Como probablemente supoñades, o certo é que non lle adico moito tempo ao televexo: o único programa que vexo tódolos días é o apartado do tempo na TVG, mentres almorzo; é que malia a presada de canles novas da TDT, non hai ningún que pague a pena -o exemplo máis notoriamente vergoñante, a canle 'Historia' (sic) que se limita a emitir programas de casas de empeños e de ovnis.
O contrario, pola contra, tópase a día de hoxe en Youtube, auténtica porta de entrada para unha posíbel televisión educativa, e que conta con canles moi ben feitas e de enorme interese académico, intelectual e (por qué non) recreativo. Dun tempo a esta parte fíxenme seguidor e audiencia de varias canles, cada unha das cales seguramente mereza unha reseña completa nesta bitácora. Neste introito, limitareime a sinalar brevemente algunhas das miñas favoritas con algunhas verbas breves que as describen:
Khan Academy: xa vos teño falado desta xente; o número de videos sobre as diferentes disciplinas académicas que teñen van medrando día a día.
PBS Spacetime: Unha canle moi amena sobre astrofísica, que sabe conxugar a densidade e o lúdico a partes iguais.
Numberphile: un dos múltiples fillos de Brady Haran, adicado ás matemáticas.
Crash Course: clases temáticas moi ben montadas de historia, literatura, filosofía, política, economía, etc...
Lyndybeige: un excéntrico e entrañábel inglés amante do pasado, das armas e tecnoloxías antigas e dos xogos de rol.
Skallagrim: experto en armas antigas de todo tipo.
Sixty Symbols: canle de Brady adicada á divulgación da Física.
Periodic Videos: outra canle de Brady, co profesor Poliakoff facendo divulgación da Química.
Vi Hart: Matemúsica e doodleadora excepcional
... e hai moitos máis. Se non coñecedes ningún destes, recoméndovos que lle botedes unha ollada ao que vos chamen polos seus contidos, e vos divirtades aprendendo.
Sem comentários:
Enviar um comentário