domingo, maio 31, 2015

Libros do Mes

Mirages on the Sea of Time de Edward H. Schafer

Quintana Viva de Xosé Filgueira Valverde

*The New Self-Sufficient Gardener de John Seymour [E]

*A Madman of Ch’u de Laurence A. Schneider

*La Divina Commedia – Purgatorio de Dante Alighieri / A.M. Chiavacci

sábado, maio 16, 2015

Xosé Filgueira Valverde - O mal

Coma tantos outros, o mantedor ten unha atitude ambivalente cara o homenaxeado deste ano para o Día das Letras; Filgueira ten as súas luces, e sen dúbida a súa labor de promoción e defensa da língua e cultura galegas o fai merecedor do galardón, mais tamén conta coas moitísimas sombras do seu pasado franquista, debulladas en detalle no último número do Sermos Galiza; seguramente nen era o mellor momento nen a figura máis urxente para rescatar (para cando Carvalho Calero?).

Estes días atrás lín o feixe de microrelatos que contén Quintana Viva, e malia non seren literariamente textos de primeiro nivel, algúns teñen o seu engado. Eis unha mostra:

O escolante de Illobre viña todos os seráns deprenderme a doutrina para me ir confesar. un día co gallo dos mandamentos pregunteille:
¿Don Xabiel, que é fornicar?
Don Xabiel, aquel vello velliño bo e sabedor, que endexamais tivo segredos para min, que decote respondeu ás miñas demandas, olloume moito cos seus olliños pequeneiros e dixo dubidando:
-Fornicar... é escoitar o asubío dun paxaro estando nun sermón...
Aquela noite, cando don Xabiel falou cos meus pais, mamá estaba cavilosa e o meu pai riu ás gargalladas.
De alí a dous días houbo misión en Lamas, leváronme alá. O frade pregaba no adro subido ao chanzo do cruceiro. Miña nai puxo a súa cadeira baixo as pólas do castiñeiro vello. O frade falaba no cruceiro, e no castiñeiro asubiaba un paxaro. Eu fuxía de oír ao paxaro e arelaba escoitar ao frade, mais tanto fuxín da cántiga que rematei pondo atención nela.
Así foi como eu cometín o meu primeiro pecado.  

domingo, maio 10, 2015

Et consumimur igni

Xa vos teño comunicado nalgunha ocasión a miña rutina do poema diario; nesta tempada, son realmente dous os volumes que mos fornecen, no canto dun: os Sonetos Completos de Luis de Góngora e a poesía relixiosa dos cento cincuenta Salmos do Antigo Testamento.

Chámanme a atención dúas imaxes de lume e de consunción que aparecen nos versos de hoxe. O salmo 120, contra os marmuradores e malas línguas, asocia estas co gume afiado das frechas e coas 'brasas de xenebreiro' (outras versións, incluída esta galega, mudan a planta polas xestas):

Con qué se vos podería pagar de abondo,
linguas enganosas?
Con afiadas frechas de guerreiro
e con ascuas de xesta.

Pescudando máis información sobre este lume, descubro que a referencia bíblica non é á planta coa que se fai a xenebra, do xénero Juniperus, senón tradución do hebreo רותם, rothem, (Retama raetam), unha matogueira dos desertos de flores blancas que arde estremadanente ben e que produce cos seus carbóns acesos o lume máis ardente e intenso que imaxinarse poida (alomenos, en terras de Arabia).

Noutro lume líquido ou lava comestíbel, anque con parecidos efectos de tormento está a pensar don Luis no seu moi petrarquista soneto 91 cando nos di, no primeiro cuarteto que:

En el cristal de tu divina mano
de amor bebí el dulcísimo veneno,
néctar ardiente que me abrasa el seno,
y templar con la ausencia pensé en vano.



segunda-feira, maio 04, 2015

Reseñas - Mirages on the Sea of Time

Mirages on the Sea of Time: The Taoist Poetry of T'sao T'ang

Edward H. Schafer

1985, University of California press

* * * * (bo)

Amenísima e instructiva introdución á poesía taoísta chinesa -e a un dos seus representantes, Ts'ao T'ang- por parte do mestre americano por excelencia de estudos siníticos.

