Non estaba pensando
nestas, senón nas que se producen nos varios libros que estou a ler, e dos que aproveito o caderno de bitácora para facer memoria futura e pública, alén de coller título emprestado...
Despois de rematar o tomo I (Pintura) da '
Arte del siglo 20', de K. Ruhrberg (edita Taschen), pensaba deixar aparcados os volumes artísticos (incluído o segundo deste, adicado a escultura e novos medios) para un futuro incondicional, mais unha amiga acaba de emprestarme un monumental '
Art in theory. 1900-1990', de Charles Harrison e Paul Wood (ed.), case 1.200 páxinas de escolmas de textos críticos e teóricos, moitos de grande interese, sobre os que navegarei de forma errática ao longo deste mes e do que ven.
A relectura do '
Criticón' gracianesco vai chegando ao porto final, malia ficar aínda unhas 200 páxinas do Invierno de la Vejez nas que acompañar as andanzas e pelerinaxes de Andrenio e de Critilo.
Dentro das lecturas interesadas, mencionar as '
Otras Inquisiciones' de Jorge Luís Borges e '
La narración como realidad virtual' de Marie-Laure Ryan, ámbolos dous conectados con futuros seminarios do máster -o segundo con máis inmediatez que o primeiro-.
Manoseando polo volume borgesco na miña peculiar mini-biblioteca de Babel, certo azar quixo que botara man dun veciño, a 'Segunda Antolojía Poética' de Juan Ramón Jiménez, do que se desprendeu un anaquiño de papel coa miña persoal 'antoloxía da antoloxía', en 10 poemas. Cantando os números coma no bingo, son: o 15; o 106; o 108; o 112; o 153; o 194; o 326; o 409; o 411 e o 465. Destes só o primeiro sobrevive como sublime na subxetiva valorización de FraVernero, anque os demais non están mal.
A miña afición ao poeta de Moguer foi unha das primeiras manías poéticas que tiven, logo de descubrir o xénero bastante tarde, con 17 anos, e de ter amosado unha inmensa antipatía (que aínda subsiste) pola poesía ñoña, cursi e baratamente sentimental á que nos tiñan acostumados as introduccións e prexuízos da época (básicamente, grandes carretadas de romanticismo e os seus epígonos; español amais, que é dos peores de Europa). A apertura ao eido da poesis veu determinada por 4 factores/autores:
1) Charles Bukowsky, do que descubrín daquela para o meu estupor que facía versos, e ao que aprezaba tantísimo pola súa absoluta carencia de sentimentalismo e a crueza entretida coa que trataba as miserias e a sexualidade humana. Se este home tecía versos, o terreo tiña que ter algún interese e unha maior variedade temática do que sospeitaba.
2) Vladimir Maiakovski: o verso broncíneo e bolchevique afagaba o meu propio dogmatismo político, alén de que o moi raposo era quen de agachar o seu enorme sentimentalismo detrás dunha imaxinería futurista, urbá e chocante e dun verso vangardista que colaban a mercadoría de contrabando.
3) Os poetas do Colectivo 'Sacou'. Non só por ser amigo deles e por ter que ler os seus poemas á forza, cando os pasaba para a nosa revista 'A Caramuxa', recén constituída no 98. Os debates, tertulias e lecturas e o pracer xenuíno que experimentaba con algúns dos seus textos tamén axudaban a desbrozar a selva dos prexuízos.
4) JRJ: neste caso, a imensa paixón e amor literario da profesora de literatura española de COU, que tiña a Juan Ramón no pedestal, algo me influíron tamén, co que se demostra que a paixón é tan contaxiosa como calquera outra enfermidade, e un requisito indispensábel nun bo profesor.
O remate é, evidentemente, o poema nº 15, parte das 'Arias Tristes', e que parece sobremaneira unha reescritura dun famoso romance das letras castelás:
Río de cristal, dormido
y encantado; dulce valle,
dulces riberas de álamos
blancos y de verdes sauces.
-El valle tiene un ensueño
y un corazón: sueña y sabe
dar con su sueño un son lánguido
de flautas y de cantares-.
Río encantado; las ramas
soñolientas de los sauces,
en los remansos caídos,
besan los claros cristales.
Y el cielo es plácido y blando,
un cielo bajo y flotante,
que con su bruma de plata
acaricia ondas y árboles.
-Mi corazón ha soñado
con la ribera y el valle,
y ha llegado hasta la orilla
serena, para embarcarse;
pero al pasar por la senda,
lloró de amor, con un aire
viejo, que estaba cantando
no se quién, por otro valle-.