terça-feira, julho 26, 2005

É... Outeiriño

A poesía é unha medida aritmética
Pounderada:
ecuación entre aires
da miña terra
e patria celta ou descomposición
factorial do silencio,
artificio
e exilio: Irish da miña terra

de LETRAS VENCIDAS


Na resaca do Día da Patria, facemos catálogo e balance do Bo e do Malo: das decepcións -¿seguro que o camiño nunca se desanda, malia a voz do poeta?- e das Pequenas Alegrías que celebraba un cadro exquisito de Kandinsky ('Todo o cadro lémbrame as gotas caendo na auga, que teñen un sonido claro e variado'). A conversa de onte con Chus foi unha delas. Outra parte desas ledicias lenes que nos axudan a tirar do carro está composta polos poemas de Manuel Outeiriño Gallego, uns versos que exudan un purísimo Joie de vivre. Cumprindo co prometido, velaiquí teredes o poema homónimo do seu último libro, 'É', que saiu uns meses atrás deste noso ano 2005.
Dúas palabras verbo do autor. Quizaves a maioría de vós non teñades pasado polas aulas outeiriñescas da facultade de Xornalismo; eu colárame nalgunha cando a facultade destes aínda estaba na Praza de Mazarelos, veciña de Historia, coa sombra de Montero Ríos montando garda diante do edificio xesuítico. Nese entorno teatral resplandecía o famoso profesor, inconoclasta enfant terrible que mesturaba -para desconcerto dos rapaces- os teóricos da comunicación con ‘Roncho Ronchiño’ (Humpty Dumpty), cos filósofos franceses da Posmodernidade e con Mazzinger Z. O seu libro circulaba como un segredo a voces. Daquela pousamos as mans sobre o ‘Depósito de espantos’ que lle publicara Positivas. A intelixencia e o humor alla Shandy boureaban en cada páxina: ‘Como o porco vai á maseira por move-lo fuciño, / así quero eu beber auga de Mondariz’. Outra mostra: ‘Ser un deserto inmenso e sentir inocentes, / escasos / reptís, aves e múridos / os recordos. / Tamén outras especies no espacio ardente’.
Un tempo despois (no ‘días da revolución’ da L.O.U.), descubrir o seu segundo libro: ‘Letras Vencidas’: Caixa 365 A pantera negra, / como un bosque ardido. / Fumazo. / Os libros de Dante quedaran no canizo: / completamente escarallados. / A pantera negra, cheirenta, / a peor. Caixa 156 Escocia, MacPherson, Petróleo!...
Lembro tamén con especial emoción un recital que celebramos en Noia; os convidados, Helena de Carlos (presentaba o seu libro 1999) e Outeiriño. Adoptando o rol de ‘segundo presentador’, o Manuel leu unha traducción propia (creo que Wallace Stevens) e uns poemas de Helena.
Porén, sen máis reviravoltas, que diría Polonio, ‘É’, de Manuel Outeiriño:

VIN A CURUXA. Arrepiei.
Reparei logo. Era fermosa.
Saudoume.

Podo curar se chamo ás cousas
polo nome.
É.

Cruzo quizais o río de sempre
onde afogara ritual
parvo, pero nestora
o tempo me resta
sae a frote, salvado
na voz amable que non torce as palabras,
esa que fala aí, no momento:
é.

Nado nun intre novamente nado,
nun nadiña de nós.

6 comentários:

maré aberta disse...

Umha forte aperta ao Seneschal Kay que sei que está a passar malos momentos com a gente da extrema dereita. Desde aquí o meu saudo. Assim também fago como ele e vos convido (a traiçom como sempre) a visitar o meu blog agora situado em mareaberta.blogspot.com Um bico a todos.

seneschalkay disse...

Agradécese a túa solidariedade, querido.
Unha aperta.

Ginebra disse...

Ben Seneschal, espero que este blog sea o definitivo (por Deus!), e non sufras máis ataques da extrema.
Ah,case me olvido! non o anuncies nos Vieiros meu rei que é como unha invitación a provocación e logo pasa o que pasa.....
Un saudiño, pásao ben na comerota.

Bicos

Capitam da nave disse...

Se este tío e parvo de remate. Somente lhe falta que lhe envíe umha carta de invitaçom aos nazis para que lhe venham. tioooo; como que nom tes comentarios meus??? 3 de 5. Que protestas=???

seneschalkay disse...

Bah. Capitan Fracassa, os teus comentarios son de pacotilla. O primeiro, unha letra (¿g?¿porqué?). O segundo, amosa de solidariedade (agredeceuse) pero non me dis nada do que che pareceu ou deixou de parecer o poema do meu estimado Outeiriño (que temo non sexa do teu gusto, por outra banda).
Vou pasar eu a facer comentarios 'chungos' no teu blog... xD

Capitam explicativo disse...

o "g" é umha letra importante. Parece mentira tio. E logo o "ponto g"?