domingo, dezembro 13, 2020

O Vernero que foi: Decembro '09

Finaba un ano máis, o derradeiro que me ía pillar sen emprego estábel e incorporado á orde mandarinesca para a cal daquela seguía a estudar. Anque non vexo referencia algunha na bitácora, penso que foi por decembro cando saiu o anuncio da convocatoria de 2010, anuncio que me deixou xeado ao non incluír Xeografía e Historia entre as especialidades e obrigándome, moi ao meu pesar, a preparar de xeito apresurado e pouco optimista as de secundaria - Inglés. É que como canta o himno de William Cowper, God Moves in a Mysterious Way.

Alén de ler ao Dante a moita literatura xaponesa, andaba ás voltas con contos do e-book e do e-commerce. O 2009 era o quinto ano desque comezara a mercar libros por Internet; algunhas cousas cambiaron moito dende aquela: os gastos de envío internacionais dende EEUU multiplicáronse por 4, por exemplo, o que en boa medida explica que usaba moito o Amazon usano e agora emprégoo ben pouco. A tenda amazónica expandiu tamén e absorveu a outras empresas ás que lle mercaba, coma Abebooks ou (máis tarde) Bookdepository. Ebay resultaba útil de cando en cando naqueles días, pero a día de hoxe xa non fai subastas e vende máis caro que o Grande Competidor. Unha das poucas cousas que non mudou en absoluto é a inutilidade das alternativas hispanas: Casa del Libro segue a ser igual de lenta e ineficiente, anque parece que xurdiu un novo portal para conectar directamente libreiros e compradores que debera resultarme útil á hora de mercar libros patrios (cousa sempre complicada, xa que as editoriais destrúen moi rápidamente stocks vellos, e a distribución é daquela maneira. Non sabedes a de voltas que tiven que dar recentemente para conseguir a versión de Mío Cid que publicou a RAE non van tantos anos atrás).

Facendo un pequeno exercicio numérico, nos anos 2008-2009-2010 vexo que mercaba arredor de 30 libros online por ano (logo de ascender ao mandarinato, subirían ata a cifra relativamente estábel de 50-60 que continúa na actualidade). Dos exactamente 29 do 2009 uns 2 procedían de Ebay (7%), 3 de Abebooks (10%), 4 do Amazon británico (14%) e 20 do americano (69%). Facendo a comparativa con este ano onde abusei algo máis do habitual-, dos exactamente 65 do 2020 uns 2 viñeron de Ebay (3%), 5 de Abebooks/Iberlibro (8%), 1 do Amazon británico (1.5%), 5 do americano (8%), 15 do español (23%), 1 do alemán (1.5%), 12 de Alibris (18%), 3 de Thriftbooks (5%), 13 de Springer (20%), 1 de Wallapop (1.5%) e 7 doutros vendedores (10.5%). Pódese concluír que diversifiquei un chisco os espazos das compras electrónicas.



Sem comentários: