terça-feira, abril 30, 2019

Libros do Mes

What We Cannot Know de Marcus du Sautoy [E]

Curvas Peligrosas de Josep Sales e Francesc Banyuls

*The Fifth Elephant de Terry Pratchett [E]

*An Introduction to the language of Mathematics de Frédéric Mynard 

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

Shopping Basket






terça-feira, abril 23, 2019

O Vernero que foi - Abril '08

Logo dunha longa seca, as flores de abril do 2008 traían de novo un cortexo de entradas miñas. A pausa imaxino -que xa non lembro- motivada pola preparación bastante disciplinada das oposicións de historia e da ponencia sobre cibercidades que ía levar unhas semanas despois ao Urbes Europaeae de París. Penso que xa vos falei nalgunha ocasión do accidental do tema do parladoiro, que me fora recomendado polo profesor Abuín como tema algo máis interesante que o que lle propuxera de 'Compostela nos textos da Xeración Nós'. Peor aínda que accidental, xa que logo da reunión con Anxo estiven a cavilar en qué demonios sería iso das 'cibercidades' e qué parte literaria ía poder traballar aí. Mais sempre fun seguidor daquela cita de Roosevelt (o do garrote) que dí aquilo de que sempre respostes que sí cando che dín se podes facer algo, para logo rápidamente aprender a facelo. E coma noutras ocasións, o resultado foi bastante satisfactorio (tanto é así que aínda hoxe, o tema/teima da miña sempre aprazada tese doutoral é unha variación/extensión encol do mesmo do que falei en París).

Vexo nas primeiras entradas que aínda non me chegara o Cybercities de M. Christine Boyer que agardaba con impaciencia, que axudou a clarificar ideas e que sería un dos piares fundamentais do que ía a escribir, xunto coas novelas de William Gibson e o Cybercities Reader de Steve Graham. Tamén Edward Soja, un grande xeógrafo ao que citaba nunha das entradas e ao que daquela vía como un chisco de máis posmoderno, coas súas visións alephescas de LA, e que mesturaba cos delirio lumínicos e virtuais de Baudrillard no seu libriño América. Luces da cidade e da Internet que riman tenebrosamente coas recentes chamas de veludo e amaranto que lamberon a Notre Dame, e que no tempo do que vos falo  reducían a pó -cortesía dos Talibáns- as estatuas colosais dos Budas de Bamiyan.

sábado, abril 13, 2019

Ad Vocatio (5)

Rematábamos a entrada anterior cos comezos dos meus estudos de doutoramento. Por aquelas mesmas datas decidíame, coa excusa de que ía ter que botar alomenos 2 ou 3 anos máis en Compostela entre o DEA e o CAP, a comezar unha segunda carreira: Filoloxía Inglesa. Coma en tantas ocasións na miña vida, seguramente tomei a decisión correcta anque por motivos equivocados. Entre estes últimos imaxino que estaban a facilidade que lle supuña aos estudos ingleses, dado que xa posuía un dominio efectivo da língua, o meu crecente interese pola literatura e a inercia de seguir estudando no canto de tirarme á piscina da pescuda laboral. 

Novamente, non podo dicir que a carreira me decepcionase. Desta volta as miñas notas foron aínda mellores, e puiden colleitar unha carretada decente de matrículas, que alixeiraron en non escasa medida o custo dos estudos. Arredor dun tercio das materias eran de língua, outro tercio de literatura e cultura e un último bloque mixto de gramática, historia da língua e cousas varias. Foi eiquí onde topei sorpresas agradables, e tamén os ósos que case me tiraran para atrás á hora de plantexarme unha filoloxía, mais sobrevivín ás gramáticas, e tamén á fonética.

En paralelo con Historia, tamén eiquí descubrín 3 cousas relavantes, anque desta volta caeron na cesta do positivo, a saber:

1) Estes estudos tiñan moitas máis saídas laborais que os previos. Non é que iso tivera influído na escolla (aínda máis: nen sequera me plantexaba, por aburrida,  a saída de profesor de secundaria - inglés), pero nos últimos anos da carreira comecei a gañar algúns cartos coma tradutor. Nada para facerse rico, anque naqueles anos de burbulla inmobiliaria e subvencións, un podía gañarse modestamente a vida no verquido bidireccional de palabras e libros.

2) Se a investigación histórica aburría ás ovellas, descubrín, pola contra, que a literaria me resultaba moi entretida. Isto foi fillo sobretodo dunha optativa de literatura comparada baixo a éxida de Anxo Abuín, que conseguiría captarme para escribir algúns artigos de revistas e para percorrer algunhas cidades do continente cos congresos do Urbes Europaeae.

3) A terceira descuberta non foi exactamente de cousas, senón de persoas: nos anos da segunda carreira socialicei moito máis, incluso con persoas normais, e coñecín e fixen contactos con xente do máis interesante: Pablo e David, Tomás e a súa pandilla de xogadores de rol, ou os poetas do grupo Comparatista de Compostela.

Mais todo chega ao seu final. Apenas unhas semanas de rematada a carreira e de rematar (iso pensaba) coa ensinanza regrada comecei a pescuda dun traballo estábel e 'do meu' na administración, preparando oposicións de secundaria para Xeografía e Historia. Mais diso falaremos noutra xornada.