domingo, setembro 20, 2009

Fondo sen Fondo

Coma todo adicto aos libros (incluso teño estraños soños con eles, nos que son un vampiro catador e engulidor de volumes; deben de ser flashbacks do inconsciente cara a Bola de Cristal e o librovisor...), FraVernero ten unha longa xeira de filias e fobias no que toca a formatos e edicións. Do mesmo xeito no que toca ás editoriais. Dentro do mundo hispánico, e falando do bo, hai moitas que son obxeto da miña devoción. Limitándome ás que considero as seis mellores, teríamos (en orde ascendente):

-Castalia
-Siruela
-Gredos
-Hiperión
-Cátedra
-Fondo de Cultura Económica

Todas obeceden a unha certa división do traballo intelectual. Así, Castalia descola polas súas edicións críticas e de calidade de textos literarios en língua española, sobretodo na colección de Clásicos Castalia. Edicións moi coidadas, con abondosas notas e introduccións extensas a cargo de prestixiosos especialistas configuran o paraíso do filológo castelán, vamos. Deles conto con pezas valiosas como as Soledades de Góngora ou o Persiles de Cervantes.

Siruela é unha editorial curiosa, filla dos traballos e os días dun dos descendentes da Duquesa de Alba (que agora, por certo, está insatisfeito coa liña 'comercial' que colleu Siruela e saiu a fundar unha nova). A súa especialidade son os libros medievais raros, e niso tocan unha das miñas maiores aficións privadas e confesábeis. Tamén inclúen cousas valiosas do oriente, como a primeira traducción íntegra ao español de Viaxe a Occidente, un clásico da literatura chinesa do Renacemento, ou as Historias bizantinas de loucura e santidade de Xoán Mosco.

Gredos ven a ser como Siruela, pero con máis pelas. A súa colección de clásicos greco-latinos é excepcional, mais os que me coñecen saben que nisto o que me chama son as edición bilingües da Loeb anglosaxona. Fai anos que saca unha colección de clásicos marxinais e non-europeos nunha serie carísima, gris/marrón con cousas como Jacques o Fatalista, o Heike Monogatari e teatro chinés.

Hiperión é a escolla obrigada cando se trata de poesía, máis que nada polo emprego de edicións bilingües, 'bonitas' e económicas (fronte, por exemplo, a Pre-Textos, con edicións moi boas pero que van ben pagadas), anque convén fuxir como da peste dos seus exemplares de escritores da península...

Cátedra toca cordas similares a Castalia. Os seus volumes soen ser máis baratos, e con introduccións máis modestas. De tódolos xeitos, o que a fai destacar no podio non é a súa colección de letras hispánicas (anque tamén teña moitos exemplares dela, coma Laberinto de Fortuna, o Criticón ou o Viaje a Turquía) senón as traduccións cosmopolitas da sección Letras Universales, nas que o emprego profuso de notas fai a lectura máis levadeira en autores oscuros, e incluso preferíbel ao emprego dos textos orixinais (isto tamén facilitado polo carácter bilíngüe de case tódolos volumes de poesía desta colección). Ezra Pound é o exemplo que se me ven á mente, máxime cando o mundo das edicións anglosaxón fuxe deliberadamente da nota a pé de páxina en volumes literarios.
Alén, compre louvar en Cátedra as coleccións 'universitarias' que teñen, como Frónesis ou Teorema, que inclúen libriños interesantes anque careiros e moi pequenos.

Pero o que sen dúbida arrastra a coroa da victoria para mín é o Fondo de Cultura Económica, unha iniciativa transnacional (de orixe Mexicana mais que agora inclúe boa parte de Hispanoamérica e a península) que leva producindo dende os anos 30 as mellores edicións en lingua hispana de clásicos das ciencias sociais e das humanidades. É a fonte limpa á que acode un para disfrutar da Historia da Loucura de Foucault, do Pensamento Salvaxe de Levi-Strauss, do Mediterráneo de Braudel, do Capital de Marx entre moitos outros.

Mais como está claro que na esfera sublunar non hai espazo para a perfección, o Fondo tamén ten eivas. A maior para mín é a terríbel distribución que teñen, alomenos na Galiza. As librerías mellor surtidas rara vez contan con máis de 5 ou 6 volumes desta casa, encargalos é un pesadelo e a páxina web é un caos onde só aparecen edicións ultracaras en rústica de máis de 300 dólares.

Nestes intres estou á espera de que me cheguen dous volumes deles, que atopalos e encargalos foi toda unha odisea que de por sí merece unha entrada: Los reyes taumaturgos, de Marc Bloch, e El nuevo mundo industrial y societario, de Charles Fourier. Cun moito de sorte, o primeiro debera chegar mañán nun paquete contra reembolso. Do segundo non teño novas, e seguramente siga sen telas durante bastante tempo...

2 comentários:

Anónimo disse...

Carneiro, deixa de usar "i" como conxunción copulativa, que é unha castrapada, home.

E deixa de confundir "península" (ibérica) con Estado Español! Tes razón en todo o que dis, pero non esquezas que en Hiperión está, por exemplo Rafael Dieste e Helberto Helder (se non me equivoco), que tamén son da península. Pero, claro, o Fondo de Cultura non acolle moito das letras portuguesas, que tamén son peninsulares, non?

Con cariño e admiración,
Ramón

FraVernero disse...

Argh...

Deberas saber que o de 'península' é sempre un eufemismo para referirme a España, que me provoca urticaria, ata na forma de 'estado español. Tamén 'Con Pólvora e magnolias' está en Hiperión, mais xa sabes que con tres xustos aínda condenamos a Sodoma...

Polo demais, tomo nota (e xa correxín as íes). A lista inicial só ía conter tres editoriais, mais suma sumando, chegaron a 6. E aínda sí cometo unha felonía con outras moi dignas, aparcadas tan só pola deformación profesional recente da filoloxía, fronte á vella da historia: Alianza (moi barata e moi boa para edicións de peto), Gedisa (con curiosos volumes académicos), Akal (antiga editorial de textos rancios e agora o feudo Bermejiano da mellor historia na colección Universitaria) ou Crítica ('a' editorial de arqueoloxía e libros bos e relativamente esquerdentos de historia académica)...