quarta-feira, março 18, 2009

Autocrítica: J'Accuse/Song of Myself


En vista de que xa dimitiu o homiño este, e despois da tormentosa sesión de onte no curso de Teoría Feminista e Arte (seguido de intensa discusión fóra das aulas! Isto vai por ti, Elena...), decidín que o Mantedor tamén debía poñerse á altura das circumstancias e rescatar para sí a clásica estratexia marxista da autocrítica, ou jiǎntǎo (检讨). O catolicismo da xuventude fai que sinta un nexo especial coas prácticas da confesión e a lóxica masoquista dos antigos bolcheviques (ver: Procesos de Moscova, Koestler, Jorge Semprún e Costa Gavras). Imos aló:

1) O primeiro é acusarme de inconsistencia práctica no que toca aos meus principios maximalistas. O burgués marxista é un tropo común xa na literatura hispana e francesa dos 60, e a Posmodernidade parece deixar poucas saídas alén do reformismo desvergoñado e o sectarismo autocompracente (búsquese a FraVernero no apartado segundo). De todos xeitos, como dicía o poeta: Du musst dein Leben ändern.

2) Relacionada coa anterior está a tendencia idealista do Mantedor a limitar a súa acción á escrita de xeito narcisista, autocompracente e pouco dialéctico. As letras douradas da XIª Tese sobre Feuerbach nas escaleiras da Universidade Humboldt fítanme con carraxe e bérranme aquilo de que o truco é o de mudar a realidade, non o de analizala.

3) Esta bitácora (e o seu Mantedor) é insufríbelmente brancoeurocéntrica. Habida conta do número de visitantes da lusofonía (alomenos, segundo os mapiñas de puntos vermellos da esquina inferior dereita) e sinaladamente do Brasil e de toda Latinoamérica, FraVernero comprométese a prestarlle maior atención e centralidade aos outros mundos, que é onde por outra banda se coce o emerxente e as políticas coas que máis simpatiza.

4) Relacionado co anterior, o patricio pesismismo do Mantedor con tódalas formas da política posmoderna ten incluído un culpábel distanciamento e minimización das 'outras loitas' alén da problemática socio-intelectual de rematar co capitalismo. Sinaladamente, as temáticas ecoloxistas e as visións de xénero da teoría Feminista e da teoría Queer.

Con isto chega por hoxe. Poderíamos seguir coas miserias persoais de FraVernero, mais iso tería escaso interese, alén do morbo (xa sei que vos encanta!), e de por sí constituiría unha práctica narcisista a maiores. Toca aplicar propósito de enmenda ou caso contrario, pedir sobre a miña culpábel cabeza tódolos castigos do Comité Central do Futuro, incluíndo sanas sesións de traballo e reeducación nun Gulag imaxinario nas Canteiras do Caurel (reenchéndoas e non facendo máis, espero. O traballo libera!).

2 comentários:

amauta disse...

Non habia que ser tan autocrítico pero nunca está de máis mirar cara un mesmo con severidade.

Saúdos!

Moncho Pais disse...

Pois eu vouche dicir unha cousa. Pode ser que, en efecto, non sexas práctico e tentes directamente mudar a realidade na vez de a analizar, mais analizala hai que a analizar. Unha boa reflexión asegura unha maior probabilidade de éxito.

Estudemos as cousas e non deixeimos que fiquen nun caixón esquecidas para sempre. Se nun dos primeiros xornais estadounidenses escriben aquilo de "Non tan axiña, malditos bastardos" ocupando toda a portada no tocante ao AIG, non está todo perdido!

AVANTE E LOITA! Cantar o Grândola vila morena non resta eficacia.