sábado, janeiro 30, 2010

Problemas de Marxismo

Como debera resultar evidente para tódolos visitantes desta bitácora, o Mantedor é un Marxista declarado e confeso, o cal non quere dicir que sexa parvo. Quero dicir con isto que ata eu son consciente de que a comezos do século 21, e despois de todo o que pasou no anterior, é necesario recurrir a algo que se asemella demasiado á Fe dos cristiáns (ou en todo caso, a formas de pensamento dogmáticas e irracionalistas, das que aborrezo) para manter unha confianza segura e optimista nas virtudes e na inevitabilidade do Socialismo. As explicacións materialistas da realidade que pretendan ser veraces e levar adiante o seu antigo proxecto de transformar o mundo teñen moito que mudar e que revisar se pretenden saír algún día da compracente e estéril innanidade na que levan soterradas dende fai alomenos 11 anos, senón máis...

Como tamén é ben sabido, o Marxismo como tal é un totum revolutum no que se conxugan, na súa teorización inicial, tres elementos: 1) unha análise económica da realidade con pretensións científicas, e que bebe da Economía Política clásica que desenrolaron os pensadores anglosaxóns; 2) unha lectura política a partires das condicións sociais e económicas que se sustenta nas prácticas da ala esquerda da Revolución Francesa e do nacente (no século 19) Socialismo; e 3) un artellamento filosófico do devir humano e das condicións do ser (humano, histórico, científico e do real) a partir dunha inversión materialista do pensamento hegelián, e herdeiro de toda a tradición da Filosofía clásica alemana.

Destes tres factores, o máis importante para min (e aliás, o que máis me aburre, como testemuñan longas horas de sufrimento e insomnio atado ás follas de Das Kapital...) é o económico; non só para min, pois Don Carlos tamén consideraba (It's the economy, stupid) que o modo de producción determinaba a superestructura, e polo tanto, que a economía remataba por crear, dalgunha forma un tanto confusa e en derradeira instancia, as diferentes clases sociais, as leis, o estado e a cultura. O pensamento marxista víase a si mesmo sobre todo coma unha ciencia que desenguedellara o funcionamento da economía neste e noutros periodos históricos, e que explicaba tamén cómodamente cara onde se camiñaba. Se o Marxismo falla como maquinaria de interpretación e predicción neste terreo, cae o seu piar sustentante, como na clásica estampa do castelo de naipes. Porque a forza persuasiva das ideas de Marx non está nunha política determinada (o socialismo artellou varias moi diversas) ou nunha filosofía (malia a importancia indubidábel das ideas, o Marxismo non pretende 'convencer' pola bondade dos seus argumentos e visións), senón nesa presunta análise obxectiva de como funciona a nosa sociedade, e en como pode (ou debe) funcionar e artellarse mellor. Nen sequera é tanto unha teima coa persuasión senón con verbas do estilo de 'necesidade' e 'inevitablidade'; a análise económica era a que facía do Marxismo algo 'serio' e cun proxecto claro, lonxe do iluso wishful thinking de anarquistas e pensadores burgueses atrapados nos seus peculiares labirintos ideolóxicos.

Pero o caso é que parece que perdemos a batalla da economía. E isto en dous terreos: tanto no predictivo como no competitivo, habida conta que durante boa parte do século 20 tivemos en pe rexímenes máis ou menos socialistas que tentaron implementar economías planificadas en oposición ás de mercado. O resultado foi, como hoxe resulta evidente, bastante desastroso. Dentro dun certo cinismo sobre a condition humaine, teño por certo que o Leste tería gañado a Guerra Fría se tivera producido maior benestar material nos seus cidadáns, á marxe da organización panóptica e represiva da sociedade...

Dúbidas máis que razoábeis no económico para as que agradecería respostas satisfactorias serían as seguintes:

-Porqué funcionan tan mal as economías planificadas?
- En qué medida se pode explicar a consolidación dunha clase media e as melloras notorias no nivel de vida dos occidentais cando a teoría clásica predicía a proletarización masiva da sociedade e crises crecentes que farían inviábel o capitalismo?
-Se o capitalismo non é sustentábel, onde van as súas crises? Porque esta que estamos lendo, con todo o seria que sexa, non ten trazas de apocalipse (nen sequera lle fai sombra á do 29...)
-É posíbel aplicar a teoría do valor/traballo dun xeito práctico?

10 comentários:

Anónimo disse...

