domingo, fevereiro 12, 2012

Revenge of the Nerds

Un dos aspectos nos que máis discrepo con postulados que tradicionalmente soen ascribirse á esquerda é no tocante á política educativa e á mal chamada 'escola comprensiva' (se permitides o intrusismo profesional, unha mellor tradución da 'comprehensive school' anglosaxona sería a 'escola inclusiva'); malia terlle que amosar lip service diante do tribunal correspondente, o certo é que o constructivismo e a pedagoxía resúltanme altamente sospeitosos e (ao meu ver) parcialmente responsábeis do desastre educativo da LOE-LOGSE que estes días andan para reformar. É por iso polo que non me resulta sorpresivo que me descubra concordando bastante cunha persoa nas miñas antípodas ideolóxicas: o ministro de educación José Ignacio Wert nunha entrevista que concede á prensa dominical. Destaco o seguinte fragmento:

-Como vai potenciar na escola aos alumnos sobresaíntes, coma propón?

Temos deixado de lado a cultura da avaliación. A excelencia apenas tiña recompensa simbólica. Non se trata tan só de non facer moitas diferenzas para que os nenos non incurran en prácticas de emulación negativa, senón de todo o contrario. Non pode ser que o chapón sexa considerado un friki.

-Non é doado mudar iso.

Probábelmente. Agora, o que non se pode tolerar é que o propio centro educativo sexa cómplice admitindo determinada teoría pedagóxica segundo a cal recompensar a excelencia crea sentimento de frustración ao que non chega a ela. Pois claro. Pero non recompensala crea unha tendencia cara a mediocridade. A excelencia non é para todos.

2 comentários:

SurOeste disse...

Arredemo, frater, espero que que iso de que a excelencia non é para todos teña un matiz diferente no minister e en você, porque, tal e commo o está levando á práctica, a excelencia (en educación, sanidade) será para quen poida pagala. Por outra parte, se é que dunha aristocracia ao estilo polis grega estamos falando, eu non vexo que os nomeamentos no goberno tivesen en conta tanto a excelencia como a pertenza a unha determinada camarilla.

FraVernero disse...

Cara Sul:

Estamos perante un tema delicado, e no que son consciente das moitísimas posíbeis malinterpretacións ás que esta entrada pode dar lugar. En todo caso, e deixando para un futuro posíbel unha entrada algo máis matizada arredor deste tema, podo polo momento engadir o seguinte:

1) O Mantedor é altísimamente escéptico co que sospeita que serán as realidades da reforma educativa, limitada a certos retoques cosméticos, máis subvencións á educación concertada, relixión pola porta de atrás e Educacións para a cidadanía rebautizadas.

2) O anterior non quita para que pense que unha reforma radical do sistema educativo español é necesaria, anque difícilmente practicábel.

3) En qué direccións debera ir unha tal reforma? Evidentemente, a resposta a tal pregunta presupón un modelo do que se consideran as 'utilidades e fins' da educación. Niso quizaves sería difícil topar un consenso real, anque creo que todo o mundo asinaría por estas tres cousas (anque en diferente grado de importancia):
-Formación básica para tódolos cidadáns, sentando bases para futuros aprendizaxes autónomos e/ou regrados
-Fomento activo da igualdade de oportunidades e da coesión social
-Preparación do estudantado para o seu futuro laboral, dotandoos da preparación, ferramentas e coñecementos necesarios a tal efecto.

4) O vixente modelo educativo é unha mostra clara de que o inferno está pavimentado de boas intencións. Partindo dunhas intencións loubáveis e incluso progresistas (moi enfocadas a conseguir a igualdade e a escolarización universal ata os 16), os seus resultados son, porén, os opostos. Levou a unha caída drástica da calidade educativa e a altísimas taxas de abandono escolar. Promoveu o pasotismo, a lei do mínimo esforzo, a educación coma xogo. Pero iso non é o peor: acabou dinaminanto a (limitada) igualdade de oportunidades que permitía o vello sistema educativo. Os estudantes bos de familias pobres podían antes ir ao bachalerato e tentar o avance académico e social. Coa ESO, as clases baixas languidecen en aulas ingobernábeis con estudantes que non queren estudar, mentres que os fillos da clase media, alta e dos políticos van para a concertada, que case non existía no pasado.

5) Non todas as culpas dos fracasos educativos recentes a ten a lei educativa. Mais ben, maior responsabilidade a ten a burbulla inmobiliaria, que convenceu a moitos adolescentes e aos seus pais que era bo deixar de estudar e porse a poñer tixolos ('gaño máis que o profe, e sen estudos'). Pero un mal modelo igualitarista tan só en resultados (malos) foi mais lume co que alimentar o problema.

6) a excelencia non debera ser nunca para que poida pagala (anque eses sempre poderán mercar acceso, evidentemente), senón para quen se esforce en acadala. Hai que levar adiante políticas de igualdade e coesión a base de estimular e premiar aos estudantes de grupos sociais desfavorecidos. Pero ese estímulo debe consistir en bolsas e ánimos e axudas para que estuden e se esforcen, non para baixar os niveis e conceder títulos pola patilla. Necesitamos quizaves maior meritocracia. E que os bos estudantes en secundaria non sexan os 'frikis' obxecto de burla dos malotes...