O
Potop (máis concretamente:
Potop Szwedzki) é unha palabriña polaca que significa 'dioivo' e que se refire a unha catástrofe nacional sen precendentes: unha serie de guerras de finais do século XVII que arrasaron á
Rzeczpospolita, deixando o país en ruinas e listo para os sucesivos repartos e a desaparición da nación dos mapas durante máis dun cento de anos, ao punto de que cando un socarrón estudante francés chamado
Alfred Jarry quixo ambientar a súa
famosa e escatolóxica fábula nun non-lugar, escolleu Polonia "que é como dicir, en calquera parte", ou ningures.
Perdido o vezo ata para a metáfora, terei que esixirlles aos lectores que enchan os ocos e peguen o chimpo á inesperada e catastrófica derrota electoral do pasado domingo, que xa ten sido obxeto de análises máis sisudos que os meus (anque non todo o duros co nacionalismo que deberan ser) por exemplo
eiquí,
eiquí,
eiquí ou tamén
eiquí, e de dispersas reflexións no blogomillo. Agora toca, de certo, apandar, recoller os cristais rotos e ir poñendo un reloxo nuclear de rubidio, cesio e francio á espera. A travesía polo deserto promete ser longa (20 anos, Barreiro Rivas
dixit, é un home que sabe ben do que fala), anque na opinión do Mantedor, demasiado leviá para os incompetentes e inutiles responsábeis desta desfeita.
'Autocrítica' é un termo legado do antigo 'socialismo real' e que lle acae perfectamente a esas persoas e estructuras do Bloque que só conservaron os tics máis detestábeis da experiencia do leste, anque en Galiza somos moi civilizados e non chegaremos ás purgas ou os campos de traballo. Esas persoas e estructuras que levantaron do pó ao pequeno Espartaco, apenas
Spartaculus de romería, eterno forxador de derrotas á pescuda (tal o noso Sísifo posmoderno e barbudo) do evanescente centro galeguista, perdido -engadiría Ferrín- sen que nunca fose noso.
Da autocrítica, digo, é do que necesita en grandes doses un BNG que fixo unha xestión verdadeiramente decepcionante destes 3 anos e medio dende a arrogancia, a soberbia, a traizón aos seus principios e movementos sociais, o continuísmo e, en definitiva, dende a falacia -nociva e autocompracente- de rematar por crer os discursos demagóxicos sobre o país e as súas xentes, presuntos escravos servís e irracionais dun poder faraónico no que chegaba entrar para termos a poltrona asegurada durante alomenos unhas cantas décadas. Na orde do día está o pranto e o rinchar de dentes, e a remota esperanza de tornar (espectro de Milton e os teólogos máis líricos a visitar as terras galaicas) a caída nunha victoria futura co retorno ás bases e as ideas, e coa longamente demorada limpeza interna dun Bloque en caída libre (corenta mil votantes por elección) dende a marcha do Beiras idealizado que consumara -brevemente,
alas!- o soño do
sorpasso. Última variación, metáfora, cita co Stalin alporizado da invasión do exército feixista, espetando: "Lenin (digamos, Beiras) fundou o noso estado, e nós (os inadaptados, Quintana e os Coroneis) acabamos de fodelo".