sábado, julho 09, 2005

Poema de David Souto Alcalde

Este xoves (cousa que se me esquenceu comentar na última entrada que fixen) saiu á rúa o número 573 da Revista das Letras, o suplemento cultural de Galicia Hoxe, adicado monográficamente aos poetas 'comparatistas' de Compostela. A todos aqueles que non tivéchedes ocasión de mercar o xornal, recoméndovos que lle botedes un ollo nunha biblioteca se queredes facervos (alén das entradas nesta bitácora) unha idea dos textos e das apariencias destes rapaces (hai unhas cantas fotos no especial). Alén dos poemas, atoparedes tamén un manifesto, baixo o epígrafe 'De Rerum Natura' que estou seguro dará moito de que falar.
Gabámonos hoxe de tallar un pequeno nicho neste templo -panteón romano e bitácora- para a voz poética de David Souto. O verso pulido, poderoso, perigosamente intelixente deste rapaz non necesita pais que buscarlle, anque as nosas manías xenealóxicas poderían apuntar algunhas das voces coas que dialoga a súa riquísima polifonía: o mellor Ferrín, Ramiro Fonte, Aquilino Iglesia Alvariño, Cunqueiro, Pound, Sibari, Valente, Bonnefoy, Vladimir Holan... E un longo etcétera. Só unha figura máis (non se pretende tampouco abrumar, xa que como dicía Marx, o peso dos mortos abafa aos vivos): Pere Gimferrer (o seu celebérrimo poema 'Oda a Venecia ante el mar de los teatros' fora a súa escolla particular como pórtico e homenaxe no recital que tivemos con el en Noia).
Sen máis preámbulos, xa vos deixo co poeta, que é o principal. Agardo que o disfrutedes.

LEMBRANZAS DE CALPURNIO

neve: ombros; unha cidade pasou sen se deter
A illa das mulleres loucas


Sobre a praia atoparon unha máscara.
¿Como baixar agora do castelo,
mortos pola dor? Inverno na aldea.
O camión impactou contra o cruceiro.
¡Unha confluencia de xeracións!
Viño nas estradas, bocois de leite
remontan o río cara á metrópole.
A estación do outono tenta embarcar.
Libera a natureza ás súas trabes.

A bacaloura pousouse no armario,
deixou ovos no peto do teu traxe.
Os salgueiros impóñense na fraga.
Puxeron escaleiras sobre as noites.
¡Curuxas! Escoita con atención,
no vento descodifícanse os astros.

No crematorio reúnense os meses.
Reinventar a estética do terrible,
velaquí a túa obsesión, afastarte
da brancura eterna dos calendarios.
¡¿Épica para a incerteza?!

Dafnis e Cloe son tan só un actante,
apodrecen coma unha flor. É tarde,
nas dornas non admiten máis viaxeiros,
cómpre disolverse no aire, transitar.
Sobre as cúpulas cae un mar de prata,
os tellados convértense en lugares
adecuados para a evasión. A gárgola
de cemento queixase polo seu ser.
O groso das mulleres axeónllanse;
un espello que representa o pasado.
Avergóñaste de ti mesmo. Home,
lixo, humidade, residuo, luz;
os vencedores destrozan a historia.

Nos cavorcos da alma canta un lagarto.
O xofre esténdese coas súas raíces,
chega ó mar para transformarse en alga,
transtorna o ritmo das respiracións.
¡A Emilia Pardo Bazán conxélaselle
o periodo nunha praza de Viena!
As formigas baixan moi lentamente
polos pasamáns do rústico pazo.
Os cans ladran coma se algo atacara
ás legumes que se cultivan na horta.
Nas rochas, o esqueleto da serea
é contemplado polos mariñeiros.
¡Que ledicia amarnos en inverno!
Non bebas o viño,

xa abonda por hoxe.

Naceron moitos nenos estes meses.
O millo antepúxose ós semáforos;
sobre os cemiterios viviu o ruido.
Destrúense as máquinas do peirao.

¿Atoparás os meus vellos pulmóns
entre estas latitudes?

16 comentários:

Nelly disse...

Vaia, parece que aprendeu algo este rapaz. De todos os xeitos non custa moito destacar nese grupo de mamuts no que se insire tamén este mamut, que parece ascender da mediocridade á intrascendencia.

Por certo Senescal, espero que desta sexas máis democrático e non anules as miñas entradas. Hai cousas que firen os ouvidos pero a realidade é iso puta realidade.

Sir Gawain disse...

Grazie,

David Souto, pola claridade e o talento; grazie, Seneschal, pola intelixencia e polo bo gusto. Podo comprobar que esas cualidades non abondan entre os comentaristas que me preceden e é que hai xente que se descualifica a si mesma. Eu non coñezo persoalmente ós que empregan as estúpidas descualificacións en lugar de argumentos e debates. Como nestes foros é bastante habitual, adico a todos os que o fan este mínimo fragmento satírico e L. C.:

RESPUESTA

Lo cretino, en ti,
No excluye lo ruin.

