sábado, dezembro 24, 2011

Os Traballos e os Días

Últimamente, os dous únicos temas que conseguen arrincarme da preguiza blogueira son, como vedes, soños e libros...

Polo que toca aos primeiros, irá unha semana cando o meu subconsciente, moito máis creativo que a persona que fala e pensa polo día, teceu a seguinte historia: estou a ver un documental en branco e negro sobre Sigmund Freud. Voz en off: "O Dr. Freud foi o primeiro en descubrir o curso subterráneo do subconsciente, que é coma unha serpe ou un dragón agochado". En pantalla vese un dragón retorcido e sinuoso, de clara filiación Fritzlangeá (vid. Die Niebelungen) que da paso, en fundido en negro, a esceas da Primeira Guerra Mundial. A seguinte asociación leva ao plano máis ao leste, á Rusia bolchevique da revolución: a turba (entre a que me inclúo) asalta un castelo; dende as almeas, o físico norteamericano Sheldon Lee Glashow chámanos parvos, e di que os gringos estaban a piques de concedernos o segredo da eterna riqueza e felicidade antes de que atacaramos...


Pola parte da letra impresa, ando estes días a debullar entre outras cousas unha historia e unha antoloxía da literatura chinesa clásica: dous volumes máis grosos que o mantedor e que prometen terme ocupado por moitos dos meses do 2012 que paseniñamente nos vai chegando. De especial interese me resultou contrastar 3 traducións diferentes do mesmo poema: O Séptimo Mes (número 154 na orde do mestre Mao do Clásico das Odas, Shih Ching). É este un auténtico 'Os traballos e os días' chinés, no que se glosan, como na obra de Hesíodo, as diferentes labores de cada estación e cada mes do ano. A evocación ao primeiro poeta de Europa tamén me fixo cavilar en que 'Os traballos e os días' non é mal título para esta bitácora e diario semi-indiscreto que levo xa máis dun lustro compartindo convosco, xa sexa dende as torres de Camelot ou o pazo de Trasalba...

1 comentário:

Anónimo disse...

Impresionante o soño xD

Saúdos e apertas

Moncho de Lucas