segunda-feira, outubro 30, 2017

Libros do Mes

Mathematics and the Search for Knowledge de Morris Kline [E]

La secta de los números de Claudi Alsina

The Constants of Nature de John Barrow

I am Malala de Malala Yousafzai [E]

Ciencia y creencias de Marco Ciardi

*Nanomundo de Pedro Gómez Romero

*Common European Framework of reference for languages  de VVAA [E]

*The Physics Book de Clifford A. Pickover [E]

sexta-feira, outubro 20, 2017

#$@&%*!

O Mantedor foi sempre moi crítico coa globalización (anque quizaves a día de hoxe por razóns diferentes ás de vinte anos atrás). Porén, sería inxusto non recoñecer algún dos seus beneficios; notoriamente, no meu caso, a posibilidade de mercar libros no estranxeiro, unha práctica que comecei alá polo 2005. Podo lembrar con claridade o difícil que era denantes conseguir libros en inglés nas librarías locais, sempre carísimos e en pésimas edicións; certos volumes eran sinxelamente inconseguíbeis. Por fortuna, iso mudou, e a día de hoxe, a maioría dos exemplares da miña biblioteca fixeron percorridos para chegar a mín que suman moi numerosas voltas arredor do planeta. 

But nothing good is meant to last. Na última década, como xa me teño laiado dende esta bitácora, os prezos dos gastos de envío dende os EEUU multiplicáronse vertixinosamente; por se iso non fora malo dabondo, unha suma de varios factores (avaricia recaudatoria, recurte de persoal e servizos de alfándega, incompetencia e amiguismo) levou a que a día de hoxe, por primeira vez, teña 4 envíos desaparecidos de entre 1 a 3 meses, seguramente durmindo o soño dos xustos nos almacéns de ADT Postales (herdeiros infames dos aínda máis infames Speedtrans), en Baraxas. Anque os vendedores, que non teñen a culpa, reembolsáronme os gastos, fícame claro que xa non é posíbel facer as Américas coa letra impresa, e imaxino que dentro de pouco, co Brexit que nos ven enriba, tampouco será posíbel a compra cómoda, barata e en tempo coas Illas Británicas.

Para os morbosos interesados en cales foron os exemplares perdidos, aquí vos van (en orde decrecente de espera):

Euler’s Gem de David S. Richeson
A First Course in Mathematical Logic and Set Theory de Michael L. O'Leary
The Shape of Inner Space de Shing-Tung Yau
Max Plank: The Dilemmas of an Upright Man de J.L.Heilbron 

[PS: hoxe finalmente, logo de mes e pico, chegou o máis recentemente pedido dos volumes, a biografía de Plank. o que reabre unha pequena rendixa ao optimismo no que toca á chegada dos restantes libros].

terça-feira, outubro 17, 2017

O Vernero que foi: Outubro '06

Botando a ollada atrás, vexo que no oitavo mes do calendario romano debía estar a ler a Poesía Inglesa e Francesa de Plácido Castro, Lois Tobío e Florencio Gurriarán, froito dun encargo-reseña que me fixera Manuel Outeiriño para A Trabe de Ouro e que sairía no número 68, tomo IV (Outubro * Novembro * Decembro) de 2006. O libro era unha reedición do publicado pola editorial Alborada de Bos Aires no ano 1949, e presentaba xoias e curiosidades varias, un par das cales colei nesta mesma bitácora para contrastar estilos diferentes de traducir.

Facendo a reseña, un dos poemas que loubaba era o de Pierre Drieu La Rochelle (Plainte des Soldats Européens), un canto crítico e antimilitarista detrás do que parecía agocharse unha persoa digna de louvanza no eido moral; porén, a miña sorpresa (inxenuo de mín, non empregando daquela San Google e a Wikipedia) cando o profesor Outeiriño, comentándome a reseña, aclaroume que La Rochelle rematara coma un feixista e antisemita de moito nabo, e colaborador activo con l'Occupation, e que sería mellor omitir esas verbas eloxiosas miñas. Para que vos fiedes duns versos, e da estabilidade de ideas e pensamentos...



sábado, outubro 14, 2017

Reseñas - Hesiod's Ascra

Hesiod's Ascra

Anthony T. Edwards

2004, University of California Press

* * * * * (excelente)

Moi boa monografía multidisciplinar para aprender máis sobre a sociedade e a economía da Asca de Hesíodo e as interpretacións equivocadas arredor desta.


Para os lectores e estudosos da antigüidade, Hesíodo é ben coñecido coma un dos primeiros poetas épicos, algo posterior a Homero e o máximo representante da tradición beocia deste xénero, caracterizado (con base case exclusivamente motivada nos propios textos hesiódicos, os únicos supervivintes antigos del) pola súa temática práctica, didáctica e utilitarista. Ascra, a vila natal do poema, recibe tamén (infame) fama nos seus versos coma "cruel no inverno, dura en verán, nunca agradábel".

Neste estudo, Anthony T. Edwards propón, baseándose nos Traballos e os Días, unha reconsideración sobre o mundo grego do século VII a.C. nesta aldea, rexeitando moitos dos estereotipos e visións que se facían deste texto, dos conflitos que se reflexan nel e da situación social en xeral na transición da época escura á arcaica.

O mythos que o texto propón refutar é o seguinte: nos Traballos e os Días preséntase un conflito entre a voz poética e o seu irmán, Perses, acusado polo autor de preguiceiro e dependente dos 'reises engulidores de agasallos' da veciña polis de Tespias. A crítica tradicional plantexa o texto de Hesíodo como posterior a Homero, e reflexando unha evolución socio-económica moi semellante á que leva ás reformas solónicas en Atenas a comezos da época arcaica, reformas que tentan solucionar o enfrontamento social entre unha élite urbá acaparadora das terras e un campesiñado rural oprimido e sometido á escravitude por débedas. No poema de Hesíodo, os seus laios contra a petición de axuda do seu irmán aos 'reis de Tespias' agocharía o dominio e a tiranía económica destes monarcas sobre o territorio de Ascra. 

A través dun close reading do orixinal e auxiliado polas ferramentas da arqueoloxía, antropoloxía e economía, Edwards chega a unha conclusión moi diferente: Ascra é un territorio socio-económicamente moi atrasado (non un estadio medio entre o mundo Homérico e o de Solón), con moi escasa diferenza de clases, apenas unha élite non estábel de 'labregos ricos' que funcionan como posíbel antecedente para os 'Grandes Homes', precursores de aristocracias e reises que aparecen en sociedades máis desenvolvidas e con maior acumulación de excedente. É só neste escenario de autarquía e desenvolvemento limitado onde colle sentido a mensaxe ideolóxica dos Traballos e os Días, defendendo a 'boa eris' (a emulación mediante o traballo duro) que diferencia socialmente ao labrego acomodado do pobre, e opoñéndose á intrusión e ao poder político (una intrusión que aínda non é un feito na época do poema) duns 'reis de Tespias' que morarían nun espazo máis económicamente desenvolvido e urbanizado.

O libro é enormente ilustrativo e recomendábel para aqueles que queiran coñecer algo máis da sociedade e o contexto da Grecia antiga, aquí maiormente acoutada á Beocia transicional entre o periodo escuro e o arcaico, uns contextos que iluminan a escrita dos clásicos que lemos, e que continúan presentes como case-invisíbel matriz explicativa que enriquece a lectura e a comprensión deses textos fundamentais para a nosa cultura occidental. Nesta liña, é un libro que me lembra, por exemplo, o tamén excelso Troya y Homero de Joachim Latacz.