domingo, julho 31, 2016

Libros do Mes

Love and Math de Edward Frenkel

Neuromancer de William Gibson [R]

The Sandman – Noches Eternas de Neil Gaiman [K]

Poetry and Politics: The Life and Works of Juan Chi de Donald Holzman

Writing and Renunciation in Medieval Japan: The Works of the Poet-Priest Kamo No Chomei de Rajyashree Pandey

*The Enlightenment de Anthony Pagden [E]

*Count Zero de William Gibson [R]

sábado, julho 23, 2016

竹林七賢

Temos ensinado nalgunha ocasión os versos do poeta Juan Chi (ou Ruan Ji, ou 阮籍), mais non temos falado del, ou da súa 'xeración' dentro da tradición das historias literarias de China. Xunto con outros seis autores, Juan Chi é encadrado no grupo dos 'Sete Sabios do Bosque de Bambú', unha agrupación de eruditos, poetas e músicos de mediados do século III da nosa era.  É este un momento histórico de transición no Reino do Medio, apenas medio século logo da caída da dinastía Han que gobernara de xeito máis ou menos próspero o país por perto de 400 anos; por diante viñan outros 400 de desunións e guerras, mais tamén de fecundo desenrolo artístico, cultural e relixioso.

Máis concretamente, os 'sabios do bosque de bambú' viven no periodo de turbulenta transición entre a dinastía Wei, cuxos monarcas xa perderan xa todo poder político real, e os usurpadores do clan Ssuma (nestes anos aínda ministros, mais preparándose para destronar á familia imperial e ocupar o seu lugar). Rexeitando as corruptelas e perigos da época e a hipocresía confuciá dos Ssuma, os 'sabios do bosque de bambú' representan un grupo de autores bohemios, bebedores e pouco amigos das regras e normativas, simpatizantes do pensamento taoísta, que se terían xuntado nun 'bosque de bambú' ás aforas da capital para disfrutar dos seus ocios e praceres. Alén do citado Juan Chi, o máis importante do grupo é o músico e filósofo Hsi K'ang, que remataría sendo executado polos arribistas no poder.

Dentro da tradición literaria chinesa, os 'Sete Sabios' ocupan un lugar intermedio entre a primeira 'xeración' propiamente dita de poetas, da era Chien-'an (196-220), de estilo directo, subxetivo e transparente, e os autores 'refinados e decadentes' da dinastía Chin Oriental (265-317). Porén, os estudosos actuais son algo escépticos con estas clasificacións: se ben é certo que os sete poetas que se inclúen no grupo do que falamos existiron e interactuaron no seu tempo, non parece claro que constituísen un grupo como tal: a súa agrupación é seguramente unha construcción a posteriori influída pola relixiosidade taoísta, que os semidivinizou e incluiu en gravados e relevos de tumbas.

A razón de falarvos hoxe disto é que xusto rematei un estudo-tradución moi interesante das obras de Juan Chi. Especialmente interesante me resultou unha nota a pé de páxina cunha anécdota arredor dos poetas do grupo, anécdota que me fixo sorrir e pensar nas relacións e membros do antigo Colectivo Sacou, que seguro que se poderán autorecoñecer, mutatis mutandis, nos personaxes. A anécdota é parte do volume "Novo relato dos contos do mundo' de Liu-I-ch'ing (obra tamén xa citada en Trasalba), e dí así:

"A primeira vez que Shan T'ao se xuntou con Hsi K'ang e Juan Chi, uniuse a eles nunha amizade 'máis forte que o metal e máis fragrante que as orquídeas'. A súa dona percibiu que a relación do seu home cos seus dous amigos era diferente dunha amizade ordinaria, e preguntoulle por ela. Shan retrucou: 'É tan só a estes dous cabaleiros a quenes podo considerar os amigos dos meus anos de madurez' (...).
Outro día que viñeron os dous homes, a dona de Shan T'ao persuadiuno para que quedasen a durmir. Logo de preparar o viño e a carne, esa noite fixo un buraco a través da parede para velos, e chegou a aurora antes de que se lembrase de tornar á súa habitación.
Cando Shan lle preguntou 'Qué che pareceron os dous homes?', a dona replicou: 'As túas propias habilidades non son comparables ás súas. É tan só a conta do teu xuízo á hora de avaliar ás persoas o que che capacita para ser amigo deles'.
Shao dixo: 'Eles tamén concordan en que o meu xuízo é superior' ".

quarta-feira, julho 20, 2016

Marrow, marrow on the wall

Consonante coa miña teoría de que, se algo medra demasiado ben, non pode ser moi gorentoso, a cabaciña é unha verdura da que non son entusiasta: demasiado acuosa e insípida...

























Porén, como a xente me fala moi ben dela, e como sempre se dan a fartar, algún uso hai que darlles... Noriko andivo a buscar e topou a receita dun pan doce de cabaciña que está bastante bo; ao parecer, tamén vai ben mesturado con chocolate...






































Eu rescatei unha receita que topara tempo atrás de mermelada de cabaciña con xenxibre, e púxenme máns á pota e a cocer...

























A cor resultante é dun dourado moi agradábel; o sabor, segundo a receita, gaña en matices e profundidade logo duns meses; agora mesmo, sabe doce e ben, algo alimonada (levou raiadura, zume e algo máis), delicada. Xa veremos no inverno (se dura ata alá)...


