un vello coñecido meu que "non hai que esquecer que non todos somos funcionarios e que a arte non é gratis e que hai quen pode ter falta de 6000 euros (se cadra iso outorgaría unha elegancia que se non é innata, tamén vale para o caso)". Quizaves o xurado tiña que ter pensado en deixar o premio deserto, en vez de transferilo ao accésit (un accésit que xa inclúe publicación)? Non sei, e prefiro non meterme nesas augas pantanosas.

Ao remate, mal que ven, todo fica como está, e case todos contentos, 'el catalán en sus trece / y Juan de Braganza rey': Estévez verá o seu libro publicado por Positivas, e dotado xa gratuitamente dunha intensa campaña publicitaria (iso sí, fica sen os cartos do premio). Lama verá o seu libro publicado e o diñeiro ingresado (anque seguramente non se poida librar da sombra de ser o segundo e ter conseguido o podio con artes escuras; amén da previsíbel animadversión que lle quedará entre os numerosos amigos de Estévez e os editores, que non é peccata minuta).

7 comentários:

amauta disse...

Interesante e agradábel ler unha opinión mesurada deste asuntos tan espiñento. Semella que todo o mundo se pon dun lado ou doutro. Eu persoalmente descreo dos acertos ou desacertos dos premios literarios.

Haberá un tempo no que os famosos sexan os poemas e non os poetas?

Uns discrepan por un premio. Mentres, en Bagdad...

Anónimo disse...

sir gawain di:

vaites, vaites, agora son un vello coñecido... xa din que quen ben che quere... "tantas veses yo pensé volver y desir que de mi amor nada cambió..."

Fabló Fra Vernero bien et mesurado: comparto todo o que dis. De todos os xeitos insistamos como fai un insigne profesor no seu novo do trinque, flamante e sibilino (como el é sempre) blog en que os que insisten na "decencia" do bo Estévez contra o "pesetero" Lama remítense a unha lóxica da arte decimonónica (cando menos). Encarnadas deveñen as miñas fazulas cando leo a gallardos blogueiros veciños falar de Estévez como gallardo cabaleiro da república das letras... Vaites, vaites, moitos cursos de doutoramento sobre Bourdieu, Even-Zohan e a nai que os fundou a todos e logo falamos como se estiveramos aínda na Cova Céltica, facendo país pero deixando que sexa máis ben o país quen nos faga a nós como se non quixeramos...

FraVernero disse...

Bah, non sexas carneiro. Sabes que 'vello coñecido' é unha forma cariñosa de referirme a ti -máxime cando sobretodo nesta bitácora es as dúas cousas-.

Á marxe, habemos falar, que quero saber o que vai ser de ti non futuro pluscuamperfecto. A ver se che chamo mañá.

Anónimo disse...

penso que esta é a única opinión razoábel que lin até agora sobre o asunto.

obrigado

tío Pepin disse...

Eu xa fun deixando a miña opinión ciscada por outros blogs (lándoa.brétemas.nubosidadevariábel etc.) e non teño máis que engadir e ademais aínda que o tivera nada importa, pero quero insistir nun punto: os editores. No blog de Bragado referinme a eles e reitero o dito: por que se coñeía a obra de Estévez non tiveron a natural reacción de contactar con el e ofrecerlle o 'papel' da súa editorial para 'editar' o libro?, por que agardan que exista un premio polo medio? Agora podería engadir estoutra pregunta expandindo a anterior: por que fai xusto agora eso Macías?
E prometo que non escribirei nada máis sobre este asunto en ningún blog.

O Raposo disse...

Non teño unha opinión clara sobre o asunto nin me importa moito pero debo recoñecer que de todo o que lin este é o post que con mais coherencia, con mais claridade e con menos apasionamento fala do tema.
Xa que logo, grazas.

Anónimo disse...

sir gawain di:

perdon por abandonar the talk of the town e pasar a cousas serias... sabía alguén que ven de morrer o máis respectado dos músicos fundadores de Pink Floyd, Richard Wright?

Para cando un post sobre a banda, Fra Vernero?

Como tributo escoitarei o 'Meddle' nesta mañán de vento e chuva (oblicua, claro).