Lo ruin, en tu sino,
No excluye lo cretino.

Así que eres, en fin,
Tan cretino como ruin.



P. S.: Vale para os dous sexos.

polonius disse...

Ah, os ceos están a baixar ó reino de Camelot. Xa van tres anxos caídos, seica, e algún penoso aprendiz de demo!

seneschalkay disse...

A cuestión, como xa teño dito, non é se as cousas firen os ouvidos ou non. Entradas insultantes e descalificatorias persoalmente (sempre acompañadas amais da covardía do anonimato) descalifícanse por sí soas. Se me coñeceras algo a mín e algúns dos autores que publican aquí sorprenderíaste do receptivos que somos a calquera crítica, por despiadada que sexa, sempre e cando sexa formulada con educación e intelixencia. Son os insultos, pola contra, os que non só non atopan recepción en nós e neste meu blog, senón en calquera persoal imparcial que vexa os touros dende a barreira. Un "argumento" que se desacredita a sí mesmo e ao seu autor.
Doutro lado, comentarios abstractos sobre "mediocridade" e "intrascendencia" teñen que artellarse máis alá dunha simple enunciación para ser cridos. Se estes versos son acusados de tal, estaría ben que explicases onde radican esas cualidades, e de paso, non estaría mal que nos deses mostra cales son os autores -ou quizais a producción propia- que non case neses pecadillos que lle adxudicas a Souto -iso sí, recoñecendo que é o Mamut máis espelido.
O guiño "gracioso" do animal prehistórico tampouco o pillo. ¿Pretende apuntar a que temos posturas "rancias"? Seguro que se nos pode ilustrar tamén cales son as posturas "xustas" e "progres" que evitan a asociación con paquidermos extintos.
Ais... o que fai o anonimato... Algo que nin sequera os máis ruíns dos nosos detractores teñen que admitirnos é que lles damos a todos eles un repaso en valor, e no dicir as cousas á cara e non ás agachadas.
E a realidade. ¿Qué é a realidade? Hai moitos xeitos de percibila. E de deformala. E moita xente predisposta a ver certas cousas con lentes escuras...

Sir Gawain disse...

PODE FALARSE MÁIS ALTO, NON MÁIS CLARO. CONCORDO CON TODO O DITO POLO MEU BENQUERIDO E ADMIRADO SENESCHAL. En canto a Nelly, será mellor que se vaia a darlle masaxes ou a pasar os textos da novela do señor Arnaud (desculpe pola referencia a un filme bastante mediocre, ás veces non o podo evitar).

polonius disse...

Anímovos encarecidamente a que visitedes en Vigozoo o lugar onde se atopa a única galiña de Mos exposta ó deleite e particular pracer estético do público, fóra do seu habitual circuíto de granxas e cortellos varios para círculos restrinxidos.

Ah, os designios da cona brava!

Anônimo disse...

ramiro fonte e ferrín... xuntos?

deixémolo no máis epígono de tony colinas.

mta filoloxía pero o manifesto está ateigado de grallas. será pq o galego, ó tempo q a súa literatura, é lingua b e, x tanto, nel non importa a ortografía?

un pedante derrótase por un -z-.

david souto disse...

Grazas ó senescal por me incorporar neste niño de víboras sen veleno. Agardo os vosos comentarios, críticas constructivas ou destructivas pero críticas ó fin(si que creo que algo se pode aprender). Ouh ¡tony colinas!... admiro a cultura de usuario anónimo, chamaremolo/a para que nos corrixa os textos. ¿Que é filoloxía, habería que preguntar? ¡Filoloxía es ti! Am, que non morra nunca a progrellada rancia de filólogos ¿Ciencias da literatura...? Para que...
NELLY, moitas grazas pola intrascendencia. Recoméndoche que leas a versión alemana do Crotalón titulada Die Bunte Kuh; o diálogo que se establece entre o galo, o mamut e a ormitorrinca é moi interesante. Quizais comprendeses mellor a dinámica da nosa cultura(resumindo direiche que a ormitorrincaé como a solitaria e vai arrasando todo ó seu paso ata que...)PARA REMATAR: Insisto, agardo os vosos comentarios, sobre todo sobre o manifesto do outro día. Repítoo unha e outra vez, búscase diálogo ou, polo menos, diálogo cunha carga considerable de insultos pero algo de diálogo, por favor. Que non morra o dialoxismo.

P.D. Mañá é a degustación popular de Galiña de Mós. Coincide co do burro fariñeiro e co de Ourizo de Treviño. Haberá afamados escritores compoñendo odas. Achegádevos!

david souto disse...

AMMM, ESQUECÉUSEME SIMPLIFICAR OS GRUPOS CULTOS -CC- E -CT- DETRÁS DE U E I!!!!! MEU DEUS...