Uns días atrás probara outra receita dixital que xuntaba dúas cousas que me gorentan por separado: dun lado, o ruibarbo, pouco comido en Galicia e moi popular en Europa, cunha agradábel acidez que vai moi ben en crumbles, pies e outras larpeiradas inglesas; doutro, os conos do xenebreiro, que lle dan o seu sabor á bebida homónima, outro clásico das illas británicas.



















A mermelada está moi boa, xuntando un toque agridoce que me tolea dende rapaz co elemento 'resinoso' do xenebreiro; porén, creo que a cocín de máis, o que a fixo moi espesa e 'acaramelada'.


sexta-feira, julho 15, 2016

ἐμπάθεια

Leo estes días, nunha historia da Ilustración, encol dos debates que tiñan estes pensadores arredor da natureza humana en xeral e da colaboració  e a vida en común destes en particular. Logo de rexeitar a antiga visión aristotélica e tomista (dogma ate a Reforma) que consideraba ao home como un ser 'sociable por natureza' e inscrito no seu interior polo mesmo Deus con certos principios de Lei Natural, é Thomas Hobbes o que formula unha primeira, racional, e polémica explicación, debullada nos seus libros Leviathan e De Cive, e que seguramente coñecedes: os homes son egoístas e violentos por natureza; a súa única lei, a a da autopreservación; isto xera un 'estado de natureza' que é o da 'guerra de todos contra todos', e unha vida "solitaria, pobre, desagradable, brutal e breve". Usando o seu medo, a súa razón e o seu interese propio, os humanos acordan un 'pacto social' no que os individuos renuncian á súa completa soberanía e se subordinan á orde social para acadar os seus fíns.

Tales consideracións non resultaban do agrado dos philosophes, xa que presupoñían unha visión moi escura, 'mecanicista' e materialista da natureza humana, e deixaba sen lugar de ser a outros aspectos da natureza humana aos que os ilustrados lles daban poder fundacional: básicamente estamos a falar das emocións (non só a razón utilitaria), e de entre todas estas, a empatía, a capacidade de poñerse no pelello doutro, e de axir máis alá do círculo inmediato de persoas e intereses. 

Pensando na proxección actual destes debates, véñenme á cachola explicacións científicas actuais da empatía, conectadas coas 'células espello' do cerebro, cuxa relativa abundancia estaría detrás do maior ou menor grado de empatía dos individuos (ou da carencial total dela, no caso dos psicópatas). Hai un video moi interesante dun dos youtubers que citaba na entrada anterior, onde se explica un fenómeno que me resultou sorprendente: nos campos de batalla ata moi recentemente (Segunda Guerra Mundial), a inmensa maioría dos soldados NON disparaban adrede aos soldados inimigos agás baixo orde directa ou ameaza percibida de morte; estamos a falar de porcentaxes altísimas (da orde do 70%), algo que dí moito arredor das nosas resistencias mentais a ferir a outras persoas agás que nos vexamos directamente atacados. Porén, para todo o bo hai solución, e o exército americano, con entrenamentos e técnicas inductistas, conseguiu que os seus soldados actuais 'disparen antes de pensar' de xeito case reflexo, o que axuda a que teñan mellor puntería...

domingo, julho 03, 2016

Tele educativa

Como probablemente supoñades, o certo é que non lle adico moito tempo ao televexo: o único programa que vexo tódolos días é o apartado do tempo na TVG, mentres almorzo; é que malia a presada de canles novas da TDT, non hai ningún que pague a pena -o exemplo máis notoriamente vergoñante, a canle 'Historia' (sic) que se limita a emitir programas de casas de empeños e de ovnis.

O contrario, pola contra, tópase a día de hoxe en Youtube, auténtica porta de entrada para unha posíbel televisión educativa, e que conta con canles moi ben feitas e de enorme interese académico, intelectual e (por qué non) recreativo. Dun tempo a esta parte fíxenme seguidor e audiencia de varias canles, cada unha das cales seguramente mereza unha reseña completa nesta bitácora. Neste introito, limitareime a sinalar brevemente algunhas das miñas favoritas con algunhas verbas breves que as describen:

Khan Academy: xa vos teño falado desta xente; o número de videos sobre as diferentes disciplinas académicas que teñen van medrando día a día.
PBS Spacetime: Unha canle moi amena sobre astrofísica, que sabe conxugar a densidade e o lúdico a partes iguais.
Numberphile: un dos múltiples fillos de Brady Haran, adicado ás matemáticas.
Crash Course: clases temáticas moi ben montadas de historia, literatura, filosofía, política, economía, etc...
Lyndybeige: un excéntrico e entrañábel inglés amante do pasado, das armas e tecnoloxías antigas e dos xogos de rol.
Skallagrim: experto en armas antigas de todo tipo.
Sixty Symbols:  canle de Brady adicada á divulgación da Física.
Periodic Videos: outra canle de Brady, co profesor Poliakoff facendo divulgación da Química.
Vi Hart: Matemúsica e doodleadora excepcional

... e hai moitos máis. Se non coñecedes ningún destes, recoméndovos que lle botedes unha ollada ao que vos chamen polos seus contidos, e vos divirtades aprendendo.