Rematábamos a entrada anterior cos comezos dos meus estudos de doutoramento. Por aquelas mesmas datas decidíame, coa excusa de que ía ter que botar alomenos 2 ou 3 anos máis en Compostela entre o DEA e o CAP, a comezar unha segunda carreira: Filoloxía Inglesa. Coma en tantas ocasións na miña vida, seguramente tomei a decisión correcta anque por motivos equivocados. Entre estes últimos imaxino que estaban a facilidade que lle supuña aos estudos ingleses, dado que xa posuía un dominio efectivo da língua, o meu crecente interese pola literatura e a inercia de seguir estudando no canto de tirarme á piscina da pescuda laboral.
Novamente, non podo dicir que a carreira me decepcionase. Desta volta as miñas notas foron aínda mellores, e puiden colleitar unha carretada decente de matrículas, que alixeiraron en non escasa medida o custo dos estudos. Arredor dun tercio das materias eran de língua, outro tercio de literatura e cultura e un último bloque mixto de gramática, historia da língua e cousas varias. Foi eiquí onde topei sorpresas agradables, e tamén os ósos que case me tiraran para atrás á hora de plantexarme unha filoloxía, mais sobrevivín ás gramáticas, e tamén á fonética.
En paralelo con Historia, tamén eiquí descubrín 3 cousas relavantes, anque desta volta caeron na cesta do positivo, a saber:
1) Estes estudos tiñan moitas máis saídas laborais que os previos. Non é que iso tivera influído na escolla (aínda máis: nen sequera me plantexaba, por aburrida, a saída de profesor de secundaria - inglés), pero nos últimos anos da carreira comecei a gañar algúns cartos coma tradutor. Nada para facerse rico, anque naqueles anos de burbulla inmobiliaria e subvencións, un podía gañarse modestamente a vida no verquido bidireccional de palabras e libros.
2) Se a investigación histórica aburría ás ovellas, descubrín, pola contra, que a literaria me resultaba moi entretida. Isto foi fillo sobretodo dunha optativa de literatura comparada baixo a éxida de Anxo Abuín, que conseguiría captarme para escribir algúns artigos de revistas e para percorrer algunhas cidades do continente cos congresos do Urbes Europaeae.
3) A terceira descuberta non foi exactamente de cousas, senón de persoas: nos anos da segunda carreira socialicei moito máis, incluso con persoas normais, e coñecín e fixen contactos con xente do máis interesante: Pablo e David, Tomás e a súa pandilla de xogadores de rol, ou os poetas do grupo Comparatista de Compostela.
Mais todo chega ao seu final. Apenas unhas semanas de rematada a carreira e de rematar (iso pensaba) coa ensinanza regrada comecei a pescuda dun traballo estábel e 'do meu' na administración, preparando oposicións de secundaria para Xeografía e Historia. Mais diso falaremos noutra xornada.
Sem comentários:
Enviar um comentário