sábado, maio 31, 2014

Averroes II - a saga continúa

O aniversario da República falábavos eu doutro aniversario, e do cabazo doce ao que alcumara co nome do multifacético pensador arábigo. Porén, ao día seguinte aconteceu a catástrofe, e un caracol larpeiro e malevo devorou a planta sen misericoria. Tranquilos, que houbo vinganza, caracolín mediante. Mais anque esta planta morreu, unha súa irmá conseguiu escapar á ollada dos gasterópodos, e hoxe expande co nome de segunda Averroes... Agardemos que teña máis sorte, bote flor en breve e boas cabezas en outono...


sábado, maio 24, 2014

正名

Zhèngmíng, a 'rectificación dos nomes', é unha das teimas confucianas máis importantes, e ten máis a ver coa harmonía social que coa filoloxía repunante. A idea ben a ser que as cousas teñen que ser chamadas polo seu nome correcto, con alcumes que reflexan a realidade non só de xeito descriptivo, senón prescriptivo. Así, un pai ten que ser bondadoso e protector, un fillo filial e agradecido, un xuíz xusto e ecuánime, e así sucesivamente. En esencia, é unha censura da mentira e da hipocresía e unha defensa das responsabilidades morais das persoas consigo mesmas, cos demais e coa realidade.

Mais non quería levar hoxe a auga por este muíño. Máis ben tomo emprestado o concepto para parolar arredor doutra rectificación de nomes: a que afecta ás prantas e árbores exóticas.

De certo, cando un proba unha comida descoñecida, un recurso elemental do cerebro é a analoxía. Alén da estrañeza do que estexamos a ver e saborear, o maxín busca semellanzas con comidas familiares. No caso das árbores froiteiras de orixes exóticas, estes parecidos máis ou menos razoábeis conxúganse ás veces cos intentos de marketing e de enaltecemento de produtos aos que doutro xeito só miraríamos de esguello nos andeis do supermercado ou da froitería. Porén, moitos destes alcumes chaman a engano e poden levar a lóxicas decepcións no consumidor.

Por exemplo: as Cherimoias son unha froita exquisita e saborosa onde as haxa, máis o hábito anglosaxón de chamalas 'sugar apple' ou custard apple' (mazás de zucre, ou de natillas) resulta demasiado larpeiro. Hai unha dozura e unha cremosidade na froita que sustenta a comparanza, mais o sabor é máis ben dun etéreo tropical, doce e cunhas pequenísimas notas de acidez que nunca agardaríamos no doce tradicional de leite e ovos.

Mais ousada aínda é a nominación do Sapote Negro (Dyospiros Digyna), chamado 'Chocolate Pudding Fruit' (froito de pastel de chocolate). A maioría dos que enguliron, larpeiros, unha froita cun nome tan gorentoso láianse de que certamente o aspecto, a cor e a textura do froito maduro pode asemellarse ao pastel de chocolate, mais o sabor, pola contra, é só lixeiramente doce e case insípido. Unha verdadeira mágoa.

Do mesmo xeito temos a Inga Edulis, unhar árbore leguminosa de Suramérica que produce vaíñas algo semellantes ás das algarrobas. O sabor da polpa destas levou a entusiastas a alcumula 'Ice Cream Bean' (faba de xelado). A realidade é máis prosaica e decepcionante: os que a proban apuntan a un lene ton avainillado e pouca carne que aproveitar.

Máis próximas están tódalas árbores ou especies asociados no nome aos 'amorodos' e que ben pouco comparten do rico sabor destas baias: Así, para os irlandeses, o insípido madroño é o 'strawberry tree'. Do mesmo xeito, e malia o seu interese e sabor complexo, as Goiabas 'amorodo' (Psidium Cattleianum) ou a árbore dos amorodos chinesa (Myrica Rubra) non saben para nada a amorodos. As feixoas (Feijoa Sellowiana) que tan ben se dan na horta galega, encaixan moi mal co alcume de 'pineapple guava' (goiabas de piña): o seu sabor é moi peculiar, e non sabería describilo ben -textura de pera rugosa, xelatinosa no medio, recendo e sabor arómático forte e raro, como a crema facial comestible-, pero dende logo teño claro que non ten nada que ver co do ananás.

O soño, entón, de xantar productos de confitería que medren nas árbores terá que agardar á chegada das árbores de diñeiro, ou suplirse mesturando as froitas con altas doces de zucre, de tona e de graxas. Culpa tena tamén o meu padal estragado, aficionado aos sabores intensos e que loita moi duramente por axeitarse ás miñas dúas gastronomías familiares simplonas e toscas de máis para o meu gusto (galaica e xaponesa) mentres suspira pola comida india, mexicana ou incluso británica....
  

quinta-feira, maio 08, 2014

Sweet tooth

'Ter dente doce' é como lle chaman os ingleses a ser un larpeiro adorador do zucre, unha enfermidade xeralizada no homo sapiens mais especialmente prevalente no mundo anglosaxón e no padal de FraVernero.

Unha mostra do vicio é a miña escasa tolerancia por froitas de clima temperado con moita acidez. Os amorodos, por exemplo, que son a miña froita favorita en confituras (ata o estremo de que podería sobrevivir durante décadas a base de torradas de manteiga e mermelada de amorodo) resúltanme desagradábelmente acedos ao natural, ou incluso en compota. Só se salvan os amorodos salvaxes, que malia o pequeno tamaño, adáptanse de xeito perfeito aos caprichos da miña gula.

Moito peor que os amorodos son os pexegos, que topo a tal punto insoportábeis que me custa entender a razón pola que son froita tan popular en xeral e na miña casa en particular. Incluso os máis blandiños e maduros que teño inxerido presentan para min un insportábel  ton agrio e avinagrado. Ao respeito, tendo a botarlle a culpa disto á nosa climatoloxía, humida e fría de máis para conseguir óptimos de madurez nesta froita de remota orixe chinesa, mais o certo que os pexegos mercados noutros lares resúltanme igual de acedos e de indixestos, e só desexo soterralos baixo montañas de zucre ou de mel.

Tampouco pensedes que son absolutamente hostil a toda mostra de acidez. Pola contra, unha das combinacións que máis me gorenta é a do doce co acedo (o que os ingleses chaman tangy), ao estilo daquelas gominolas e caramelos que nos vendían de rapaces, ou de certas tónicas non empalagosas, como a Boylan.

Porén, se se trata de comer a froita crúa e sen elaboración, creo que ningunha cousa do país pode superar a cremosidade larpeira dunha cherimoia, a dozura mol dun mango, a aromática riqueza dunha pampelmusa, ou a adictiva melosidade dun figo ben maduro (anque estes últimos, cun verán seco como o do ano pasado aínda se poden comer eiquí). Insuperábel tamén a curiosidade por probar algúns outros que son lonxanos e escasos visitantes dos nosos lares: lúcumo, sapodilla, pomarrosa, mangostán, mamey, canistel, tamarindo, caimito...