O nome de Edward H. Schafer non é descoñecido nesta casa; con anterioridade teño incluído fragmentos de dous dos seus volumes, que lín con deleite e aproveitamento: Os pexegos dourados de Samarcanda é un estudo sobre as mercaderías exóticas que se importaban baixo a esplendorosa dinastía chinesa de Tang (618-907), e ao mesmo tempo, sobre o imaxinario popular e literario que xeraban os tales produtos. O paxaro vermello do sur estuda tamén imaxes, imaxinarios e produtos da  época en cuestión, mais centrándose agora no que daquela eran os terreos da fronteira sur e tropical do imperio, as actuais terras de Cantón e Vietnam do Norde. En Espellismos do mar do tempo, o profesor Schafer prosegue os seus estudos sobre a cultura e os imaxinaros da China de T'ang, mais ocupándose agora dun terreo, ao seu ver, moi pouco visitado polos especialistas: a tradición poética taoísta.

Parece que alén das manidas reflexións e traducións 'creativas' arredor do Tao Te Ching, a relixión taoísta e os seus textos (sacros, alquímicos e tamén literarios) teñen sido en xeral ignorados tanto pola tradición de estudos chineses occidental como polos propios nativos -neste segundo caso por mor do forte peso do confucianismo entre os intelectuais tradicionais e do comunismo nos contemporáneos-. Contra esta ignorancia érguese o libro de Schafer, que en boa medida funciona como introducción xeral a conceptos básicos do Taoísmo e o seu reflexo na obra dun escritor menor do século noveno cuxos versos están inzados da imaxinería, das divinidades e dos símbolos desta curiosa relixión estremo-oriental.

Quizaves a quintaesencia do Taoísmo estexa na crenza da perfectibilidade do ser humano; un ser humano que, posto en harmonía co cosmos mediante diversas prácticas (rituais, ascéticas, alquímicas, relixiosas), sería quen de prolongar a súa existencia ou incluso de 'trascender' as limitacións do corpo e da mortalidade, para converterse nun ser 'trascendente' (hsien). Este tránsito veríase facilitado coa axuda dun panteón inxente de divinidades, algunhas delas antigos humanos que superaron as limitacións da carne e que agora flotan por numerosos ceos e paraísos privados bebendo estraños néctares e ambrosías e asistindo a festas e convites cos outros seres celestes. Como vedes, e malia a súa venerable antigüidade, o Taoísmo relixioso conecta moi ben co pensamento New Age e cos cultos extraterrestres que fan as delicias dos Jiménez del Óso, von Daniken, Cienciólogos e Raëlitas varios.

Parte deste tesouro de imaxes, conceptos, iconografías, deidades e terras fabulosas explícase en Mirages, xa sexa con explicacións directas do autor ou a través de poemas comentados de T'sao T'ang, especialmente os da súa serie de 'Viaxes Celestiais', nos que aparecen hastiadas divinidades taoístas masculinas e femininas divertíndose nos paraísos e languidecendo por outras divinidades ou mortais ausentes, todo cunha atmósfera moi decadentista e fin de siècle: somentes botamos en falla a presenza dun Oscar Wilde ou un Charles Baudelaire entre as doncelas de xade, os sete realizados, as ameixas-dragón, ou o ministro superior do pilón dourado, percorrendo a carón deles os espazos sicodélicos de pazos e torres no ar de prata, rhodonita e lapislazuli e facendo coqueteos e gracias intelixentes e sisudas entre xardíns minerais e coloreados vapores. Tocando de fondo, xunto aos silfos e ás ninfas e as súas ben temperadas cítaras e frautas, imaxinade a Lucy in the Sky with Diamonds e á banda de corazóns solitarios do sarxento Pementa...  

En definitiva: Mirages on the Sea... é un delicioso parcours por uns versos fermosos e requintados da man dun excelente e moi entretido académico (cousas que rara vez van xuntas) e unha pequena xanela a uns tesouros intelectuais e estéticos que a boa man dalgúns tradutores e expertos vai poñendo diante dos nosos ollos. O mellor pago que lles podemos facer polos seus traballos é ler libros coma estes para aprender e disfrutar a un tempo e viaxar, nós tamén, ás illas dos inmortais no estremo leste, en P'eng Lai ou Fu Sang:

The wine exhausted, the incense wasted away - the night wills its own midpoint;
Blue Lad salutes - asks after the Lord of Purple Solarity.
The light of the moon is soft and still - syrinx and song recede;
The silhouettes of horses, the sounds of dragons - they are homeward bound through the Five Clouds.