quarta-feira, janeiro 28, 2009

Minireseñas e algo máis

Á espera dos días de ocio de Febreiro para despachar traballos pendentes e sumerxirme en lecturas selectivas, meto unhas liñas breves que antecedan ás reflexións xudeas do Mantedor, alén doutra peza de escritura para ela, 'the' woman como diría Sherlock Holmes, e que escribirei en breve. Seguindo o formato narcisista das miñas reseñas, falarei brevemente da 'Virtual Community' de Howard Rheingold e do 'Cyberspace: first steps' de Michael Benedikt (ed.), para rematar cun anuncio e cun chisco de dozura oriental...

O primeiro foi unha grata sorpresa, xa que sobrepasou as espectativas. Rheingold foi un dos primeiros gurús da comunidade virtual, cando a Rede aínda se chamaba Arpanet e tiña acceso restrinxido, aínda nos EEUU. O seu libro funciona como unha divertida introducción á Prehistoria de Internet (dende mediados dos anos 60 ata 1993), o que de por sí non deixa de ter interese para aqueles que descubrimos o ciberespazo non antes de 1998 (nun cibercafé en Irlanda), e que apenas comezamos a habitalo e a visitar con regularidade nos comezos da década do 2000. Mais alén da parte histórica ten interese a parte ético-política: o autor defende con paixón as posibilidades da Rede para formas máis actualizadas de democracia, alén de demostrar mediantes exemplos cómo, dende os comezos, Internet foi herdeira da contracultura dos 60, cuns programadores/hackers que creaban productos de software libre e que buscaban en maior medida que o diñeiro, a creación de espazos e redes sociais de comunidade, e unha Rede por todos e para todos. Certamente, ver a súa óptica dende o 93 en diante -marcada pola mercantilización rampante- fainos algo escépticos coas teses do autor; mais a honestidade intelectual cos discursos críticos que amosa Rheingold xogan ao seu favor, facendo a súa tese, se non compartíbel, alomenos respectábel.

A antoloxía de artigos que compila o arquitecto Michael Benedikt foi, pola contra, unha pequena decepción, malia que non poida falar mal do libro, e algunhas das intervencións sexan certamente lúcidas e visionarias. Nacido das dúas primeiras conferencias sobre Realidade Virtual e Internet que tiveron lugar a finais dos 80/comezos dos 90, 'Cyberpsace: first steps' converteuse nunha obra de referencia sempre citada en posteriores teorizacións sobre o Ciberespazo. O seu maior problema, dende o meu punto de vista (alén da presenza elevada da física e da matemática nos artigos dos arquitectos, que os converten no equivalente das taboíñas cretenses en Lineal A para a miña humanística cabeciña) é o peso que lle concedían daquela, nas visións sobre cómo se ía desenrolar a Rede de Redes, aos temas de Realidade Virtual. Facede memoria, e seguro que lembraredes aquelas aparatosas luvas e cascos, os soños de crear entornos interactivos e inmersivos onde puidésemos pasear e vivir (uns entornos fantaseados en diferente grado por Baudrillard e William Gibson), e que puidesen chegar a esluír a impresión do Real. Toda esa liña profética non se cumpriu, e seguimos apegados ás máis conservadoras interfaces da pantalla e do rato (e por moito tempo, seguramente. O que non quita que un porvir relativamente remoto faga realidade as fantasías que soñaban os teóricos primeiros da cibercultura).

Falabamos antes dun anuncio e unha dozura. O anuncio é a saída, este sábado, do primeiro número dun suplemento cultural e mensual na edición galega do ABC e que coordina e dirixe Ramón Blanco. Ficades emprezados a botarlle un ollo e a perdoar o eco monárquico que esbare polas páxinas alén da separata. A dozura é un poema coreano de Park Hyo-gwan que (xa daquela) evocaba as infindas delicias e marabillas da Doncela de Xenxibre...

Desexaría que o soño no que sentía saudades da miña amada
transmutara en alma de grilo.
e que na noite longa e profunda do outono
entrara o grilo no cuarto da miña amada.
Así pois, quixera espertalo cando durme profundamente,
esquecida de mín.

2 comentários:

Anónimo disse...

Ola, conde,

aínda que vaia contra a miña (inexistente) modestia, deberías saber mellor ca ninguén, ti que me ensinaches a citar cientificamente, que hai que indicar sempre as fontes... é dicir, por que te avergoñas de dicir quen che forneceu o libro de poesía coreana?
Ramón

FraVernero disse...

Ah, bandido narcisista de Cando... Recoñezo que a poesía coreana é o tributo da moneda que me tocou, este ano, de vosa merçé como agasallo de aniversario -xunto con ese volume de arte 'orientalista'...