Creo que xa teño falado en máis dunha ocasión do meu fetichismo bibliográfico; agora que podo pagalo, o meu obxectivo non é só mercar e ler bos libros, senón que a carne destes, alquimia de tinta e árbore, sexa digno continente e cárcere do seu espírito. E que amais, duren tanto coma mín mesmo (ou quizaves uns anos máis).
Cando pensamos nunha boa edición dun volume, o primeiro que nos ven á cabeza é que sexa 'de tapa dura', mais isto pode ser moi enganoso, e máis nos tempos de "Impresión baixo demanda" en que vivimos. Antes que a tapa (anque ésta tamén veña ben) hai que ter en conta o seguinte:
-Calidade do papel: esencial que sexa libre de ácido (pH de 7 ou superior) se queres evitar que as páxinas tornen fráxiles e amarelas (máis preciso, a cor que adoptan é a de mollalas nunha taza de chá).
-Calidade de impresión: que a tinta sexa uniforme e ben lexíbel, algo moitas veces ausente dos libros de edición dixital.
-Cosido: O máis doado de pasar por alto, mais esencial se desexas que as páxinas non chovan no teu colo logo dunhas cantas lecturas.
Neste eido, penso tamén que xa me teño queixado da dificultade (alimentando o prexuízo sobre a Inglaterra mercantil e semita, e/ou o culto anglosaxón polo libre mercado, incluso cando é ineficiente) de topar boas edicións dos clásicos ingleses en forma e contido. Na Europa continental, países como Alemania, Francia, Italia ou España foron quen de patrocinar coleccións ben editadas das súas obras clásicas (Deutscher Klassiker Verlag, Bibliothèque de la Pléiade, I Meridiani, Biblioteca Castro e/ou Biblioteca Clásica da RAE); incluso os EEUU seguiron o mesmo camiño (Library of America); mais Brittania, como en tantas outras cousas, is different. É doado atopar boas e baratas edicións anotadas e académicas, pensadas para escolares e universitarios (Oxford World Classics, Penguin Classics, ou Norton Critical Editions) pero non para durar nas estanterías; logo hai aqueles volumes algo mellores (anque non tanto: ás máis das veces baixo as tapas duras agochan libros pegados) e moi, moi caros, xa que sacan tiradas pequenas e o seu comprador desexado son as bibliotecas universitarias (a maioría dos libros académicos de Oxford e Cambridge, a Longman Annotated English Poets); tamén hai casas editoriais, coma a Folio Society, que preparan exemplares "de luxo" a prezos exorbitantes (e que inclúen, para mín, adubíos innecesarios coma repuxados dourados e ilustracións encargadas a artistas). O máis parecido ao que busco ofréceo a colección Everyman's Classics, pero non deixa de contar cos seus defectos (algunha vez os libros non teñen a calidade material agardábel, e o catálogo ten numerosas carencias de obras fundamentais; as traducións de obras non inglesas son moitas voltas vellas e anticuadas).
O feito de que agora merque a case totalidade dos libros na Rede de Redes non axuda tampouco, e obrígame a andar con tento, xa que como dicía antes, só o feito de que un volume sexa de tapas duras non garante a calidade material (anque o custe certamente sexa moi superior ao mesmo produto en tapa branda). Eis os traballos e os días do materialista bibliófilo en tempos de Coronavirus e libros dixitais...
Sem comentários:
Enviar um comentário