Esta que vos presento hoxe non é unha reseña ao uso, xa que non vai dun libro que lera recentemente, senón dun que traducín par Urco Editora o ano pasado: The House of the Wolfings, de William Morris. A reseña apareceu xa vai tempo no suplemento cultural do ABC, mais como non dou topado a ligazón, aquí vola poño, na procura de que esperte o voso interese (non, non pensedes que vou a comisión nas vendas, eh?).
A ESPADA CONTRA O GLADIO
ÉPICOS COMBATES DUN
POBO ANTIGO POLA SÚA LIBERDADE
O Clan dos Lupercos
William Morris
Urco Editora, 2012
Nunha brumento e
lonxana paisaxe, un pobo nobre e primitivo que vive en harmonía coa natureza
vesa na obriga de enfrontarse a un invasor cruel, tecnológicamente avanzado e
ben organizado; non estamos a falar do Avatar de David Cameron, malia que as
semellanzas visíbeis e profundas son dabondas para arricarnos un sorriso de
recoñecemento; a obra en cuestión é unha novela histórica ou de fantasía con
máis dun centenario ás súas costas: The
House of the Wolfings, de William Morris.
Publicada en 1889,
no ‘Clan dos Lupercos’ Morris (ben coñecido pola súa faceta artística coma un
dos máis destacados expoñentes da Irmandade Prerrafaelita mais tamén diseñador
textil, novelista de éxito na ciencia ficción e na fantasía historizante e
socialista libertario practicante) recrea nun fresco a vida idealizada das
antigas tribos xermánicas que, nos primeiros séculos da nosa era, resistían con
éxito os embates do poder romano, provocando entre outras a famosa derrota das
tropas imperiais no bosque de Teutoburgo, na que foron aniquiladas tres lexións
romanas e o seu comandante, Publio Quinctilio Varo (disque Augusto, cando soubo
da noticia, perdeu o siso durante uns días, e vagaba polas estancias imperiais
batendo a testa contra as paredes e berrando ‘Varo! Varo! Devólveme as miñas
lexións!’). Despois da clades Variana, os romanos aceptarían fixar o seu avance norteño nas beiras do río
Rhin, eles mesmos fabricando unha literatura que exaltaba a nobreza guerreira e
a valentía dos xermanos e godos e os contrastaba, idealizados, cos ‘decadentes
latinos’ (véxase a Germania de Tácito).
Noutro tempo e
lugar, a idealización de Morris obedece a outras circumstancias: a Inglaterra
de finais do século XIX é a grande potencia imperial, herdeira da mesma Roma, e
a patria da revolución industrial e do avance capitalista, daquelas Coketown
retratadas por Dickens coma urbes aburridas inzadas dunha arquitectura de
tixolos tinxidos de fume, dunha clase obreira miserenta e dunha burguesía
hipócrita e moralista: eis a sociedade Victoriana no seu apoxeo, e os seus
críticos e intelectuais non deixan de revolverse contra ela, soñando paraísos arcádicos
e harmónicos, xa fose no futuro utópico que se agardaba ou no pasado idealizado
polo que se suspiraba. Ámbalas dúas vertentes explorou Morris: a
utópico-futurista en News from Nowhere,
por exemplo, mais a arcaizante en todo o movemento artístico no que militou;
amante feroz do pasado e das tradicións artesanais medievais, tamén tiña espazo
no seu corazón para aqueles remotos antergos dos Anglo-saxóns que, antes de
cruzar o Mar da Mancha e colonizar a antiga Britania Céltica, xa pasaran tempo
nas terras do norde de Europa e crearan unha cultura de seu.
O ‘Clan dos
Lupercos’ exalta este mundo primixenio e as súas costumes, e leva a exaltación
ao eido da linguaxe; pois no seu orixinal, a obra está inzada de arcaísmos, de
expresións e de imaxes que nos levan atrás á literatura do inglés antigo: unha
das poucas escritas en vernáculo a comezos da Idade Media, e con todo tipo de
textos: crónicas históricas, adiviñas, poemas épicos, coma o Beowulf, ou relixiosos, como The Dream of the Rood. Especialmente
vistoso alén do léxico xermánico son os kennings,
unha especie de epítetos épicos nos que o mar se converte na ‘estrada da balea’,
o sangue no ‘suor do guerreiro’ ou a espada no ‘arado dos homes’.
Voltando á trama da
novela, os seus protagonistas son os Godos das tres Marcas (Superior, Media e
Inferior) que, agrupados en clans, viven harmoniosamente ás beiras dun Grande
Río. A chegada dos invasores forasteiros (alcumados primeiro coma ‘Galeses’,
pois nun comezo os Godos non os distinguen dos Celtas) mobiliza ás tribos todas
do pobo, cada unha co seu nome e a súa referencia totémica, e das que a máis
importante é o clan dos Lupercos e o seu caudillo, o ‘Duque Guerreiro’
Thiodolf.
Ao longo dun
centenar longo de páxinas iremos vendo as formas de vida, traballo e ocio dos
xermanos, as súas asambleas guerreiras e as súas sacerdotisas e videntes
(destacando o Sol do Bosque, da estirpe dos deuses, e o Sol da Sala, gardián da
lámpada epónima que ilumina o Teito e a Grande Sala (o hall) tan importante na vida comunitaria dos antigos xermanos, os
seus guerreiros e líderes e, sobretodo, unha manchea de épicos combates
descritos en detalle e que nos fan imaxinar esceas semellantes do mellor cine
de acción (Gladiator, The Lord of the Rings).
A conexión co
‘Señor dos Aneis’ non é, porén, accidental, xa que o ‘Clan dos Lupercos’ é quizaves unha das primeiras obras modernas en
que un escritor tentou xunguir un mundo imaxinario con elementos sobrenaturais,
anticipando a posterior vaga de literatura fantástica. Cousas que Tolkien, en
declaración propia, colleu emprestadas desta novela son os nomes de raíz
Anglo-saxona (coma Mirkwood, o Bosque
Negro), nomes xermánicos de persoa (Thiodolf),
os ananos coma expertos forxadores (cunha máxica cota de malla dos ananos
facendo acto de presenza), etc...
Outra
característica salientábel é a presenza da poesía: a novela descríbese coma un
‘romance en prosa e en verso’ e moito do diálogo adiántase a través de poemas
que recitan os protagonistas, fillos dunha sociedade da cultura oral e cun forte
compoñente bárdico. A linguaxe destes versos, escura e profética, axuda a
adiantar episodios e accións, mais deixando abertas varias posibilidades no
desenrolo da trama e axudando a crear emoción e expetación.
O ‘Clan dos
Lupercos’ fará as delicias daqueles que gorenten de percorrer batallas épicas e
mundos salvaxes, fermosos e perdidos nos recunchos da súa imaxinación. De
pertencerdes a esta tribo de soñadores, preparade entón o maxín para grandes
combates, espadas con alcumes, formacións en cuña e combates corpo a corpo con
espadas, machados e escudos cantando a música do combate. E que Tyr e Odín
recollan as valerosos finados, mentres os vivos festexan co corno de hidromel
na Sala do clan e baixo a atenta mirada de lobos, deuses e lectores.