Dende a modestia, paso a expor algunhas reflexións sobre estes problemas:

-Porqué funcionan tan mal as economías planificadas?
*O capitalismo tamén é unha economía planificada. Funciona tan mal? Quero dicir, ao mellor debe variar ou matizar a pregunta e virala cara a "¿por que funcionaron tan mal as economías planificadas por determinados grupos que tomaron o poder en nome das ideas marxistas en determinados países?"

- En qué medida se pode explicar a consolidación dunha clase media e as melloras notorias no nivel de vida dos occidentais cando a teoría clásica predicía a proletarización masiva da sociedade e crises crecentes que farían inviábel o capitalismo?
*Isto non é tan certo. A proletarización da sociedade acontece a nivel mundial, xusto como correlato da nova división internacional do traballo desenvovlida na globalización, ou fase ultrasuperior do capitalismo.

-Se o capitalismo non é sustentábel, onde van as súas crises? Porque esta que estamos lendo, con todo o seria que sexa, non ten trazas de apocalipse (nen sequera lle fai sombra á do 29...)
*Non estou seguro disto que di.

-É posíbel aplicar a teoría do valor/traballo dun xeito práctico?
*Pode explicar un algo máis esta teoría.

Arredor dos condicionamentos de "inevitabilidade" ou "necesidade" que se lle adoitan supoñer a Marx, recoméndolle, se non manexou xa, Marx intempestivo de Daniel Bensaïd. Ou como continuar o traballo fanado de Walter Benjamin.

Saúde

Anónimo disse...

Desculpe, a última cuestión debería dicir:

*Pode explicar un algo máis esta pregunta?

ekis1331 disse...

-As economía planificadas funcionan mal, na maioría dos casos, pola sabotaxe á que se ven sometidas a mans de grupos poderoso-económico-empresariais pre-establecidos e consolidados.

-As "melloras do nivel de vida" occidentais (europeas) débenlle moito máis ós movementos obreiros e ás nocións marxistas (servizos públicos, garantías xudiciais, melloras das condicións laborais) que ó desarroio tecnolóxico e á necesidade de darlle cabida comercial que moi resumidamente define a economia capitalista contemporánea.

-Dende logo que non é sustentable, de feito cada "crise" fai a función dun inmenso "coador" que criba a cada momento con máis esixencia, eliminando progresivamente competidores febles que se convirten en dependentes de competidores superfortes, nun ciclo que, dende logo, é insustentable, a menos que a capacidade de control dos "grandes competidores" sexa tan forte que anule a capacidade crítica e revulsiva dos maioritariamente asimilados (esto sóame).

-No da teoría valor/traballo xa non sabería que dicir, fáltanme aínda máis coñecementos que para as outras cuestións.

Santo2000 disse...

Suponho que já te enterarias, mas se nom é assi, aí fica isto:
http://www.vieiros.com/nova/78125/en-galiza-moito-de-marxismo-non-se-fala

Abraço

Anónimo disse...

Ten algún problema en que alguén opine que é un bo comentario dun alumno aplicado de 1º de carreira? Si? Non? Pois non sei entón por que borrou a mensaxe.

FraVernero disse...

Moitas grazas a todos polos vosos comentarios. Certamente, as preguntas que me plantexaba ao final da entrada non eran preguntas retóricas, polo que agradezo especialmente as respostas, anque eu tamén teño pensado algo arredor destes temas. Para non abusar do espazo blogueiro, adicareille a cada unha unha entrada separada...

Ao derradeiro anónimo só informarlle de que en xeral non teño problemas (mais tampouco paciencia) con 'chascarillos' repetidos e con tosca vontade provocativa. Se quixera poñer ao Mantedor en evidencia co pedestre das miñas reflexións, pode facelo cun chisco máis de esforzo e de traballo. Caso contrario, podo recomendarlle moitas outas bitácoras para satisfacer o seu padal e pra que non perda o tempo con esta.

Anónimo disse...

E se digo entón que a súa é unha sesuda e madura reflexión terá máis paciencia?

FraVernero disse...

hahahahaha

Certamente. Tamén a terei (e deixarame en evidencia) se aproveita para dar aportacións mellores e máis sisudas que as miñas. Para aprender, xa sabe.

Anónimo disse...

Moitos teñen comentado con moito máis acerto e fundamento ca min -e ca vostede- a esas preguntas. Só hai que lelos.
Por poñer un só exemplo e un só título: Porqué funcionan tan mal as economías planificadas?
Léase ao respecto Alec Nove, "La economía del socialismo factible" (Madrid, Siglo XXI, ano ?), se non me falla a memoria.

Anónimo disse...

Xa o leu? Xa se enterou?