quarta-feira, outubro 14, 2020

O Vernero que foi: Outubro '09

 Viaxando a través das vellas entradas ao outubro de van once anos, aparéceme diante dos ollos o Mantedor daquela e a súa vida; o máster do universo ficaba rematado, e ancorado nun certo día da marmota, a miña vida cotián nos últimos meses do 2009 volvía en parte a dous anos atrás. Os días adicábaos a ir preparando de novo as oposicións de Historia, pulindo os temas ata o troppo finito, e con algo de exercicio físico na forma de carreiriñas de arredor dunha hora. Ficaba enraizado na casa á que non había tanto que nos mudáramos, con moi pequenas excursións máis alá, incluíndo a sonada e multitudinaria manifestación a prol do galego do 18 de outubro, que acapara dúas breves entradas visuais, ou unha pequena visita a Rianxo para conectar cun dos numerosos e fascinantes proxectos do filósofo e mestre máxico Roberto Abuín, e que me enleou para traducirlle o TAZ de Hakim Bey para a súa nacente editorial Axouxere. No eido das lecturas, albisco que andaba ás voltas co excelente The Black Jacobins, de CLR James, apoixonada e épica crónica da revolta de escravos de Haití (1794-1803), e co teatro noh. Por esas ou similares datas chegábanme tamén de América e lía Keywords: A Vocabulary of Culture and Society de Raymond Williams, unha especie de mini-diccionario marxistón da cultura e The Jews of Khazaria de Kevin Brook, unha crónica dun curioso estado turco alto-medieval cuxas élites se convertiran ao xudaísmo.

Navegando no correo topo como curiosidade un texto literario que debín escribir para a revista Terra de Outes -encirrado por Ramón Blanco- encol da capela de Santiago, no centro da vila. Para o voso disfrute, aquí vos vai esta Danza Tumultuosa do Espectro Arquitectónico:


Mas no de esotra parte en la ribera / Dejará la memoria en donde ardía. Coma nos versos de Quevedo, destoutra parte da ribeira do Tines ardeu nos tempos da guerra e de paixóns encadeadas a capela de Santiago. Mais as chamas deste incendio que a asaltaban non eran das metafóricas, e esfarelaron coa pedra vella e o espazo sacral. Corresponderíalle despois ao réxime nacional-catolicista dar comezo á reconstrución nos falsos anos da paz, mais de novo a metáfora insire, tenaz, na construción arquitectónica. Tal como testemuña a fotografía e a realidade actual do que se acerca ao templo, os soños neo-románicos ficaron reducidos á parte baixa do templo, onde o simulacro das arquerías fai un pétreo arco-da-vella por riba duns capiteis ben modestos e lonxanos da reviravolta bestiaria ou naturalista que ascendeu ao alto en San Martín de Frómista ou nos capiteis historiados das catedrais. A reconstrución incompleta transmuta a pedra polo modesto tixolo e encalado e os grosos cristais esmerilados (branco e verde en forma de cruz) que fan un pálido eco das vidreiras.

 

Mais o lume, coma nos heroes homéricos, consumiu a carne ou a pedra que facía de cárcere e prisión inxusta para os anhelos da igrexa. A súa pantasma asenta as raíces e a nova pedra fundacional nas ribeiras máis tépedas e tenebrosas do Leteo; co tempo decide quizais emigrar nunha peculiar viaxe ou peregrinación á Pantasma das Cidades, un espazo plátonico e ideal onde conviven en tumultuosa danza e disharmonía tódalas cidades e edificios que algunha vez foron nalgún lugar da terra. Miles de formas e de estilos estenden en todas as direccións, tecendo un tapiz onde as torres, os minaretes, os pazos e templos e as prazas son coma cores dun cadro, ou notas dunha complexísima e interminábel melodía. A carón de espléndidas avenidas, a Capela de Santiago contempla as estatuas e as árbores mortas, e admírase dunha cidade carente de habitantes vivos e cuxa razón de ser é a de rememorar os espazos perdidos para os homes. 

 

Miramos de novo para o abano matizado de grises da estampa que o tempo quixo apreixar para sempre: o edificio a medio facer evoca o encanto da ruína, a noción do tempo e da prisión de Cronos, o implacábel, o ancián que remata adiantando a todos na carreira. É ben sabido que os arquitectos historicistas de finais do século dezanove gorentaban de construír falsas antigüidades e construcións ruinosas coas que agasallar ao paseante de parques e xardíns. Na peza a medio facer inscríbese un teorema de posibilidades pasadas ou futuras, espirais de tinta rosada, escarlata e cobalto, e un aviso terminal e certeiro do carácter inxenuo, ilusorio e da insatisfacción última que conleva a pedra final ou a restauración máis ou menos afortunada. Mellor xogue o espectro e dance a arquitectura invisíbel; despois de todo as pedras Serán ceniza, mas tendrá sentido. Na poeira desta cinza erguemos unha nube e escalamos (asaltamos) os ceos para negrumear dende as alturas e seguir á igrexa inmaterial no seu paseo pola Pantasma das Cidades.

Sem comentários: