sexta-feira, julho 15, 2016

ἐμπάθεια

Leo estes días, nunha historia da Ilustración, encol dos debates que tiñan estes pensadores arredor da natureza humana en xeral e da colaboració  e a vida en común destes en particular. Logo de rexeitar a antiga visión aristotélica e tomista (dogma ate a Reforma) que consideraba ao home como un ser 'sociable por natureza' e inscrito no seu interior polo mesmo Deus con certos principios de Lei Natural, é Thomas Hobbes o que formula unha primeira, racional, e polémica explicación, debullada nos seus libros Leviathan e De Cive, e que seguramente coñecedes: os homes son egoístas e violentos por natureza; a súa única lei, a a da autopreservación; isto xera un 'estado de natureza' que é o da 'guerra de todos contra todos', e unha vida "solitaria, pobre, desagradable, brutal e breve". Usando o seu medo, a súa razón e o seu interese propio, os humanos acordan un 'pacto social' no que os individuos renuncian á súa completa soberanía e se subordinan á orde social para acadar os seus fíns.

Tales consideracións non resultaban do agrado dos philosophes, xa que presupoñían unha visión moi escura, 'mecanicista' e materialista da natureza humana, e deixaba sen lugar de ser a outros aspectos da natureza humana aos que os ilustrados lles daban poder fundacional: básicamente estamos a falar das emocións (non só a razón utilitaria), e de entre todas estas, a empatía, a capacidade de poñerse no pelello doutro, e de axir máis alá do círculo inmediato de persoas e intereses. 

Pensando na proxección actual destes debates, véñenme á cachola explicacións científicas actuais da empatía, conectadas coas 'células espello' do cerebro, cuxa relativa abundancia estaría detrás do maior ou menor grado de empatía dos individuos (ou da carencial total dela, no caso dos psicópatas). Hai un video moi interesante dun dos youtubers que citaba na entrada anterior, onde se explica un fenómeno que me resultou sorprendente: nos campos de batalla ata moi recentemente (Segunda Guerra Mundial), a inmensa maioría dos soldados NON disparaban adrede aos soldados inimigos agás baixo orde directa ou ameaza percibida de morte; estamos a falar de porcentaxes altísimas (da orde do 70%), algo que dí moito arredor das nosas resistencias mentais a ferir a outras persoas agás que nos vexamos directamente atacados. Porén, para todo o bo hai solución, e o exército americano, con entrenamentos e técnicas inductistas, conseguiu que os seus soldados actuais 'disparen antes de pensar' de xeito case reflexo, o que axuda a que teñan mellor puntería...

Sem comentários: