terça-feira, julho 19, 2005

O Debuxo de Peacham

¿E de qué está a falar esta vez o Senescal, preguntarédesvos? ¿Qué é o debuxo de Peacham? Ben, calquera persoa moi fanática ou versada nas obras do Cisne de Avon poderavos dar unha sinxela resposta. Corría o ano 1596. O aínda mozo William Shakespeare acababa de escribir unha das súas pezas menos coñecidas e aprezadas (anque o público da época non pensou o mesmo): Titus Andronicus. Despois dalgunhas montaxes en Londres, os teatreiros teríana circulado por provincias, e o primeiro de Xaneiro dese ano de 1596 tivo lugar unha función na casa de campo de Sir John Harington. Aquí é onde entra o noso Peacham.
Henry Peacham é un coñecido debuxante da época, autor de obras como 'The art of Drawing with the Pen', 'Minerva Britanna' e 'The Complete Gentleman'. Debeu de estar na función que mencionamos, xa que nun manuscrito coa súa firma e con ese ano topamos unha transcripción de pasaxes do Titus e unha verdadeira xoia: a única ilustración contemporánea da escea shakesperiana.
Como podedes supoñer, trátase dun documento de valor inestimábel á hora de reconstruir o vestiario e a imaxe que podía ter o teatro shakesperiano. Nembargantes (como soe acontecer nestes casos), o material é causa de tantas preguntas como respostas.
Anque a escea sexa recoñecible (Acto I, escea 1; a raíña Tamora implóralle a Tito Andrónico pola vida dos seus fillos. Nembargantes, na obra a raíña está a implorar por un terceiro fillo, Alarbo, que non aparece debuxado e que será sacrificado polo inflexible romano ad manes fratrum), non estamos ante unha recreación directa. A figura da estrema dereita (o malvado mouro Aarón) non pinta ren nesta ocasión, e menos con esa espada e atitude. Isto non é, contodo, un problema: nas ilustracións de textos teatrais da época soíanse misturar varios episodios e personaxes da obra no mesmo gravado. Dunha balada contemporánea inspirada tamén na lenda de Tito Andrónico conservamos un gravado en madeira no que se compaxinan esceas de caza, o castigo de Aaron e a execución dos fillos de Tamora, Lavinia escribindo en terra os nomes dos seus violadores e o banquete grotesco no que Tamora engule unha empanada cos seus propios fillos de raxo.
Canto ás roupas, é doado comprobar que hai unha alternancia: os soldados (personaxes secundarios) aparecen en escea vestidos con roupas contemporáneas (podemos supoñer que os personaxes menores das obras rexiríanse por este criterio). Pola contra, coas figuras principais hai un esforzo maior por 'crear ambiente' (máis nesta obra 'romana', anque sexa totalmente ahistórica), con túnicas, sandalias e elementos similares de atrezzo.
Isto ven ao caso, alén de polo meu frikismo por William, por un simpático paralelismo actual. Unha das miñas aficións na literatura pop é Terry Pratchett e as súas novelas do MundoDisco. As portadas destas (podédelas atopar no enderezo www.lspace.org), obra exquisita de artistas como Paul Kidby ou Josh Kirby, obedecen unha lóxica similar. Deste xeito, unha das diversións (alén da lectura do libro) é a de contemplar a fermosa portada e tentar adiviñar o contexto e as esceas. Algúns personaxes son doadamente identificables. Os novos de cada novela, non...

Nada novo baixo o sol. Pero moi bonito, de tódolos xeitos.

7 comentários:

polonius disse...

Seneschal, hai tempo que che quería facer unha observación. Téñoche oído centos de veces que o Tito Andrónico é a peor obra de Shakespeare, a única que se pode considerar frouxa. E sen embargo, por algunha razón é a obra de Shakespeare da que máis falas, e con diferencia... É algo que me ten estrañado jeje...
Un saúdo Seneschal

seneschalkay disse...