Sir Gawain disse...

O de Tony Colinas... ben, menos dá unha pedra... Sobre pedantes, zetas e outras herbas dáme un pouco de pereza opinar... O peor do galego non é que sexa unha lingua b, é que ten lectores b (algúns intervintes dos que me preceden verifícano). No manifesto da RL non hai filoloxía. Hai pensamento, sentido común e algunhas lecturas porque é máis sinxelo explicar un concepto remitindo a algunha formulación (imaxe institucional) anterior que mediante unha paráfrase. (NOTA: ¿Se cando non hai nada máis ca pensamento, sentido común e lecturas se opina isto?, ¿que pasará cando comecen a aplicarse verdadeiramente esas ciencias da literatura ás que Souto pertinentemente alude?)

Pregunta: ¿demostra Ferrín (o mellor escritor vivo do sistema literario galego) que a súa lingua é lingua b persistindo aínda hoxe nunha escrita que é calquera cousa excepto normativa?, ¿retirarase o seu lugar arredor da ola da camaradaxe ós poetas que seguen aínda empregando a segunda forma do artigo e os grupos cultos sen reducir (hainos, e non precisamente do lado desa bande à part que aparecía a RL)? Eu non pretendo valer 29 moedas de plata, sen embargo os sistemas b constitúense precisamente reproducindo dun xeito máis aberto e excluínte a lóxica da verticalidade. Reflexiónese sobre esta circunstancia.

A pedantería non depende da escrita/producción/enunciación. A pendantería depende só do código do lector, da súa formación e, sobre todo, da súa apertura mental.

Coido que, tanto o meu querido seneschal como os poetas do xoves na RL, poderían asinar a afirmación anterior. Se non fose así, poden do mesmo xeito aclaralo aquí, onde corresponde...

Anônimo disse...

"Preguiza", non "pereza".

Ánimo.

seneschalkay disse...

Corrector anónimo:
grazas polos teus esforzos salvíficos para salvarnos da mala ortografía, home.
É bo que as normas e as correccións deste estilo poidan aprenderse doadamente (ou consultarse en calquera manual) con escaso esforzo. Pola contra, o gusto estético e a arte do bo escritor eluden persistentemente ás medianías, que se ven limitados a arrapiñar as sobras que caen das súas mesas.
Un saúdo

Victor Botas disse...

Ánimo rapaces, pero aínda vos queda moito ximnasio.

EZRA POUND COMO MUSICA DE FONDO

Economistas, químicos,
sociólogos, -sicólogos, sexólogos, expertos
en temas de língüística,
y toda esa quincalla de los medios
de comunicación
social (también llamados,
por los más cultos, mass
media), ahora,
son flámines, arúspices;
en suma, son los sumos
sacerdotes: nos dan
la prensa como hostia, el sufragio
universal ( y las vacunas) como
circuncusión. ( También los buenos días
porla radio).

Nos dominan legiones
de mediocres, ocultos
bajo un título: habría
que temer mucho más a estos señores
que al mismísimo Atila.

Pero no;
los dejamos hacer, y así nos luce
el poco pelo que nos va quedando.

Sir Gawain disse...

Seneschal,

¿quen é a nova adquisición? Seguramente, alguén que si sabe estar no seu tempo e no seu país. (Quizais un apócrifo... iso espero.)

Vexo que a verdadeira poesía tomou este blog.

¿Demasiado estupendo para min?

Seneschal... ¿onde estás?

seneschalkay disse...

... ¿que non che vexo?
Tan sorprendido estou coma tí da nova adquisición. Mais como a vida é un teatro, labirinto e telenovela, esperemos que se vaia desnovelando o fío de Ariadna ao respeito da nova adquisición.
Estou na Serra de Outes, como suporás. Se te refires a ausencia de entradas, estaba agora mesmiño preparando unha nova.
Mañá ou pasado estarei pola 'Cidade da Pedra', Compostela. A ver se nos vemos.

onanista disse...

Simplemente non podo deixar de sorprederme por tanto bombo e platillo que se fai por estes catro rapaces tanto para ben como para mal, creo que é mais ben un insulto a decencia pensar que é un problema importante o futuro da poesia galega, se alguen se considera de esquerdas e só quero lembrar que tamen existe unha esquerda non-autoritaria: igualdade, liberdade e fraternidade. Hai alguen de por aqui que recorde estas cousas e os seus futuros desenvolvimentos? Cando hai rexions en latinoamerica que gañan menos de un euro ao dia para toda unha familia e os nenos sofren de desnutrición cronica, resulta un insulto a intelixencia pensar que o suposto bo-gusto dunha minoria occidental pequeno burguesa ten algo que ver co mundo real. Vivimos nun mundo de onanistas, por iso as veces me parece que os mellores poetas deste novo seculo son as brigadas Ezzedine Al Qasam que levan mellor que ninguen a poesia a vida.