terça-feira, agosto 16, 2005

A Montaña Máxica

Solicitaba Noel unha entrada arredor dese magnífico novelista que foi Thomas Mann, co gallo do cabodano nº 51 que tivo lugar o venres pasado. Porén, unhas liñas...
O noso breve século XX deu unha manchea de escritores que, malia a cegueira que impón a curta distancia, podemos apostar que perdurarán no tempo. Os textos que ceibaron as súas plumas amosan as máis altas cotas de xenio e profundidade; e un dos que compoñen esta Santa Compaña de artistas, da estirpe de Kafka, de Joyce e de Proust é Thomas Mann (1875-1955).



Anque a súa producción é moi variada, aquilo polo que é xustamente recoñecido é pola xenialidade das súas novelas, coroadas de épica e sutil ironía. Entre os títulos que o fixeron famoso están 'Os Buddenbrooks', 'A morte en Venecia', 'Xosé e os seus irmáns', o 'Doutor Fausto' e, sobretodo, a máis coñecida: 'A montaña máxica'.
Máis coñecida non significa, por desgracia, a máis lida. O tamaño desta magnífica opus é considerábel (case 1000 páxinas de letra pequena e papel delgado na miña edición (sic) de peto. E ¿qué topamos nesta novela? Mellor preguntémonos polo que non topamos.
Estas páxinas luminosas pintan diante nosa o fresco dun mundo que remata: a Europa feliz e apacíbel denantes da treboada final: a Gran Guerra. A imaxe lémbranos outros esforzos similares noutras artes (pensamos na 'Grande Ilusión' de Renoir), mais ningunha acada a profundidade do mestre de Lübeck.
Ao longo deste auténtico (e parodiado) Bildungsroman seguimos, pois, as peripecias de Hans Castorp, que nos outos cumios de Davos (Suíza) aprenderá todo sobre arte, amor e política. Esta última da man do conflicto entre dúas figuras irreconcilíabeis: Settembrini -o seguidor de Carducci, ilustrado e Enciclopedista- e Naphta -o xesuíta conservador, reaccionario e totalitario-. Mais como dixemos, é un mundo a piques de virse abaixo -alla Casa Usher-. Coma os demais elementos, as ideoloxías decimonónicas marchan con Castorp ás trincheiras das que nunca voltarán con vida.
Rematamos cun fragmento da épica: o enfrontamento final entre os dous sabios:

-Comecemos -declarou Naphta. ¡Avance, señor, e dispare! -berroulle ao seu adversario, e comezou él mesmo a avanzar co brazo tendido e a pistola dirixida cara Settembrini á altura do peito. Settembrini fixo o mesmo, e ao terceiro paso (o outro xa chegara á barreira) elevou a pistola desviándoa a apretou o gatillo.
A seca detoación foi repetida por un eco múltiple. As montañas devolvían o son. Hans Castorp pensou que aquilo ía intranquilizar a tódolos habitantes da rexión.
-Vostede disparou ao aire -dixo Naphta dominándose e baixando a arma.

-Disparo como me peta.
-¿Vai a disparar outra volta?
-Non penso facelo. Agora correspóndelle a vostede.
Settembrini fitaba cara o ceo e puxérase lixeiramente de perfil. Notábase que escoitara dicir que non era convinte presentarse ao adversario en toda a súa anchura, e inspirábase nese consello.
-¡Covarde! -berrou Naphta, facendo con este berro unha concesión ao sentimento humano de que era necesario máis valor para disparar que para que disparen. E elevando a súa pistola dun xeito que non tiña nada que ver cun combate, disparouse na cabeza.
¡Un espectáculo lamentábel e inolvidábel! Titubeou e caeu ao chan, mentres as montañas xogaban á pelota co ruído seco.
Todos ficaron por uns intres inmóviles. Settembrini guindou lonxe de sí a arma e foi o primeiro en agacharse sobor do seu adversario.
-Infelice! - exclamou-. Che cosa fai, per l´Amor di Dio!
Hans Castorp axudoulle a voltar o corpo. Viron un buraco vermello e negro na testa, e viron o seu rostro, que foi cuberto inmediatamente cun pano de seda que asomaba dende o peto da chaqueta de Naphta".

6 comentários:

Anónimo disse...

Aaaaahhhhh, Conde, alédome de atopar esta entrada no blog. O teu enciclopedismo non ten límites e o observador das alturas (Hans Castorp), bueno... ist wieder in sicht.

O que admiramos de Mann supoño é a exquisito encanto da Europa coas súas pantasmas no armario aínda capaz de comunicarse por última vez. Desde Alemaña antes da ruína, o Imperio ou a tranquila Suíza after the revolution... sempre recordado intelectual, pai casado e homosexual, amigo de Adorno...

Os modernos nunca abandorán á súa sorte a memoria do seu exilio...

Que o anxo descanse na paz que lle quede en Port Bou, as súas azas están estendidas e o seu rostro mira cara o derradeiro suxeito que podía ser Hans Castorp, ou posiblemente (ironicamente) Alma Mahler.

Anónimo disse...

Mentres agardo que os comparatas ou o propio padre padrone do blog digan algo e se estiren un pouco deixo unha simpática consideración de Paulhan neste lugar:

"Observad si no a Valéry, a Proust, a Gide, a Claudel, a Joyce, a Breton, a Sartre y a los demás: una mitad larga de su obra se consagra a demostrar que han tenido razón al escribir la otra mitad."

O autor na modernidade, no seu centro da súa dispersión está Thomas Mann.

FraVernero disse...

Moi deserta está esta nova casa miña. ¿U-los convidados? Non che sei o que andan a facer estes comparatas...
¿Ou será que non lles inspira moito o tema de Thomas Mann?
En todo caso, a ver se mañá meto algo novo. Xa teño dúas cousas pensadas: unha sobre a miña afición á mitoloxía, e outra sobre o frikismo da banda diseñada (hoxe volto pola tarde á feira do comic, en Coruña). Quizaves reparta cadansúa entrada en cadanseu blog (o xusto para non deixar orfo aos 'traballos de amor perdidos'.
Bicos mil.

Anónimo disse...

Home... pois se Thomas Mann non nos interesa non sei qué cousa nos pode interesar... Tiña pensado reler A montaña máxica antes de que rematase o verán, pero agora estou liado con Kafka e dubido que o faga.
Venecia morreu sepultada na peste. El o víu. Outros fixeron o imbécil tempo despois, e algúns non vimos que xa só eran pantasmas, que Pound cantara as súas ruínas, e el, a súa morte. O resto, tristes epígonos desubicados. Velaquí a nosa tardía pero nunca derradeira verdade.

Anónimo disse...

Imos ver sir gaguán, homiño, supoño que o Paulhan o escribiría en francés e non en espanish

Anónimo disse...

Vaites... vaites...