quarta-feira, dezembro 30, 2020

Libros do Mes

Antigamente, os periodos vacacionais eran aqueles onde máis tempo tiña para ler; agora, cun pequeno de 3 anos, é o mundo ao revés, e chegamos á situación de que neste decembro declinante dun ano malemparellado coa fortuna, non dín rematado volume ningún nos pasados 30 días. Certo é tamén que na primeira quincena andiven moi agobiado con cursos de formación, o traballo de aula e a única (e densa) materia do grado co que pelexo, xunto coas súas numerosas probas titoriais. De todos xeitos, agardemos que o ano que ven produza colleita máis xenerosa de lecturas consumadas...


*El Conde Lucanor de Don Juan Manuel

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

*Cantares Completos (3) de Ezra Pound

*Early China: A Social and Cultural History de Li Feng [E]

segunda-feira, dezembro 21, 2020

Loyalty versus Truth

No Exemplo XXVII do Conde Lucanor, Don Juan Manuel vennos a dicir que a muller ideal é aquela disposta a concordar co seu home en todo e a ver o mundo a través dos seus ollos, e exemplifícao coa historia de Alvar Háñez 'Minaya' e dona Vascuñana, que está disposta a defender que as égoas son vacas, as vacas égoas e a corrente dun río discorre en sentido contrario se tal é a opinión do seu marido. Malia que o autor pretenda moderar un chisco esta sumisión ("Et non entendades que fazía esto por le lisoniar, nin por le falagar"), esta fábula envelleceu mal, e contrasta non pouco coa inmediatamente anterior "de lo que contesçió al árvol de la mentira".

Anque mil anos anterior, resulta moita máis asisada a crítica que cun exemplo similar realiza o Gran Historiador Sima Qian do malvado eunuco Zhao Gao e que deu orixe a un idiom chinés que significa 'mentir deliberadamente'. A frase é 'chamarlle cervo a un cabalo' (指鹿為馬), e a historia que a orixina dí así:

"Zhao Gao estaba a cavilar en traizón, mais tiña medo de que os outros oficiais non fixesen caso das súas ordes, así que decidiu poñelos a proba primeiro. Fixo traer un cervo e presentoullo ao Segundo Emperador, mais alcumouno 'cabalo'. O Segundo Emperador riu, e dixo: 'Estará confundido o chanceler, chamándolle cabalo a un cervo?'. Logo o Emperador preguntou ao cortesáns que o rodeaban. Algúns ficaban calados, mais outros, desexando quedar ben diante de Zhao Gao, dicían que era un cabalo, e outros, que un cervo. Zhao Gao encargouse secretamente de levar ante os tribunais a todos os que dixeran que o animal era un cervo, e fíxoos executar ao instante. A partir de entón, tódolos oficiais ficaron aterrados de Zhao Gao".

domingo, dezembro 13, 2020

O Vernero que foi: Decembro '09

Finaba un ano máis, o derradeiro que me ía pillar sen emprego estábel e incorporado á orde mandarinesca para a cal daquela seguía a estudar. Anque non vexo referencia algunha na bitácora, penso que foi por decembro cando saiu o anuncio da convocatoria de 2010, anuncio que me deixou xeado ao non incluír Xeografía e Historia entre as especialidades e obrigándome, moi ao meu pesar, a preparar de xeito apresurado e pouco optimista as de secundaria - Inglés. É que como canta o himno de William Cowper, God Moves in a Mysterious Way.

Alén de ler ao Dante a moita literatura xaponesa, andaba ás voltas con contos do e-book e do e-commerce. O 2009 era o quinto ano desque comezara a mercar libros por Internet; algunhas cousas cambiaron moito dende aquela: os gastos de envío internacionais dende EEUU multiplicáronse por 4, por exemplo, o que en boa medida explica que usaba moito o Amazon usano e agora emprégoo ben pouco. A tenda amazónica expandiu tamén e absorveu a outras empresas ás que lle mercaba, coma Abebooks ou (máis tarde) Bookdepository. Ebay resultaba útil de cando en cando naqueles días, pero a día de hoxe xa non fai subastas e vende máis caro que o Grande Competidor. Unha das poucas cousas que non mudou en absoluto é a inutilidade das alternativas hispanas: Casa del Libro segue a ser igual de lenta e ineficiente, anque parece que xurdiu un novo portal para conectar directamente libreiros e compradores que debera resultarme útil á hora de mercar libros patrios (cousa sempre complicada, xa que as editoriais destrúen moi rápidamente stocks vellos, e a distribución é daquela maneira. Non sabedes a de voltas que tiven que dar recentemente para conseguir a versión de Mío Cid que publicou a RAE non van tantos anos atrás).

Facendo un pequeno exercicio numérico, nos anos 2008-2009-2010 vexo que mercaba arredor de 30 libros online por ano (logo de ascender ao mandarinato, subirían ata a cifra relativamente estábel de 50-60 que continúa na actualidade). Dos exactamente 29 do 2009 uns 2 procedían de Ebay (7%), 3 de Abebooks (10%), 4 do Amazon británico (14%) e 20 do americano (69%). Facendo a comparativa con este ano onde abusei algo máis do habitual-, dos exactamente 65 do 2020 uns 2 viñeron de Ebay (3%), 5 de Abebooks/Iberlibro (8%), 1 do Amazon británico (1.5%), 5 do americano (8%), 15 do español (23%), 1 do alemán (1.5%), 12 de Alibris (18%), 3 de Thriftbooks (5%), 13 de Springer (20%), 1 de Wallapop (1.5%) e 7 doutros vendedores (10.5%). Pódese concluír que diversifiquei un chisco os espazos das compras electrónicas.



terça-feira, dezembro 01, 2020