sábado, fevereiro 23, 2019

Ad Vocatio (3)

No verán de 1998, logo da Selectividade, fixen a solicitude de matrícula na USC, poñendo a licenciatura de Historia coma primeira petición; miña nai conta que se enfadou un chisco cando llo contei, anque eu non o lembro así, e teño a impresión de que xa dende tempo atrás lles deixara moi claras as miñas intencións aos meus pais, ás que eles non tiñan a intención de oporse. Penso que a memoria da mater amabilis conxela a súa pequena frustración resignada a que o fillo con bo expediente académico non se metese a estudar unha carreira de proveito coma Mediciña.

O caso é que anque quixese daquela satisfacer os desexos familiares, o que eles quizaves non entendían é que a decisión xa se tomara moito antes, e non só polas miñas preferenzas: a escolla dun intinerario de Letras Puras en Terceiro de BUP (con 15/16 anos), impoñía xa unhas severas restriccións ao que, dous anos despois, ía poder estudar na universidade. E a escolla desa modalidade de bacharelato coceuse nos dous primeiros anos deste.

Dicíavos na entrada anterior que con 12 anos, a Historia era de longo a miña materia predilecta, mais isto non presentaba necesariamente un correlato coas outros humanidades. A afinidade con Clío veríase reforzada no IES Virxe do Mar polo maxisterio dun gran profesor que disfrutei 3 anos seguidos, Fernando Prieto Valdés (que hoxe exerce de vice no IES Arcebispo Xelmírez II da capital galaica) anque novamente penso que a esas alturas os malos profesores non ían poder quitarme o disfrute da asignatura. Porén, sí que tiña unha desinterese e antipatía manifestas polas materias de língua (galega ou española) e por todo o que se relacionase con gramáticas e análises sintácticas. Creo lembrar que en segundo curso víamos algo de literatura, e ésta resultoume moito máis potábel, sobretodo na súa vertente histórica (o medieval, os romances, e os anacos de literatura do século de ouro no libro de texto).

No eido científico-tecnolóxico, a bioloxía era a que máis me interesaba, e penso que non se me daba mal. A química resultábame moderadamente interesante, pero a física e as matemáticas compensaban de sobra polo outro lado -destas últimas tiven que ir a aulas de reforzo para poder tirar para adiante sen materias pendentes. Nos dous casos lembro notas paupérrimas nalgúns parciais.

Novamente, non creo que a culpa do malquerer se lle poida adxudicar aos docentes, anque neste caso, e no reverso de Fernando, non lembro que fosen nada bos, senón máis ben o contrario; de todos xeitos, o problema é que atopaba os problemas de física absurdamente complicados e carentes de interese, e ás matemáticas abstractas e traballosas. Non diría que vía as materias como pouco útiles, xa que ao contrario, partillaba xa daquela dunha mentalidade señoritil que miraba por riba do ombro a calquera coñecemento 'práctico' e 'aplicado'. Simplemente, usando unha metáfora economicista, o rendemento en autoestima e pracer intelectual que tiraba por esforzarme nestas materias non compensaba en relación con outras.

Neste caso falo de mín mesmo, pero sospeito que o problema da motivación e desa aparente habilidade intrínseca á que os adolescentes lle chaman 'dáseme ben' vai atada en moita xente ao binomio, ou divina proporción entre dificultade / recompensa; a falta de guías ou de presións, un vai escorando (e gustando) daquilo que se lle da ben e que lle require un esforzo razoábel. Só cando estás enganchado á materia e/ou a empregas para construír o amor propio estás disposto a lidiar con dificultades crecentes e a velas en positivo coma retos -sempre e cando os poidas superar, claro está; o docente sempre está a buscar esa zona 'Riciños de Ouro' onde o que ensina nen é demasiado doado (e aburrido) nen demasiado difícil (e desmotivador).

Coa historia no horizonte e un certo aprezo pola vida mol e estética e intelectualmente interesante do estudo das letras castelás, galegas e latinas, encarreireime, como digo, pola senda das Letras, onde había aprender e aprezar moitas cousas de interese. Non podo dicir que me arrepinta, anque sabendo o que sei agora, quizaves tería feito as cousas doutra maneira -só quizaves, porque en xeral son unha persoa moi feliz co que lle saiu na vida, anque tamén consciente da enorme sorte que tiven malia tomar moi arriscadas decisións de futuro en máis dunha reviravolta; mais iso xa daría para reflexións doutro tipo, alén do seguemento dos pasos perdidos que me levaron a ser o que son e a facer o que fago. E na seguinte entrada desta serie iremos debullando os meus acordes e desacordos cos estudos de Historiador na Alta Casa Compostelá.

Sem comentários: