domingo, fevereiro 03, 2019

O Vernero que foi: Febreiro / Marzo '08

Nos dous meses que nos ocupan, a pluma de FraVernero secou totalmente; Tentando pescar nas lagoas da memoria,  non son quen de lembrar o que motivou esta seca, anque imaxino unha suma de factores diversos. Por riba do habitual estado melancólico-depresivo e da ausencia dos Comparatistas que tanta vida lle deran á bitácora, o factor decisivo creo que foi o traballo: neses días estaba co estudo das opos e a preparación da programación, ámbolos dous grandes chuchadores de tempo; a maiores, estaba a choiar  en varios eidos, como a miña participación no Urbes Europaeae de París (facendo lecturas e escribindo a ponencia), e algo máis adiante, nas Xornadas de Añón, nunha visita guiada e lectura poética por Compostela para as estudantas alemanas da doutora Bischoff e nunha presentación sobre blogs para a USC...

Non estou no certo, pero creo que foi por esta época cando a miña familia mudou o piso da rúa Capela pola casa pétrea da rúa Xurisdicción, dende a que sigo a escribirvos. Entre as entradas do mes de abril vexo unha das primeiras fotos do meu dormitorio, xunto cos escasos libros que adornaban os seus anaqueis. A privacidade do espazo acubillaba os libros máis 'frikis' (Ciencia-ficción, Fantasía, Rol, Cómic), xunto con postais e iconos marxistas varios. A día de hoxe son tres os estantes que ocupan o mesmo espazo, e o maior engadido o desterro acá dos volumes postestructuralistas/posmodernos e a presenza destacada de arredor de douscentos libros de matemáticas e física, o actual hobby-horse que vou debullando de vagariño...


Sem comentários: