'Ter dente doce' é como lle chaman os ingleses a ser un larpeiro adorador do zucre, unha enfermidade xeralizada no homo sapiens mais especialmente prevalente no mundo anglosaxón e no padal de FraVernero.
Unha mostra do vicio é a miña escasa tolerancia por froitas de clima temperado con moita acidez. Os amorodos, por exemplo, que son a miña froita favorita en confituras (ata o estremo de que podería sobrevivir durante décadas a base de torradas de manteiga e mermelada de amorodo) resúltanme desagradábelmente acedos ao natural, ou incluso en compota. Só se salvan os amorodos salvaxes, que malia o pequeno tamaño, adáptanse de xeito perfeito aos caprichos da miña gula.
Moito peor que os amorodos son os pexegos, que topo a tal punto insoportábeis que me custa entender a razón pola que son froita tan popular en xeral e na miña casa en particular. Incluso os máis blandiños e maduros que teño inxerido presentan para min un insportábel ton agrio e avinagrado. Ao respeito, tendo a botarlle a culpa disto á nosa climatoloxía, humida e fría de máis para conseguir óptimos de madurez nesta froita de remota orixe chinesa, mais o certo que os pexegos mercados noutros lares resúltanme igual de acedos e de indixestos, e só desexo soterralos baixo montañas de zucre ou de mel.
Tampouco pensedes que son absolutamente hostil a toda mostra de acidez. Pola contra, unha das combinacións que máis me gorenta é a do doce co acedo (o que os ingleses chaman tangy), ao estilo daquelas gominolas e caramelos que nos vendían de rapaces, ou de certas tónicas non empalagosas, como a Boylan.
Porén, se se trata de comer a froita crúa e sen elaboración, creo que ningunha cousa do país pode superar a cremosidade larpeira dunha cherimoia, a dozura mol dun mango, a aromática riqueza dunha pampelmusa, ou a adictiva melosidade dun figo ben maduro (anque estes últimos, cun verán seco como o do ano pasado aínda se poden comer eiquí). Insuperábel tamén a curiosidade por probar algúns outros que son lonxanos e escasos visitantes dos nosos lares: lúcumo, sapodilla, pomarrosa, mangostán, mamey, canistel, tamarindo, caimito...
Sem comentários:
Enviar um comentário