Logo dunha longa seca, as flores de abril do 2008 traían de novo un cortexo de entradas miñas. A pausa imaxino -que xa non lembro- motivada pola preparación bastante disciplinada das oposicións de historia e da ponencia sobre cibercidades que ía levar unhas semanas despois ao Urbes Europaeae de París. Penso que xa vos falei nalgunha ocasión do accidental do tema do parladoiro, que me fora recomendado polo profesor Abuín como tema algo máis interesante que o que lle propuxera de 'Compostela nos textos da Xeración Nós'. Peor aínda que accidental, xa que logo da reunión con Anxo estiven a cavilar en qué demonios sería iso das 'cibercidades' e qué parte literaria ía poder traballar aí. Mais sempre fun seguidor daquela cita de Roosevelt (o do garrote) que dí aquilo de que sempre respostes que sí cando che dín se podes facer algo, para logo rápidamente aprender a facelo. E coma noutras ocasións, o resultado foi bastante satisfactorio (tanto é así que aínda hoxe, o tema/teima da miña sempre aprazada tese doutoral é unha variación/extensión encol do mesmo do que falei en París).
Vexo nas primeiras entradas que aínda non me chegara o Cybercities de M. Christine Boyer que agardaba con impaciencia, que axudou a clarificar ideas e que sería un dos piares fundamentais do que ía a escribir, xunto coas novelas de William Gibson e o Cybercities Reader de Steve Graham. Tamén Edward Soja, un grande xeógrafo ao que citaba nunha das entradas e ao que daquela vía como un chisco de máis posmoderno, coas súas visións alephescas de LA, e que mesturaba cos delirio lumínicos e virtuais de Baudrillard no seu libriño América. Luces da cidade e da Internet que riman tenebrosamente coas recentes chamas de veludo e amaranto que lamberon a Notre Dame, e que no tempo do que vos falo reducían a pó -cortesía dos Talibáns- as estatuas colosais dos Budas de Bamiyan.
Sem comentários:
Enviar um comentário