Carísismo:
ten sinxela explicación. Dúas cousas:
1) estou a facer un traballiño sobre ela, pol que últimamente non ma dou quitado da cabeza (entre voltar ao texto, ver a peli, ler das montaxes teatrais, varias lecturas de críticos sobre os temas, fontes...)
2) Non creo que sexa a peor obra de Shakespeare (menos despois do que estou a sacar dela). É obra de mocidade, sí; moi violenta, 'bruta' (só degustable polo noso público do século XX, que non tembla co Gulag, con Auschwitz e outros horrores que temos no armario). A máis incomprendida, dende logo. A súa linguaxe é embriagadora...
Non me gustaría dicir cal é a peor obra do mestre, pero actualmente, apuntaría máis cara 'Taming of a Shrew', 'A Commedy of Errors' ou 'The two gentlemen of Verona'. Iso sí, sempre admitindo que o peor de Shakespeare é bo danbondo para que fose incluído con maiúsculas na Literatura Universal.
E por unha vez, discrepo de Eliot que, deste obra, dicía:
"one of the stupidest and most uninspired plays ever written, a play in which it is incredible that Shakespeare had any hand at all".

polonius disse...

Conmovedora cita de Eliot xD Pola miña parte recoñezo non ter lido esta obra. Fareino pronto, espero.
Saúdos

seneschalkay disse...

A verdade é que sinto debilidade polas grandes obras 'de vinganza'. Quizaves porque son un chisco rencoroso (é bo recoñecer os defectos propios).
Mais despois de todo, ¿non é Hamlet tamén unha obra de vinganza? E non deixa menos corpos na escea final que Titus Andronicus...
Hai unhas disonancias entre o cómico e o tráxico, entre o estilo lírico de certas pasaxes e a súa cruez que, buscado ou non (escolas de shakesperianos mátanse arredor diso) crea un efecto estético que visto dende a óptica do pastiche posmoderno, funciona.
Aproveitando o curso que estamos a ter en Noia de Historia Medieval e Cultura Moderna, estivemos vendo entre onte e hoxe outra épica espectacular de Vinganza: 'Os Nibelungos, 1ª e 2ª parte'. Resulta incrible o enganchadora que pode ser esta historia (5 horas en total, muda), os ollos de lume de Krimilda pedindo vinganza, a machacona melodía de traxedia... Eu, que son carniceiro e despiadado, sentíame en plena catarse coa heroína cando, impávida, estatua de sal, contemplaba a masacre dos seus irmáns, e ao final asasinaba ao traidor Hagen.
¡Malo que son!

Sir Gawain disse...

Ah... Seneschal,

alégrome de que esteamos abertos novamente. As hordas feixistas non acabaran coa nosa determinación: sempre Shakespeare e Marx.

FELIZ DÍA DO METARRELATO PARA TODOS.

Ginebra disse...

Discrepo convosco Seneschal, a vinganza de Krimilda non foi para tanto, para ser unha muller quedouse un pouco frouxiña. Ademáis a moza en cuestión non era moi ben dada, (mira que coserlle a cruceciña na capa...)
Vaia, que eu xa estaba pensando que o tal Hagen ía quedar como churrasco á barbacoa e non me tiña a min eso moi bo xeito.
Bueno, como vexo que che gusta o cine de vinganza recomendoche que vexas "A vinganza do Conde de Montecristo", que unha das miñas favoritas despois de Braveheat.

seneschalkay disse...

Tomo nota, anque o tocho gordo de Hugo que é o 'Conde de Montecristo' tírame algo para atrás. O tempo e pouco e os libros moitos... Non temos tempo de ler tantas cousas boas...
E Krimilda é unha muller 'comme il faut'. Alomenos, encaixa moi ben dentro dos meus estereotipos e prexuízos (véxase os meus textos 'A Deusa Fenicia', 'Mural do Templo da Nostalxia' e outros inéditos. Alén de que identificaba plenamente coa personaxe.
Éme doado identificarme con figuras vingativas, iso é certo. Interesante como enfoca o tema Julie Taymor na súa versión cinematográfica do 'Tito Andrónico', que convirte nun alegato contra o consumo masivo da violencia na sociedade do espectáculo.
Un bico.